A Sarriana subiu ao máis alto da táboa clasificatoria do grupo I de Terceira RFEF tras vencer contundentemente na Ribela ao Barbadás por 5 a 0. Aproveitou ademáis a derrota do anterior lider, o Estradense, diante do Villalbés na Magdalena. Os de Alberto López suben posicións e xa se atopan quintos, polo que están en postos de promoción.
A UD Ourense é outro dos equipos que se atopa en play-off tras vencer cun axustado 4-3 no Couto ao Boiro. O tanto no desconto de Miguel Fernández sitúa ao seu equipo cos mesmos puntos que a Sarriana.
As vitorias de Polvorín e Arosa ante Gran Peña e Valladares respectivamente fan que ambos conxuntos sigan na loita polo liderado. A igualdade na zona privilexiada da clasificación é palpable. Os seis primeiros atópanse en 3 puntos. A Sarriana é primeira con 21 e o filial do CD Lugo é sexto con 18 puntos. Ademais do sétimo clasificado (Noia) ao décimo segundo a distancia é de soamente cinco puntos.
A próxima fin de semana trae consigo tres duelos directos na Terceira RFEF
A undécima xornada da Terceira RFEF vén cargada de emoción e encontros entre os conxuntos punteiros da categoría. O Estradense recibe ao Polvorín no Novo Municipal A Estrada, mentres que o Villalbés de Alberto López viaxará ata Coruña para medirse ante o Silva. O cadro da Grela comezou a tempada con bos números, mais tres derrotas consecutivas fixeron que a súa puntuación non pase dos 13 puntos actuais que suman. Porén, unha vitoria ante os da Magdalena volvería a enganchalos á cabeza. Na Ribela medirán forzas a Sarriana e o Viveiro, que firmou hai escasos días ao mítico Fabri coma adestrador. Os da Mariña lucense, con 3 puntos conseguidos dos últimos 18 en xogo, atravesan unha mala dinámica tras un gran arranque de competición.