O Atlético Villalonga afronta unha tempada de cambios tralo éxito acadado no curso anterior onde se quedaron a tan só un punto de acadar o playoff. Con baixas importantes e a marcha da adestradora Cris Oreiro, o equipo tivo que adaptarse para manterse competitivo nunha liga cada vez máis esixente.
Malia os desafíos, o Villalonga segue loitando por volver a situarse na parte alta da clasificación, destacando especialmente o seu rendemento como visitantes. Con 11 puntos obtidos fóra da casa e só 3 como locais, o equipo parece atopar a súa mellor versión lonxe de San Pedro.
Falamos con Nerea Lombardero, unha das referentes do equipo, para coñecer como foi este proceso de adaptación e as súas sensacións nesta nova etapa.
Nerea Lombardero fala da adaptación aos cambios
O equipo de Sanxenxo non só se enfrontou á saída de xogadoras chave como Muñi cara As Celtas ou Tati ao Alavés. Tamén viviron un cambio na estrutura do club, que pasou a estar xestionado polo Pontevedra CF.
«Houbo un «cambio de papeis”, agora non nos chamamos Viajes Interrías senón Atlético Villalonga , e somos xestionadas polo Pontevedra, polo que o cambio é real. Obviamente, as cousas cambiaron moito en todos os aspectos do ano pasado a este, somos o primeiro equipo feminino que leva o Pontevedra dende a súa desaparición, e como todas as primeiras veces hai cousas que haberá que aprender e mellorar».
A xogadora admite que os cambios foron inesperados, pero que o equipo soubo centrarse na nova tempada coa mesma determinación. «Estabamos coa idea de seguir traballando da mesma maneira, e neste caso Cris e o resto do corpo técnico tíñannos moi ben estudadas e traballadas, de aí veñen tamén os bos resultados que acadamos. Moitos dos cambios nos colleron de sorpresa, un deles foi o de que a nosa adestradora Cris Oreiro non ía seguir ao mando do equipo. Agora estamos centradas nesta nova tempada e en intentar sacar os máximos puntos posibles, traballando semana a semana».
Rendendo como locais fóra da casa
O Atlético Villalonga está mostrando un mellor rendemento fóra da casa, conseguindo ata o de agora, 11 puntos como visitantes fronte aos 3 puntos acadados como locais. Para Nerea esta diferenza é difícil de explicar: «Pois sinceramente, non che podería dar unha resposta. Será que saímos máis enchufadas aos partidos que nos cadrou como visitantes. Pero o que sei é que como locais temos que dar xa un golpe na mesa, e demostrar que no noso campo mandamos nós e poñerllo moito máis difícil ás rivais, non nos serven os empates, na nosa casa temos que gañar».
O empate ante o Oviedo e o próximo reto ante o Racing de Santander
Na anterior xornada, as xogadoras de Edu González conseguiron un valioso empate ante o Oviedo, segundo na clasificación. Así e todo, Nerea non se mostra completamente satisfeita: «Persoalmente, penso que esta finde contra o Oviedo, era na casa e debíamos ter gañado. Non penso que foran superiores a nós, para nada, o que si, son eficaces aí arriba, e sabíamos que non se lles podía conceder ningún error, porque nos podían facer moito dano. De feito, o gol veu por un erro noso, no que elas foron decididas cara a portería».
Esta fin de semana, o conxunto celeste enfróntase a un novo reto contra o Racing de Santander, que ocupa actualmente a cuarta posición. Nerea Lombardero ten claro que será un partido difícil, pero móstrase optimista. «Esperamos un partido complicado, contra un rival que está acadando bos resultados, pero esperamos afrontalo da mellor maneira, saíndo concentradas e convencidas de que imos traer os tres puntiños para as Rías Baixas, a base de traballo e sacrificio no campo».
A de Pontenova, comezou a tempada con molestias, o que lle impediu empezar a competición no terreo de xogo. Así e todo, a xogadora recuperou a súa forma e atópase nun gran momento. «Agora mesmo atópome cómoda, gozando do que mais gusta que é o fútbol. Anos anteriores nunca fun de marcar goles, e este ano a verdade é que empecei con bo pé no ámbito goleador. Espero que todo siga así, mellorando cada día e co equipo espero acadar unha boa racha de vitorias, e esperemos comezala xa esta fin de semana en Santander».
Mirando cara adiante
O obxectivo principal do Villalonga para esta tempada é manterse na categoría e, se os resultados acompañan, loitar polos postos de ascenso. Nerea o ten claro: «Está moi aprendido polo que nos pasou o ano pasado, ao quedarnos a 1 punto dese playoff, penso debemos ir partido a partido, porque de aquí a que acabe a tempada poden pasar moitas cousas, a tempada é moi longa, e quedan moitísimos puntos en xogo».