Hai máis dun mes que o equipo senior do Laracha CF (Primeira Galicia, grupo A Coruña-Ferrol) deixou de aparecer na programación semanal de partidos que este emblemático club, fundado en 1965 e con varias tempadas en Terceira, comparte en redes sociais. Para moitos, o encontro que disputaron ante o Orillamar o pasado 14 de abril e no que caeron 0-2 puido ser o último partido da historia do Laracha, algo que o seu presidente, Juan José Fuentes, descartou nunha entrevista.
Sexa como sexa, a realidade é que o equipo non compareceu nas últimas catro xornadas por decisión da directiva, que vía como o club ocupaba postos de descenso. Agora, o Laracha xa figura como retirado da competición na Federación Galega de Fútbol, cuxo Regulamento Disciplinario establece multas de 120 euros por cada incomparecencia, así como a derrota no partido correspondente e a perda de tres puntos. Non presentarse a un encontro por terceira vez nunha tempada, situación na que incorreu o Laracha, é sinónimo da retirada do equipo da competición.
Pero as consecuencias irán máis alá. Segundo o citado documento federativo, «o club excluído quedará adscrito ao remate da tempada á división inmediatamente inferior (neste caso a Segunda Galicia), sen dereito a ascender ata transcorrida unha máis, e se ao consumarse a infracción estivese virtualmente descendido, á inmediatamente seguinte)».
Por tanto, o Laracha, polo que no seu día pasaron xogadores de renome e actuou como filial do Real Club Deportivo da Coruña, enfróntase agora a un futuro incerto. A iso hai que sumar as queixas dalgúns xogadores, que denunciaron nun comunicado supostos retrasos no cobro das nóminas, algo que o presidente do club tamén negou.
Calquera tempo pasado foi mellor
Na última década, o Laracha CF competiu catro tempadas en Terceira División e viviu bos momentos, lonxe da incerteza actual. Na 2013/14, un ano despois de que o club acadase o ascenso á que entón era a cuarta categoría do fútbol estatal, chegou ao Municipal da Laracha o mediocentro monfortino Roberto Rodríguez, procedente do Betanzos. Lembra aquel como un bo curso, no que «era o máis novo do vestiario e estaba arrodeado dun grupo humano espectacular; de feito, aínda manteño contacto con moitos compañeiros«.
Superado o ecuador da tempada, Roberto sufriu unha dura lesión (rompeu o cruzado e o menisco) e dixo adeus antes de tempo a un ano que remataría co descenso do equipo a Preferente. O «apoio e axuda a nivel club, directiva e afección» que sentiu durante o tempo no que estivo mancado deu paso a unha campaña moi dura, na que «non saíron ben as cousas malia que, como recén descendido, tiñamos a obriga moral de acender ao momento«.
Tras un cambio de adestrador no tramo final, chegou ao banco o arxentino Carlos Brizzola e o Laracha rematou a liga na novena posición. Na 2016/17, a seguinte, o club saíu a competir cun cadro de xogadores potente e acabaría logrando de novo o ascenso a Terceira, nun ano, con todo, «estraño e algo complicado a nivel de vestiario«. Brizzola foi destituído por sorpresa e chegou Manuel Losada Chollas, artífice dun salto de categoría que acabaría marcado por un convenio entre o Laracha e o Dépor que fixo que botasen «ao 80% do cadro de xogadores«, conta Roberto.
De volta na Terceira, vestiron a camisola do Laracha futbolistas como Kanouté (agora no Bergantiños), Adri Castro (SP Hogo de Austria), Iago Novo (que estivo no Langreo) ou Victor Eimil (Real Unión de Irún), só por citar algúns, todos eles aínda moi novos. Acabaron na décimo quinta posición e o Deportivo decidiu ampliar o colaboración co Laracha a tempada seguinte, para que xogadores de categoría xuvenil «poidan seguir o seu proceso formativo competindo en Terceira«, indicara entón o club herculino. Óscar Gilsanz, actual técnico do Fabril, fíxose cargo do equipo no que foi o último curso do Laracha antes de caer a Preferente e dende aí a Primeira Galicia. Agora está por ver se a tamén a Segunda.
Un novo proxecto
En medio da lea na que está inmerso o Laracha CF, un grupo de amantes do fútbol da zona, moitos deles con pasado nese club ou mesmo socios, anunciaron a posta en marcha dun novo proxecto futbolístico neste municipio coruñés duns 11.500 habitantes. O Club Xuventude Laracha xa ten todo listo para saír a competir na campaña 2024-25, na que contará cun equipo senior masculino e agarda tamén un senior feminino e categorías inferiores.
O sénior, que se estreará no chanzo máis baixo do fútbol, a Terceira Galicia; estará dirixido por Jorge Rebolo, quen vestiu durante nove tempadas a camisola do Laracha CF. De feito, comezou alí o curso que está a piques de rematar e admite que cando fichou «xa tiña as miñas dúbidas, porque polo que comentaba a xente sabía que as cousas non ían moi ben e que quedara diñeiro a deber, o que tamén condiciona a nivel deportivo«.
Na xornada dez sufriu unha lesión que o obrigou a pasar por quirófano e aí entendeu que «a nivel de xogador, o fútbol rematara para min«, lamenta. Recoñece que chamada do Club Xuventude Laracha devolveulle a ilusión, porque este novo proxecto nace cun obxectivo claro: «recuperar o club para a xente da casa, porque había anos que os xogadores da vila tiñan poucas oportunidades no Laracha CF«, sinala Rebolo.
A idea do Xuventude é formar un equipo competitivo e ir escalando de categoría. «Quizais con xente da casa leve máis tempo, pero sabemos que con traballo, compromiso e seriedade teremos posibilidades«, explica Jorge Rebolo. O técnico ve a Primeira Galicia como unha categoría idónea para asentar o club, aínda que non marca un prazo para chegar a ela.
Outro dos obxectivos do Xuventude é «volver xuntar os rapaces da zona» e desexan contar cun ou dous equipos por categoría para armar unha base forte. Cómpre sinalar que malia que o sénior do Laracha CF deixou de competir, o club si conta con categorías inferiores. En concreto, un conxunto xuvenil, un alevín, un benxamín e un prebenxamín, se ben no pasado chegou a ter máis dunha decena de formacións.
O fútbol afeccionado, de novo pendente dos arrastres - FutbolinGalicia
24th May 2024[…] O Laracha, de filial do Dépor a ‘borrarse’ […]