Xa levamos un mes de competición e cómpre revisar como lle vai a unha das categorías máis competidas do fútbol galego: a Preferente Futgal. Estas seis xornadas deron moito que falar e, cos datos na man, xa se poden tirar algunhas predicións… Con todo, se hai unha competición capaz de sorprender incluso aos máis afeccionados é esta. Quedade connosco para coñecer as novidades máis destacadas da Preferente Futgal!
E como vai a cousa no grupo 1?
Ninguén quere ceder o liderado, tal e como se pode comprobar na táboa clasificatoria. Negreira, Sofán e San Tirso sitúanse á cabeza da mesma con 13 puntos, poñendo de manifesto a súa condición de favoritos ao ascenso. A diferenza de goles sitúa ao conxunto do García Calvo na primeira posición, logo de vencer ao Noia por un gol a dous. Un triunfo moi meritorio para os da Barcala que se adiantaron no electrónico por mediación de Alberto Freire. Quen se non? O ‘mago de Campolongo‘ leva xa tres goles na súa conta particular e sitúase como un dos máximos artilleiros do seu equipo xunto a Ivi e Hugo Suárez.
Ao Sofán tamén lle foron ben as cousas e encadean tres vitorias consecutivas tras golear ao Chantada. Boa parte de culpa tivo David Barreira, o seu novo killer. Procedente do Atlético Cercedense, o ariete acumula xa 4 dianas neste inicio de campaña onde deixou constancia da súa clase e habilidades de cara á porta.

E do talento ofensivo pasamos á solidez defensiva porque o San Tirso axexa aos seus dous rivais mentres mantén a súa meta ben gardada. Os pupilos de Fabio Rodríguez só encaixaron en dúas ocasións e queren seguir nesa liña que, polo momento, os sitúa como o terceiro mellor combinado deste grupo 1.
As olladas tamén se sitúan sobre un Pol e un Noia que seguen moi de preto a este triunvirato. Fano en parte grazas ao bo labor de Fito Periale e José Kanté, respectivamente. 5 tantos colocan ao dianteiro arxentino como o pichichi da competición, mentres Kanté rexistra a mellor media goleadora, con 4 tantos en 4 partidos.
E como vai a cousa no grupo 2?
Máis do mesmo no grupo 2, onde aínda queda moita tela por cortar. Iso si, quen está a marcar o ritmo nestas primeiras datas é o Marín. O seu balance é de 5 vitorias e unha soa derrota, chegando a encadear catro triunfos consecutivos neste último mes. Con Andrés como o seu gardarredes e outros nomes como Aram Pazos ou Churre na zaga, a súa defensa non está a ter moitas complicacións. E en ataque… Toda unha constelación de estrelas. Santi Gegunde ou Keko Ventín viron porta ata tres veces, mentres que Sylla, fíxoo en seis ocasións. O atacante senegalés é o home-gol deste Marín cuxo obxectivo pasa por ascender a Terceira RFEF.

Para iso non deben relaxarse nin un instante. A pesar de empatar nos seus últimos dous encontros, o Lemos atópase a un punto da escuadra do Morrazo. O ano pasado quedaron ás portas da máxima categoría do fútbol galego e esta temporada queren dan por fin o salto. Por iso confían nun home que xa pasou polo seu banco e coñece o club á perfección. Alberto López é o encargado de levar as rendas do Lemos e xa está a deixar o seu selo no plantel branco e negro: só encaixaron dous goles ata o de agora. En parte, debido ao bo rendemento do seu cancerbeiro, Pablo Losada.
Un estilo contraposto ao do terceiro clasificado, o Villalonga. San Pedro está a vibrar co gran inicio dos seus e moi especialmente cunha das fichaxes máis diferenciais da categoría: Marcos Blanco. No seu regreso ao club do Salnés, o centrocampista de Meis leva xa 4 dianas, ao igual que un dos seus mellores socios na punta de ataque, Jorge.

Atios e Porriño completan as prazas de play-off e un pouco máis atrás atópanse o Verín ou o Cultural Areas entre outros. Sexa como sexa, o grupo 2 sempre promete igualdade e grandes emocións…

Os partidos da xornada
Se tedes a fin de semana libre, non dubidedes nin un intre en achegarvos a un campo de fútbol. Desde FutbolinGalicia propoñémosvos esta escolma cos mellores partidos da xornada 7.
O García Calvo acollerá un Negreira – Puebla onde o cadro barbancés buscará dar a sorpresa ante o líder. Dese enfrontamento estará pendente o San Tirso que xogará á súa vez contra o Miño, tamén en posicións de play-off.
E no grupo 2, Atios e Villalonga loitarán por afianzarse nas primeiras posicións, mentres o Valadares visita ao Atlántida Matamá nunha reedición deste derbi vigués.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































