As futbolistas do Atlético Villalonga decidiron romper o silencio e denunciar publicamente as condicións nas que están competindo esta tempada. As xogadoras expresaron o seu malestar a través dun comunicado que compartiron nas súas redes sociais e que estaba emitido pola Asociación de Futbolistas Españoles (AFE).
Dende o club ninguén contesta aos medios e as xogadoras teñen todo exposto no comunicado que imos analizar. O texto fala da falta de recursos, o incumprimento de promesas e a precariedade coa que están afrontando a competición na Segunda Federación.
Unha carreira de obstáculos
O 6 de febreiro a AFE emitía o comunicado onde denunciaba a situación das xogadoras do equipo de Sanxenxo. A nota expón unha serie de puntos que levan existindo na dinámica do equipo dende o inicio de tempada e que se agravan día a día.
Dentro das explicacións concedidas falan da falta total de respaldo por parte do club, de situacións onde se ven obrigadas a asumir gastos e incluso a competir sen as condicións mínimas necesarias. Entre algúns dos problemas máis graves que denuncian atópanse:

- A falta de pagamento a certas futbolistas e atrasos no abono do seu salario.
- O trato desigual ás xogadoras á hora do tratamento dunha lesión.
- A escasa preparación do anterior adestrador (que presentou a súa dimisión en xaneiro) e a mala xestión na adaptación do novo corpo técnico sen consultar ao equipo o reaxuste de horarios
O comunicado continúa sinalando diferentes condicionantes como o terreo de xogo. Todos os partidos como local xóganse no Novo San Pedro, campo de céspede natural. A entidade comprometeuse a que o equipo adestraría en terreo natural dous días á semana, pero esa promesa tampouco se cumpriu.
Toda esta situación chegou a tal punto que o grupo considerou facer público o seu malestar para amosar o problema e esixir solucións.

O apoio da AFE e a reacción do fútbol feminino
A AFE é a asociación que emite o comunicado oficial que respalda a denuncia das xogadoras do Villalonga, cualificando a súa situación laboral como «precaria«. Con todo isto, esixen ao Atlético Villalonga e ao Pontevedra CF, que dende esta tempada asumiu a xestión do equipo de Sanxenxo.
No comunicado resumen a situación en dúas liñas finais: «…que solucionen esta situación alarmante que sofren a diario, co obxectivo de que sexan tratadas como o que son , futbolistas profesionais» , «…do contrario, veranse na obriga de tomar outras medidas coa única finalidade de loitar polos seus dereitos e preservar a súa saúde mental«.
O caso xerou un gran impacto na comunidade do fútbol feminino, con numerosas mostras de apoio ás xogadoras do Villalonga por parte de compañeiras de profesión e doutros sectores. Moita crispación tamén dende a afección granota que senten que a entidade non está cumprindo co compromiso exposto tralo convenio co equipo feminino.

A competición segue o seu curso
Con toda esta situación o equipo acadou unha vitoria de vital importancia ante o Atlético de Madrid ‘C’ por 2-1. Esta fin de semana teñen un dos desprazamentos máis longos ata Barcelona para enfrontarse ao CEE Europa, en terceira posición.
O caso do Atlético Villalonga é un exemplo máis das dificultades que seguen existindo no fútbol feminino. Mentres a loita pola igualdade e la profesionalización continúa, as futbolistas do equipo galego veñen de dar un paso á fronte para amosar a súa realidade. Agora, a pelota está no tellado do club sanxenxino e do pontevedrés.
