# Hashtag

Os Diferenciais cargaron de goles a xornada festiva (P. II)

A xornada 6 estivo marcada polo luns festivo, no que aínda quedou algún partido por disputar. Unha fin de semana de goles, remontadas e emoción ata o último suspiro, con varios protagonistas que marcaron a diferenza nos seus equipos. Repasamos decontado as actuacións máis Diferenciais da Primeira Futgal.

Regresar á boa senda

Sempre presta un +3, especialmente cando se vén de caer na xornada anterior…

Á Peroxa non lle custou desfacerse do Atlético Vilariño, goleando aos do Pereiro de Aguiar por un contundente 2 a 6. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Rubén Alcantarilla fixo o primeiro da tarde. A este seguiulle outro e, pouco a pouco, os homes de Josiño fixéronse co control do partido. Alcantarilla volveu aparecer en escena para pechar o seu hat-trick particular e sentenciar as cousas a prol dos seus. Logo de caer na primeira xornada, o conxunto da Ribeira Sacra soubo refacerse e acumula cinco xornadas consecutivas puntuando.



Iso si, o liderado do grupo 4 segue a pertencer a un Córgomo que bateu ao Polígono San Cibrao por tres goles a cero. Peke abriu a lata para os de Valdeorras, cuxa renda se viu incrementada antes de chegar ao entretempo. Lonxe de relaxarse, o combinado branco e verde seguiu a atacar ao ‘submarino amarelo’, incapaz de xestionar o continuo asedio por parte dos locais. A estocada definitiva tardou en chegar, pero cando o fixo botou por terra as esperanazas dos ourensáns. Outro tanto de Peke puxo o punto e final no Bañadoiro.

Máis axustado foi o Muíños – Sporting Carballiño, resolto en favor dos primeiros (2-1). O seu gran inicio permitiulles tomar vantaxe aos catro minutos para, nun abrir e pechar de ollos, aumentar a diferenza por mediación de Sergi. No seu regreso á Moreira, o ariete ourensán leva dous tantos que o converten nun dos xogadores máis destacados na ofensiva de Varandela. Co paso dos minutos, os carballiñeses subiron as súas prestacións e conseguiron achegarse no electrónico, pero non foi suficiente para rescatar un punto da Baixa Limia.

Sen ceder

A realidade do grupo 5 adoita caracterizarse polo apertado do seus duelos, e non tanto por estas malleiras.



Como a vivida na Ran, onde o Ponte Caldelas lle endosou un 1 a 5 ao Atlético Cuntis. Ambos equipos protagonizaron un comezo ben igualado e no que os arlequinados estiveron máis afortunados de cara ao gol. Nada máis comezar a segunda metade, Raúl Garrido converteu o segundo tanto verde e branco, dándolle aos seus compañeiros máis tranquilidade. Trátase da quinta anotación para o dianteiro, cuxo inicio de campaña está a ser espectacular. O Ponte Caldelas non deixou de atacar a meta rival e conseguiu ampliar a súa vantaxe ata en tres ocasións.

Por outra banda, o Unión tampouco tivo problema no seu compromiso desta fin de semana e impúxose por cinco goles a cero ao Abanqueiro. Os de Asados saíron co coitelo entre os dentes e en apenas dous minutos puxéronse por diante no electrónico. Con todo, o ritmo de xogo entrou en pausa e non houbo variacións ata que a máquina vermella se volveu reactivar. Boa parte de culpa tivo Chuso, quen asinou un dobrete para poñer terra de por medio e encarrilar o enfrontamento para os intereses do Unión. Non hai nada como ter ao teu killer en boa forma…

E no alto da táboa segue o San Martín, despois de gañarlle ao Amanecer de xeito contundente (1-7). Decidida a facerse cos tres puntos, a escuadra de Vilaxoán non deixou de pisar o acelerador durante a primeira manga. E é que en corenta e cinco minutos xa ía cinco goles arriba, grazas en parte ao bo labor de Carlo. Quen se non? O xogador arousán volveu deixar unha actuación para o recordo cun hat-trick que aparecerá nos soños da defensa branca. Unha zaga que, precisamente, non realizou o seu mellor papel ao encaixar tamén dous autogoles.



O segredo está preto do Miño

A competitividade dos equipos do Baixo Miño e arredores é notable e basta con preguntarllo ao resto de representantes do grupo 6.

Colle aire o Tomiño tras superar por dous goles a cero ao Tyde. Como é propio nos derbis, a intensidade foi unha constante desde os primeiros minutos, pois ámbolos dous conxuntos buscaron o triunfo en todo momento. A insistencia do cadro do Alivio foi maior e foi así como tomaron vantaxe á media hora de comezar. Non quedou aí a cousa e Borja dos Santos aumentou a contía vermella para desesperación dos tudenses. Dá igual se o entra desde o banco ou o fai como titular, porque o xogador do Tomiño sempre rende, tal e como proban os seus dous goles neste comezo de curso.



Cos mesmos puntos atópase un Gondomar que fixo os deberes ao deixar na cuneta ao Domaio (2-1). A quen madruga, Deus axúdalle e o combinado do Val Miñor puxo en práctica o dito cun inicio fulminante. Dieguito brillou con luz propia e anotou un fantástico dobrete para deixar na lona aos seus adversarios. Aos seus corenta anos, o vigués demostra unha vez máis as súas habilidades de cara a porta, probando que quen tivo retivo. Así e todo, o Domaio non tirou a toalla e conseguiu acurtar distancias, pero non foi suficiente para levantar o encontro e rescatar un punto das Gaiandas.

O Gondomar celebra no vestiario a súa vitoria fronte ao Domaio. FOTO: GONDOMAR CF

E o Progresista continúa a subir postos a costa do Caselas, ao cal venceu por 3 a 1. A pesar de levaren camiños ben diferentes, os dous equipos disputáronse o esférico así como as opcións para poñerse por diante. Os de Salvaterra foron os primeiros en golpear, aínda que os salcedáns conseguiron reequilibrar a balanza cando a primeira parte tocaba xa o seu fin. Unha alegría efémera, pois na prolongación, o Progresista fixo o 2-1. Sebastián Insagaray quixo rematar o enfrontamento e deu entrada a Bruninho, quen selou o triunfo albivermello co terceiro e definitivo tanto.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Os Diferenciais cargaron de goles a xornada festiva (P. II)

Os Diferenciais cargaron de goles a xornada

Os Diferenciais cargaron de goles a xornada festiva (P. II)

Os Diferenciais cargaron de goles a xornada