# Hashtag

Iago Quintairos, Atlético Arnoia: «Nin se nos pasa pola cabeza a fase de ascenso a día de hoxe»

O Atlético Arnoia logrou dar a sorpresa da xornada este domingo ao golear ao actual líder, o Céltiga, por 4-1. O equipo da Queixeira, que ten que xogar en Ribadavia polas obras do seu campo, fixo un partido moi completo e atópase a tan só un punto da fase de ascenso que marca o Cambados, aínda que o noso protagonista prefire ser máis cauto e mira cara a permanencia na categoría.

Iago Quintairos é un dos xefes da defensa dun equipo que é o que menos goles recibiu en toda a liga (18 en 20 xornadas). O central de 31 anos, con pasado no Antela e no Barbadás, fala hoxe en Futbolingalicia do momento de forma do club da Arnoia, as chamadas que tivo este xaneiro para firmar por conxuntos de categoría superior ou a súa carreira no fútbol ourensán.

Futbolingalicia: Esta fin de semana conseguistes o gran triunfo da xornada ao golear ao líder por 4-1. Como foi ese partido fronte ao Céltiga?



Iago Quintairos: «Pois foi un partido moi disputado e difícil pese ao avultado que acabou sendo o marcador. O Céltiga é, posiblemente, do mellorciño da Preferente Sur e sempre é complicado enfrontarte a eles. Tiveron bastante posesión de balón, pero nós traballamos moi ben defensivamente e soubemos levar o partido ao noso terreo. Fomos capaces de aproveitar as saídas en velocidade nos contraataques e logramos facerlles dano dese xeito, posto que é un equipo moi ofensivo que asume bastantes riscos. Foi un partido físico de máxima intensidade».

FIG: ⁠Quizais quedou a espiña de encaixar gol no desconto non?

IQ: «Pois si, quizais é a espiña que deixa o encontro, aínda que ao gañar queda mais ben como algo anecdótico. A min persoalmente, ao ser defensor, sentoume mal encaixar ese gol e, pese a vitoria, marcheime ao vestiario algo amolado. Ao final nesta categoría se te relaxas medio segundo penalízate calquera equipo».



FIG: Esa vitoria acércavos aos postos de fase de ascenso. Cres que é posible acabar loitando polo salto de categoría?

IQ: «A verdade é que nin se nos pasa pola cabeza a fase de ascenso a día de hoxe. Temos entre cella e cella acadar os puntos necesarios para que o Atlético Arnoia siga en Preferente a próxima tempada. Ese é o noso obxectivo principal este ano».

FIG: ⁠Sodes o equipo menos goleado da categoría. A que pensas que se debe isto?



IQ: «O de ser o conxunto menos goleado nestes momentos é principalmente debido ao bo traballo colectivo de todo o equipo liña por liña sen balón. Somos un equipo moi solidario no esforzo, ordenado, intenso e coas ideas de xogo claras. O esforzo e o traballo son innegociables para nós».

FIG: A tempada do Atlético Arnoia está marcada polo cambio da Queixeira ao Xestal en Ribadavia. Que significou isto para o equipo?

IQ: «Pois a verdade é que non supuxo un cambio traumático porque nos estamos a adaptar bastante ben. Non nos fixo cambiar nin a proposta que tiñamos na Queixeira nin o noso estilo de xogo. O máis molesto foi cambiar o céspede natural polo sintético. Pero un acábase adaptando, non queda outra».

FIG: A nivel individual estás sendo un dos máis destacados da categoría. Cales son as razóns deste gran rendemento?

IQ: «O principal é estar rodeado de grandes xogadores. Eu desfruto competindo cada domingo como se fose o último e desfruto defendendo. Xogo nun equipo que é moi solidario defensivamente e iso tamén lle facilita algo máis as cousas a un defensor. Outros aspectos importantes son sentirse con confianza e en bo ton físico».



FIG: ⁠⁠Recibiches ofertas no mercado de inverno?

IQ: «Algunha que outra chamada houbo pero non se chegou a plantexar nada porque algo que teño moi claro é que se me comprometo cun club para unha tempada é de principio a fin».

FIG: Chegaches este verán ao club. Cales foron os motivos que che levaron a firmar polo Arnoia?

IQ: «Principalmente, o descenso de categoría co Antela e saír algo da zona de confort na que estaba en Xinzo. A chamada de Manel tamén foi importante, posto que me expresou a súa confianza e xa o coñecía de hai bastantes anos. Ademáis, xa sabía que o Atlético Arnoia é un club serio e iso levoume a firmar aquí».

FIG: Viñas procedente do Antela, onde xogaches durante catro tempadas. Como recordas esa etapa?

IQ: «⁠A etapa no Antela foi incrible. Aí recuperei de novo a ilusión polo fútbol que perdera durante a época do coronavirus. Estoulles moi agradecido polo trato. Fun moi feliz no club, na vila e cos compañeiros e corpo técnico. Quedoume a espiña dese descenso a última hora na última tempada». 

FIG: ⁠O outro club da túa vida é o Barbadás, onde estiveches a maior parte da túa carreira. Que importancia tivo este club na túa vida futbolística?

IQ: «Ao Barbadás tamén lle debo moitísimo. Fun canteirán do club e veciño do concello, fixéronme debutar na Preferente nos Carrís con 15 anos, en Terceira na Malata con 17 e puiden desfrutar da Terceira durante seis tempadas consecutivas sen perderme apenas partidos. Enfronteime a grandísimos equipos históricos e a grandes xogadores, xoguei en estadios míticos e con compañeiros de moito nivel dos que aprendín moitísimo. En resumo, en Barbadás vivín moi bos anos futbolísticos que me marcaron para sempre».

Iago Quintairos, Atlético Arnoia: «Nin se nos pasa pola cabeza a fase de ascenso a día de hoxe»

Os Diferenciais nunha xornada que deixou sorpresas

Iago Quintairos, Atlético Arnoia: «Nin se nos pasa pola cabeza a fase de ascenso a día de hoxe»

As xogadoras do Atlético Villalonga alzan a

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *