# Tags
Fotografía: Juan Cella

Pablo Arnosi, Porriño Industrial: «No club hai unha mestura moi interesante entre mocidade e experiencia»

Tras un verán complicado no que se anunciou a súa fichaxe polo Rápido de Bouzas, Pablo Arnosi aterrou no Porriño Industrial no mes de agosto para reforzar a defensa do equipo dirixido por Rubén González, central retirado con experiencia en clubs de elite como o Real Madrid. O cadro do Lourambal estreouse na liga o pasado domingo cunha contundente vitoria en Barrantes (0-5) ante o Umia e Arnosi fixo o 0-2.

O central vigués repasa en Futbolingalicia a estrea ligueira, os seus primeiros meses na entidade, o seu paso polo Pontevedra Club de Fútbol, a súa fichaxe frustrada polo Rápido de Bouzas ou a súa relación con Rubén González, entre outros temas moi interesantes.

Futbolingalicia: Estreástesvos o domingo ante o Umia e vencestes por 0-5 con gol teu. Imaxinabas un debut mellor?



Pablo Arnosi: A verdade é que foi unha boa vitoria. Saíronnos bastante ben as cousas porque, ao final, comezar a liga fóra de casa e facelo con ese resultado é, sen dúbida, un gran debut. Na primeira parte estivo o partido moi igualado e eles chegaron cun pouco máis de claridade ata o noso primeiro gol. Tras o tanto de Samu Vilariño, eles tentaron apertar un pouco máis pero fomos capaces de defender ben neses dez minutos antes do descanso e irnos co resultado a favor. Á volta do descanso, os dous goles nos dous primeiros minutos provocaron que eles se viñesen abaixo. Saíunos todo redondo porque a segunda parte foi espectacular, gañamos moita confianza e despregamos un gran xogo nun campo moi complicado como é A Bouza.

FIG: Cales pensas que foron as claves do encontro?

PA: Pois un pouco o dito. Defender ben na primeira parte e provocar, coa nosa liña adiantada, que eles golpeasen en longo para gañar o segundo balón e poder combinar. Eles apertaron ben nos primeiros minutos pero logo fomos capaces de darlle a volta a esa situación. A clave principal foi o primeiro gol, aguantar o resultado no últimos dez minutos da primeira metade e lograr dous goles nos primeiros minutos da segunda parte. Iso acabou por desmoralizalos porque un 0-3 é un resultado moi difícil de remontar.



FIG: Sodes os segundos clasificados do grupo tras a primeira xornada. Que significa isto dentro do vestiario?

PA: Estamos moi contentos co resultado porque creo que fomos moi superiores ao rival. Con todo, a clasificación non deixa de ser algo anecdótico porque nos atopamos na primeira xornada, quedan 37 máis e temos tres puntos como moitos outros. Por tanto, ir segundos non significa nada para nós. Non temos ningún obxectivo concreto, pero queremos ir competindo partido a partido para lograr o máximo de vitorias posibles e loitar polo que podamos. Somos un bo equipo pero isto é moi longo, aínda que o comezo foi positivo por sumar de tres nun campo moi complicado.

FIG: Como están a ser os teus primeiros meses no Porriño Industrial?



PA: Os primeiros meses aquí están a ser moi bos. Estou moi sorprendido polo grupo humano de xogadores que hai no Porriño porque son todos uns rapaces espectaculares. Hai moi bo ambiente e unha mestura moi interesante entre mocidade e experiencia. Iso estase a notar durante este inicio de tempada porque a xente veterana axuda aos mozos e os mozos impulsan aos veteranos. A media de idade non é moi alta e unha das claves do ano será esta unión do grupo.

FIG: Que metas colectivas tedes para esta tempada?

PA: O obxectivo principal é competir día a día, partido a partido e semana a semana. Seguir traballando para que chegue o que teña que chegar. Como dixen, non temos ningún obxectivo concreto e queremos gañar os máximos partidos posibles para ir cara arriba na competición.

FIG: E cales son os obxectivos individuais de Pablo Arnosi?

PA: Quero seguir crecendo, seguir gozando do fútbol e xogar o máximo número de minutos posibles. Non teño ningún obxectivo marcado pero son unha persoa moi ambiciosa á que sempre lle gusta gañar e conseguir o máximo número de puntos, goles e vitorias. Non me conformo con xogar e xa está. Quero xogar, facer un bo partido e ser o mellor en cada adestramento. Iso é o que me gusta a min. Se podo dar un salto máis, pois tamén quero dar un salto máis.



FIG: Que significa para ti que Rubén González (central con experiencia en Real Madrid ou Celta entre outros equipos) sexa o teu adestrador?

PA: Ter un adestrador como Rubén, que foi futbolista profesional e formouse nunha das mellores canteiras do mundo como o Real Madrid, pois inflúe á hora de tomar unha decisión para asinar nalgún equipo. Sabes que che pode axudar moito e estou tentando poñer en práctica todos os consellos que me dá no día a día. A verdade é que é algo que facilita moito as cousas porque veñen de parte de alguén que estivo na elite xogando na túa posición e iso axuda a conseguir o obxectivo individual de seguir crecendo.

FIG: No verán anunciouse a túa fichaxe polo Rápido de Bouzas, pero nunca chegaches a debutar. Que nos podes contar sobre isto?

PA: Foi unha situación un pouco estraña. O Rápido de Bouzas é un club histórico e é unha pena o que está a pasar alí. Non sei o que pasará no futuro pero o que sucedeu este verán foi unha auténtica mágoa. Tivemos sorte de que a situación ocorrese antes de empezar a liga porque, nese caso, sería máis complicado atopar outro equipo para seguir xogando. Se che pasa en xullo, como nos pasou a nós, podes atopar alternativas. Son situacións que a ninguén lle gusta vivir e é unha pena que pasen estas cousas nun club histórico que hai pouco estaba a competir en Segunda B. Molesta porque a calquera xogador de Vigo motívalle xogar no Rápido de Bouzas pero son circunstancias que un ten que vivir. Afrontouse da mellor maneira e tiven a sorte de acabar no Porriño. Estou moi agradecido polo trato e moi contento co equipo, compañeiros e corpo técnico. Todo pasa por algo e, se tivo que pasar isto, será porque algo bo vén detrás. Tampouco creo que debamos botarlle máis leña ao lume.

FIG: Abandonaches a disciplina do Pontevedra CF este verán tras tres cursos e medio como granate. Como lembras esa etapa?

PA: A etapa no Pontevedra foi espectacular e moi bonita. Fíxome crecer moito como persoa e como xogador. Cheguei sendo un rapaciño con 21 anos que viña de non xogar e de pasalo mal no Alondras e en Pontevedra atopeime con moitas facilidades. Desde o primeiro momento tratáronme xenial e déronme toda a confianza do mundo, tanto con Moreira como con Luismi e Jesús. Os dous últimos anos estiven a adestrar en dinámica de primeiro equipo e aprendín e madurei moitísimo. Estou moi agradecido a todos os corpos técnicos, compañeiros e directiva porque foi unha das mellores etapas da miña vida. Formáronme moito e xogar no Pontevedra é algo moi significativo para min. Simpaticei moito co equipo e coa idiosincrasia do club e só teño palabras positivas para eses tres anos e medio. Fixen moitos amigos e asinar alí é algo do que nunca me vou a arrepentir.

FIG: Quédache esa espiña de non debutar no primeiro equipo?

PA: Si que é verdade que queda esa espiña, pero son cousas que non están baixo o meu control. Non pasa nada. Estar dúas tempadas adestrando con eles, un en Primeira RFEF e outro gozando dunha fase de ascenso a esa categoría, son momentos que levas contigo e que che fan crecer e madurar como futbolista. Iso é o primordial cando estás nun filial. Estou encantado e moi agradecido ao Pontevedra CF. Aquí hai un granate máis para sempre.

Fotografía: Juan Cella

Pablo Arnosi, Porriño Industrial: «No club hai unha mestura moi interesante entre mocidade e experiencia»

Montañeros, Sigüeiro e Lalín abren a tempada

Pablo Arnosi, Porriño Industrial: «No club hai unha mestura moi interesante entre mocidade e experiencia»

Elena Casal, responsable da arbitraxe feminina en

1 Comment

Leave a comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *