Vinte anos despois, un equipo de Primeira División visitou San Lázaro en partido oficial. A cita foi toda unha festa nas bancadas do Vero Boquete, que vibraron e alentaron a unha SD Compostela que plantou cara e deixou bos minutos ante o Alavés, que selou o pase á seguinte rolda (0-1) grazas a un gol que atoparon nos primeiros compases do encontro.
Con todas as entradas dispoñibles vendidas e un ambiente que lembraba a tempos pasados, comezou o partido. Hugo Matos achegouse a área rival ás primeiras de cambio e no minuto catro protagonizou unha clara ocasión, ao cabecear un balón servido dende a dereita por Fer Cano, pero o remate marchou fóra.
Pouco despois, no once, o Alavés abriu a lata cun centro á área que puxo Egoitz e que Kike introduciu na súa propia portería ante a mirada de Villalibre. Aínda que o equipo de Antón Permuy non baixou os brazos, atopouse cun novo golpe en forma de lesión. Tras recibir asistencia en dúas ocasións, Hugo Matos non puido continuar sobre o verde. Marchou mancado, co nocello inchado. Landeira ocupou o seu posto.
No que restou da primeira metade, Fer Cano, un dos destacados do Compos neses primeiros 45 minutos, serviu un balón á área do Alavés que rexeitou a defensa. Tamén probou fortuna Diego González, cun disparo que sacou de puños Owono.
O Compos buscou o empate na segunda
Cun troco no cadro vasco comezou a segunda entrega do partido. Manu Rivas tivo a primeira ocasión do Compos, cun disparo que marchou por riba da trabe. O alento das gorxas dos Fendetestas e dos bombos da peña Fonte Sequelo, unido ó calor dos máis de 7.000 espectadores, impulsaron aos de Permuy, que saíron ben no inicio do período decisivo.
Roque e Casas deixaron o seu sitio a De Prado e Selasi para afrontar a última media hora de xogo. Pediu penalti a afección nunha caída de Landeira en área rival. O colexiado amosoulle o cartón amarelo por simular ao canteirán, unha decisión que o futbolista non protestou. O Compos buscaba o empate sen descanso, deixando bos minutos co balón. Permuy deu entrada a Cinta e Samu, no lugar de Diego e Fer Cano. Ao pouco de ingresar ao verde, caeulle ao dianteiro estremeño un balón que, sen fortuna, rematou contra as pernas de Manu Barreiro.

O Compos apertou con forza no tramo final, sentíndose cómodo en campo rival. No 82, Santi De Prado foi quen de rematar no área do Alavés un balón prolongado por Landeira, pero o ex da UD Ourense chegou forzado e mandouno fóra. Tampouco finalizou con éxito, xusto na seguinte xogada, Landeira.
O Alavés comezou a xogar co reloxo mentres os locais amosaban moita fame. O equipo de Vitoria tivo ocasión para sentenzar por dúas veces, pero acabou levando a vitoria pola mínima. A afección despediu o equipo cun forte aplauso e berros de ánimo. «O Compos merece ser de Primeira!«, berrou o speaker polos altofalantes dun Vero Boquete que o domingo volve á realidade. O Coruxo visitará o feudo santiagués no partido correspondente á décima xornada da Segunda RFEF.
Así o viu Antón Permuy
“Creo que merecemos o empate. O equipo fixo un gran partido e estamos orgullosos, pero con certa rabia, por, polo menos, non ter forzado a prórroga. Faltou acertar no último pase, nas chegadas. Era un contexto moi complicado, pero o equipo competiu moi ben. Sufrimos menos do que podía parecer a priori e encaixamos o gol nunha acción illada”.

“Xerouse un grande ambiente que axudou cando semellaba que quedabamos sen enerxía. Parecía que non había pistas no campo. Sentimos a xente moi preto. Oxalá a xente que veu hoxe se enganche e volva. Foi como xogar con 12 ou con 13. Parecía outro estadio diferente. Entre todos temos que remar para que se dean as circunstancias e que a cidade se involucre”.
“Hugo Matos ten o nocello inchado, a ver como evoluciona. El di que está para o domingo, pero ata mañá non saberemos”.