# Hashtag
#Terceira RFEF

Gran debut dos recén ascendidos

Comeza o fútbol galego, comeza a emoción da Terceira Federación. Foi unha xornada especial para aqueles equipos que conseguiron o ascenso o ano pasado. Lalín, Antela, Portonovo e Pontevedra B foron quen de estrearse por todo o alto, xa que os catro equipos lograron sumar na primeira xornada.

O caso máis rechamante, polo abultado do resultado, foi o dos pontevedreses, que lle gañaron ao Alondras por 2-6 tras darlle a volta ao marcador no segundo tempo. Foron ao descanso perdendo por 2-0, pero na segunda parte os goles de Amet, Lawal, Lucas, Fernando, Iago e Monterroso déronlle a volta ao marcador para asaltar así o liderado no primeiro partido.

Tamén comezou contracorrente o Lalín, xa que o Gran Peña se adiantou desde o punto de penalti no minuto 34. Foi tamén no segundo tempo cando os de Iván Carril conseguiron asegurar os tres puntos. Os tantos de Xabier Castiñeiras e Eloy Ferreira, en apenas cinco minutos, déronlle a volta ao marcador para gañar por 1-2. Os vigueses remataron o encontro con dous xogadores menos tras as expulsións de Pedro Pérez e Ubeira.



O Antela segue poñendo pedras na súa historia e marcou o seu primeiro gol na categoría. Non se fixo esperar, xa que no minuto 5 Iñaki Bellido, que xa deixa o seu nome marcado na historia do club, anotou o gol que non só os adiantou ante o Viveiro, senón que tamén lles deu a vitoria por 0-1.

O Antela celebra a súa primeira vitoria na Terceira. Foto: Antela FC

O único dos recentemente ascendidos que non conseguiu sumar os tres puntos foi o Portonovo, nun partido esixente ante o Somozas que rematou con 0-0. Tamén rematou sen goles o encontro entre o Racing Villalbés e o Arteixo (0-0).

Sarriana dá o primeiro paso

A Sarriana tamén regresaba á Terceira RFEF despois de non conseguir manter a categoría e deixou boas sensacións no seu primeiro encontro na Estrada. Gañou por 1-3, aínda que o partido foi máis competido do que reflicte o marcador.



Osián, recentemente chegado da UD Ourense, foi quen puxo o primeiro xa no minuto 5 para encamiñar a vitoria. Antes do descanso, Iago Parga anotou o segundo e, pouco despois do tempo de lecer, Álex Pérez marcou o terceiro.

O futbolista regresaba á Terceira Federación tres anos despois, tras disputar as últimas campañas na Segunda Federación co Racing Villalbés, Coruxo e Bergantiños. Migui, tamén exxogador da UD Ourense, marcou o gol dos locais, un tanto insuficiente para sumar.

Tras pasar o comezo do mercado con dúbidas sobre se podería manter a categoría polos arrastres, o Silva xa pode presumir de ter sumado o seu primeiro punto do curso tras empatar 1-1 co Céltiga.



Foron os locais os que se adiantaron primeiro por medio do seu novo fichaxe, Pablo Agulló, chegado desde o Arteixo tras unha temporada histórica. Os arousáns conseguiron empatar antes do descanso por medio de Sobrido e o resultado xa non se movería.

Partido axustado no Julio Mato

O Boiro conseguiu comezar a temporada con vitoria, pero o Atlético Montañeros non llo puxo nada fácil. Insua adiantou aos boirenses no minuto 4, pero Dani Fernández puxo as táboas no 13.

O cadro local volveu adiantarse por medio de Yosi para chegar ao descanso controlando o marcador. O Montañeros conseguiu empatar no minuto 83 co gol de Iago Pérez, pero o Boiro non cedeu e sentenciou rozando o asubío final grazas ao tanto de Juanpa, para pechar o encontro cun 3-2.

A primeira fin de semana de competición pechouse co Arenteiro-Barco, que rematou cun triunfo visitante por 0-1. Un gol en propia meta do gardameta ourensán decidiu o encontro.



Gran debut dos recén ascendidos

Volve o fútbol oficial coa mirada posta

Gran debut dos recén ascendidos

Gran debut dos recén ascendidos