# Hashtag

Felipe Blanco, Cidade de Ribeira: «Somos os primeiros que queremos ascender e asumimos esa responsabilidade»

O Cidade de Ribeira xa está no máis alto do grupo 5 da Primeira Futgal. O conxunto barbanzán alcanzou o liderado esta fin de semana tras impoñerse por 4-2 ao Abanqueiro nun derbi no que Felipe Blanco foi un dos protagonistas cun dobrete. O atacante suma cinco goles no que vai de liga, malia perderse tres encontros, e destaca o bo traballo colectivo como unha das claves do gran inicio do equipo, que busca recuperar a categoría de Preferente apenas unha tempada despois do descenso.

A súa traxectoria está moi ligada ao fútbol da comarca. Formado, entre outros, no Bertamiráns e no Lugo, pasou polo Boiro, co que chegou a marcar en Terceira sendo xuvenil e a disputar a Copa do Rei ante o Mallorca, antes de vivir unha etapa de gran rendemento no Valiño. Agora, nun proxecto co que se sente moi identificado, ten claro que o obxectivo pasa por loitar polo ascenso, pero sen perder a perspectiva.

Futbolingalicia: O Cidade de Ribeira subiu esta fin de semana ao primeiro posto da clasificación tras vencer o Abanqueiro por 4-2. Como foi este derbi do Barbanza?



Felipe Blanco «Foi un partido especial, como sempre que xogas un derbi. Sabemos que son encontros diferentes, nos que hai moita rivalidade e nos que os dous equipos temos unha motivación extra. Creo que fixemos un bo partido, soubemos competir e aproveitar as nosas ocasións, aínda que tamén perdoamos bastante, e iso vai por min. Recibir dous goles non é agradable, o míster sempre nolo recalca, pero o importante era conseguir os tres puntos».

FIG: Que valoración fas deste inicio de tempada?

FB: «É moi positiva. Creo que o equipo está a facer un bo traballo desde o principio, tanto nos adestramentos como nos partidos. Temos un grupo moi bo, con moitas ganas de facer as cousas ben, e iso despois nótase no campo. Aínda queda moita liga, pero empezar así dá confianza e demostra que queremos estar arriba».



FIG: Anotaches dous goles e xa sumas cinco nun inicio de liga no que te perdiches tres partidos. Como te estás a sentir este ano?

FB: «A nivel individual estou moi contento. Síntome cómodo e con liberdade na dianteira. Sempre é importante axudar o equipo con goles e, ademais, estou desfrutando. É verdade que me perdín tres partidos e que despois me custou un pouco volver engancharme ao equipo, sobre todo polo nivel que están a demostrar os meus compañeiros. Aínda así, teño marxe de mellora e o meu obxectivo é seguir traballando e dar o máximo nos partidos. E se é marcando moitos goles, moito mellor».

FIG: Como vedes a loita polo obxectivo principal, que é o ascenso a Preferente?



FB: «Sabemos que vai ser unha liga moi competitiva e que hai varios equipos cos mesmos obxectivos ca nós, que son o ascenso. É o noso propósito, pero somos conscientes de que non se consegue en outubro ou novembro, senón sendo regulares durante toda a tempada e aproveitando os pinchazos deses equipos. Temos que centrarnos en nós, ir partido a partido e non perder de vista o que queremos conseguir. Se seguimos nesta liña, creo que imos ter opcións de loitar polo ascenso».

FIG: Sería un fracaso non volver á categoría?



FB: «Non me gusta falar de fracaso, porque no fútbol poden pasar moitas cousas e hai moitos factores que inflúen. Pero, evidentemente, somos conscientes da esixencia que hai no club e da ilusión que existe por recuperar a categoría. Nós somos os primeiros que queremos ascender e asumimos esa responsabilidade».

FIG: Como viviches o descenso do ano pasado e por que decidiches quedar no club?

FB: «Foi un momento duro, porque cando estás nun club e nun vestiario así acabas colléndolle cariño á xente e sempre custa asumir unha situación dese tipo. Creo que ninguén esperaba que as cousas acabasen desa maneira, pero foi así. Tocaba mirar cara adiante e afrontar as consecuencias. No meu caso, quixen quedar porque me sinto moi a gusto no club, tanto cos adestradores e compañeiros como coa afección e coa xente que forma parte do Ribeira. Creo que había un proxecto ilusionante e por iso quedei».

FIG: Na túa carreira, o Boiro, o equipo da túa vila, ten moito peso, mesmo cun gol en Terceira aínda sendo xuvenil. Como recordas esa etapa e como se produciu a túa marcha?

FB: «No Boiro pasei boa parte dos meus anos no fútbol e, ademais, é o club da miña vila. Poder chegar ao primeiro equipo e que contasen comigo, sabendo o nivel que había, foi moi importante para min. Lembro que aquel gol foi sendo xuvenil e tras un pase de Anxo Vidal, compañeiro co que xogo agora no Ribeira. Foi unha etapa na que aprendín moitísimo, na que puiden compartir vestiario con xogadores de moita experiencia e competir a un nivel máis esixente. Decidín marchar no momento en que xa vía que o adestrador non contaba moito comigo. Eu quería xogar, non estar sentado». 

FIG: Nunha desas tempadas participaches na Copa do Rei ante o Mallorca de Javier Aguirre. Que sensacións che quedan daquela experiencia, na que chegaches a xogar media hora?

FB: «Foi unha experiencia incrible, desas que quedan para sempre. Xogar unha competición como a Copa do Rei e facelo diante dun equipo de Primeira División é algo moi especial, porque para un rapaz é unha oportunidade que non se vive todos os días. Poder disputar eses minutos foi un premio ao traballo que levaba facendo. Lembro que, aínda que xogase menos tempo, xa me chegaba. Había moito nivel e tocaba correr detrás deles».

FIG: Despois diso recalaches no Valiño e pasaches unha tempada e media de gran nivel individual. Que valoración fas daquela etapa?

FB: «A nivel individual foi moi positiva para min. No Valiño puiden ter continuidade, sentirme importante e cómodo e, sobre todo, estar cos meus amigos, que era o que necesitaba nese momento, e desfrutar do fútbol. Creo que foi unha etapa na que medrei bastante, gañei confianza e puiden demostrar mellor as miñas características como xogador. Gardo un recordo moi bo, a verdade».

FIG: Nas categorías de base pasaches polo Lugo B, de Liga Nacional xuvenil, e polo Bertamiráns, de División de Honra cadete. Que aprendizaxe sacas daquelas tempadas?

FB: «Foron dúas experiencias moi importantes na miña formación. Tanto no Bertamiráns como no Lugo puiden competir en categorías de moito nivel. No Lugo tamén aprendín a vivir só, con 16 anos, e iso cámbiate bastante. A nivel futbolístico aprendín moito. Ao final, cando es novo, tes que adaptarte a novos compañeiros, adestradores e demais. Todo iso axúdache a medrar non só como futbolista, senón tamén como persoa. Son anos dos que gardo moi bos recordos».

Felipe Blanco, Cidade de Ribeira: «Somos os primeiros que queremos ascender e asumimos esa responsabilidade»

Novidade no fútbol galego: saúdo ‘fair play’

Felipe Blanco, Cidade de Ribeira: «Somos os primeiros que queremos ascender e asumimos esa responsabilidade»

Felipe Blanco, Cidade de Ribeira: «Somos os