O Grupo 3 de Santiago da Terceira Futgal debuxa esta tempada un mapa diferente. Non por ascensos nin por simples cambios de grupo, senón pola aparición de novos proxectos futbolísticos. Catro equipos representan, por diferentes motivos, novidades importantes na categoría:
- Guerreros del Sol
- Atlético Éter
- CSD Arzúa B
- Compañía de María
Os dous primeiros son, directamente, clubs de nova creación. Guerreros del Sol nace en Santiago e afronta a súa primeira tempada no fútbol federado sénior. A entidade aparece xa inscrita na Terceira Futgal e comezará a competición o 27 de setembro como local ante o Arenal. Na Federación aínda non figura en que campo da capital galega xogarán.
Tamén naceu este ano o Atlético Éter, outro proxecto compostelán que se incorpora á categoría sénior. O seu primeiro partido será lonxe da casa, no campo do Cruces, na xornada inaugural. Unha semana despois chegará a estrea como local ante o Bandeira.
Outros dous equipos
O caso do CSD Arzúa B é diferente. Non se trata dun club novo, senón da recuperación do segundo equipo do Arzúa. O filial regresa á competición aproximadamente unha década despois da súa anterior presenza, recuperando así unha estrutura que permite ao club contar novamente cun equipo sénior B.
E completa este póker o Compañía de María, entidade santiaguesa que dá agora o salto ao fútbol sénior. O equipo figura esta tempada na Terceira Futgal e xa ten preparado o seu debut ante o Vista Alegre en Santa Isabel.
Con estas incorporacións, o grupo 3 de Santiago queda deste xeito: Vista Alegre, Guerreros del Sol, Arenal, Touro, Berres, San Mamed, Compañía de María, Arzúa B, SD Cruces, Vilatuxe, Atlético Éter, Camporrapado, Santiso e Bandeira.























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































