# Hashtag

Volve o fútbol oficial coa mirada posta no novo curso

A fin de semana marca o regreso das competicións oficiais da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), que este sábado e domingo dará o pistoletazo de saída a unha nova tempada. Tras varias semanas de pretemporada, os equipos galegos afrontan xa os primeiros partidos nos que os puntos estarán en xogo.

A actividade comezará coa Terceira Federación, que inaugura este sábado unha nova campaña cunha ampla representación de clubs galegos. A categoría, un dos principais escaparates do fútbol autonómico, volverá concentrar boa parte da atención durante unha primeira xornada na que os equipos buscarán comezar con bo pé como é o caso do Alondras e o Pontevedra que estrean hoxe a competición.

Este sábado tamén se xogará na Magdalena o Racing Vilalbés – Atlético Arteixo, deixando para mañá todo o resto da xornada, onde haberá partidos con moito que dicir. É o caso do derbi ourensán entre Arenteiro e Barco, o debut do Antela na categoría visitando ao Viveiro, os regresos de Lalín e Portonovo en Vigo e Somozas, respectivamente, ou o Boiro – Atlético Coruña Montañeiros, un dos partidos máis agardados da Xornada 1.



Tamén este sábado botará a andar a Preferente Galicia, tanto na súa competición Norte como Sur, co regreso dunha categoría na que a igualdade adoita ser unha das principais características. Os equipos afrontan o primeiro capítulo dun longo percorrido no que o obxectivo será asentarse na parte alta e pelexar polo ascenso ou, no caso contrario, evitar os postos complicados da clasificación. O Pol – Noia será o único partido da categoría que se disputará hoxe, mentres que o Alertanavia . Atios abrirá o domingo o Grupo 2 a partir das 16.30 horas.

De igual forma será a quenda da Primeira Futgal, que recupera a competición oficial despois do verán. A categoría volverá ser unha das máis numerosas do fútbol galego e repartirá os seus primeiros puntos da tempada entre os diferentes grupos, co atractivo de comprobar como chegan os equipos despois dunha pretempada na que os resultados pasan a un segundo plano. Os Grupo 1, 3. 4 e 6 terán que agardar ao domingo para comezar a competición, mentres que o Boimorto – Sporting Meicende abrirá a competición hoxe no Grupo 2 e o San Martín – Abanqueiro fará o propio no Grupo 5.

A fin de semana completarase co inicio da Liga Nacional Xuvenil, que tamén dará os seus primeiros pasos esta fin de semana. Os equipos xuvenís afrontan así unha nova tempada nunha competición marcada pola formación, pero tamén pola competitividade e polo obxectivo de consolidarse nunha das principais categorías do fútbol base galego.



Deste xeito, o fútbol territorial galego recupera a normalidade competitiva e deixa atrás as probas estivais. Os puntos xa están en xogo e comeza unha tempada que se prolongará durante os próximos meses, con ascensos, descensos e obxectivos moi diferentes para cada equipo.

Volve o fútbol oficial coa mirada posta no novo curso

O equipo de Primeira Futgal que ficha

Volve o fútbol oficial coa mirada posta no novo curso

Volve o fútbol oficial coa mirada posta