Se hai un equipo que está destacando na Preferente Sur, ademais do CD Beluso, ese é a UD Atios. O equipo do Porriño é o terceiro clasificado da táboa tras dez xornadas e tan só está a dous puntos da cabeza, que agora mesmo ocupa o CD Barco. O conxunto dirixido por Javi Fernández atópase por diante de clubes como Céltiga ou Pontevedra B e suma un total de seis victorias e dous empates.
Unha das puntas de lanza do Atios é Edu Otero, un experimentado dianteiro de 26 anos que vive a súa terceira tempada no club. O ariete sumou quince goles a pasada campaña e chegou a anotar once goles no seu debut como sénior nas filas do Ourense CF. Porén, tras ese gran ano, viviu a cara amarga do fútbol e perdeu a ilusión. En Futbolingalicia, Edu Otero repasa a súa traxectoria e o seu actual estado de forma.
Futbolingalicia: Este domingo protagonizastes a gran goleada da xornada ao vencer 5-1 ao Umia. Que valoración fas do partido?
Edu Otero: «Conseguimos tres puntos moi importantes, xa que nos estaba custando sacar adiante os partidos na casa e era algo que lle debiamos á nosa afección. Fixemos un partido moi serio en defensa e conseguimos aproveitar os seus erros atrás para gañar o encontro».
FIG: A nivel individual anotaches tres goles. Que sensacións tes?
EO: «As sensacións son boas como é lóxico. Non é doado meter tres goles pero, ao final, o importante é que serviron para conseguir levarnos o partido, que é do que se trata isto».
FIG: Sumas seis goles en liga e estás a un só gol do pichichi. Márcaste algún obxectivo individual para esta tempada?
EO: «A estas alturas da tempada véxoo como algo anecdótico. Non teño ningún obxectivo, pero quedaría contento con superar os goles da pasada campaña».
FIG: O Atios está a ser, xunto ao Beluso, a gran revelación do Preferente Sur. Estades terceiros a só dous puntos do liderado. Esperabádesvos este inicio?
EO: «A verdade é que fixemos unha moi boa pretemporada e tiñamos claro que competiriamos en todos os partidos. A realidade é que, antes de comezar a liga, firmariamos ir así nestas alturas. Quédanos a mágoa de perder varios puntos chave na casa».
FIG: Manu Vilán comentou fai dous meses neste medio que a meta do equipo era a permanencia. Mantedes o obxectivo inicial ou xa mirades cara a cousas máis grandes?
EO: «Manu é un sabio e manteño as súas palabras. É certo que arrancamos moi ben pero as tempadas son moi longas. O importante é que estamos a sacar os puntos cedo. Oxalá seguir así e meses máis tarde poder dicirche outra cousa».
FIG: Contra o Rápido de Bouzas puxéstesvos 2-0 e acabastes perdendo por 2-5 ante un equipo que non puntuara. Con eses puntos poderiades encabezar a clasificación. Que pasou aquel día para non conseguir o triunfo?
EO: «É complicado de explicar. Fixemos o máis difícil, que era encarrilar o partido ao comezo da segunda parte co 2-0, pero, xusto despois, eles meten o primeiro. Marchamos do partido e, cando nos demos conta, xa nos meteran tres goles en cinco minutos. Logo intentamos a remontada coma tolos e matáronnos en dous contraataques. Ten que servir para que non nos volva a pasar nada parecido».
FIG: Esta será a túa terceira campaña no Atios. Que motivos fixeron que renovaras por un club no que parece que recuperaches a regularidade?
EO: «Encóntrome moi a gusto aquí. Dende o primeiro día sentinme arroupado polos compañeiros e pola xente do club. Sinto a súa confianza e quixen devolverlla».
FIG: O ano pasado lograches a túa tempada máis goleadora con 15 goles. Cales foron as claves para ese gran desempeño?
EO: «Un pouco o que comentei antes. Encóntrome feliz no Atios e creo que esa é a clave para que as cousas vaian ben. Ademais, atopeime cun adestrador e cunha directiva que souberon transmitirme a súa confianza».
FIG: Quizais a túa mellor tempada produciuse no teu primeiro ano como sénior na que anotaches 11 goles co Ourense CF en Terceira. Como lembras ese ano?
EO: «Pois recordo esa etapa con moito agarimo. Foron as primeiras tempadas como sénior e coincidín cunha boa plantilla, un bo corpo técnico e unha directiva que estaba a facer as cousas moi ben, como se viu nos anos seguintes. Teño moi bo recordo do club e da cidade de Ourense, onde fun moi feliz».
FIG: Tras esa campaña encadeaches varias nas que vestiches a camiseta de ata sete equipos. Como definirías esa etapa da túa vida?
EO: «Definiríaa como desilusión. Despois de estar no Ourense CF non encontrei o meu sitio. Tiven algunhas malas experiencias nos anos seguintes e perdín a ilusión que tiña polo fútbol dende pequeno, ata o punto de que decidín desconectar e fun xogar cos meus amigos a Segunda Rexional no Erizana. Co paso do tempo volvín recuperar as gañas de competir e, por sorte, cadrei no Atios, onde xa podo dicir que volvo desfrutar deste bonito deporte».
FIG: Xa o ano pasado erades un dos equipos que mellor xogaba na categoría. É esta una das claves deste gran momento de forma?
EO: «Pode ser. Penso que o equipo tiña moito máis do que desgraciadamente reflectiu a clasificación ao final do ano pasado. Pero ás veces non saen as cousas coma un quere. O equipo ten unha moi boa base que leva anos xa xuntos e iso nótase. Tamén hai que engadir os bos reforzos deste ano».