Os adestradores galegos viven un gran momento no plano nacional. Acabamos de asistir a un novo exemplo, co nomeamento de Iván Cancela como máximo representante dos adestradores do fútbol español, ao ser elixido novo presidente do Comité de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), tras desempeñar ese cargo e dirixir a escola galega de técnicos.
Tras o salto de Louzán ao plano estatal, esta nova chega nun momento doce para os adestradores galegos, con tres espellos principais na máxima categoría do fútbol español. Trátase do porriñés Claudio Giraldes (RC Celta), o courelao Manolo González (Espanyol) e o vigués Diego Martínez (Las Palmas). Deste xeito, a nosa é, xunto coa Valenciana, a comunidade que máis técnicos achega á Primeira División.
De Euskadi hai dous e hai tamén representación de Estremadura, Madrid, Castela e León, Cataluña, Navarra, A Rioxa e Asturias, cun adestrador de cada comunidade. No caso da Segunda, ademais de Óscar Gilsanz no Dépor, Rubén Albés adestra ao Sporting. E tamén hai varios casos na Primeira RFEF..
Os adestradores galegos suman protagonismo
A RFGF organiza numerosas actividades para avanzar na formación dos adestradores galegos, que cada vez gañan máis presenza alén as nosas fronteiras. A chegada de Cancela a un cargo tan importante aínda podería reforzar ese traballo. O de Tordoia non marchou só para a RFEF, senón que o fixo acompañado do seu equipo.
Amancio Varela, Manu Fernández e Álvaro Cid Bragado xa traballan nas Rozas. Son, respectivamente, Director de Transformación Dixital e Innovación, Director de Seleccións Nacionais inferiores e presidente do Comité de Árbitros de Fútbol Sala. Dende os seus respectivos postos, tentarán exportar ao resto do Estado o ‘modelo Galicia’.
“O seu gran traballo na nosa comunidade non pasou desapercibido e agora seguro que deixarán a súa pegada na RFEF”, sinalan dende a federación territorial galega, que felicita a estes catro profesionais polos seus novos cargos. “Estamos convencidos que realizarán un magnífico labor”, apuntan.

Recambios preparados
A RFGF xa traballa nas remudas dos catro. Xa está cuberta a presidencia do Comité Galego de Adestradores, cargo que asume Manuel Ángel García Rodríguez (Ferrol, 1968), coñecido no mundo do fútbol como Manolo García, quen será ademais director da Escola de Adestradores.
O ferrolán conta cunha ampla experiencia no mundo do fútbol tanto como adestrador, coordinador deportivo, docente e preparador físico. ”É un apaixonado do fútbol, como así acredita a súa experiencia profesional, e tamén ten experiencia na xestión”, indican dende a RFG”.
García, que xa formaba parte da estrutura federativa como delegado da Escola Galega de Adestradores na súa terra, impartiu maxisterio como adestrador en clubs tanto de categoría autonómica como nacional, chegando a dirixir ao Racing Club Ferrol en Segunda División B, UD Somozas, CD As Pontes e CCD Cerceda.

Será tamén o encargado de adestrar á Selección Galega UEFA, un combinado que foi campión de Europa hai dúas campañas.