Jenny García: «Pase o que pase, ser do Antas é gañar sempre»
O Antas rematou a primeira volta da Primeira Galicia cun pleno de vitorias, despois de gañar ante o Valladares 4-1, e coroouse como o equipo máis destacado da categoría neste primeiro tramo da temporada. As do Ulla finalizaron líderes do grupo 2 tras gañar todos os seus encontros.
O conxunto lucense vive con ilusión este comezo de campaña, froito do traballo, a constancia e a unión do grupo. «Esperamos seguir nesta liña e disfrutar do que queda por vir», comenta Jenny García, xogadora do Antas e segunda máxima goleadora do equipo, con seis tantos. Por diante dela está a capitana, Nuria Louzao, que suma once goles.
O obxectivo inicial non era obsesionarse co liderado, senón manterse entre os primeiros postos, que dan acceso á loita polo ascenso. «Sabiamos que ía ser moi complicado, pero con esforzo, constancia e traballo en equipo conseguimos chegar ao primeiro posto, algo que nos fai moitísima ilusión. Seguiremos poñendo as cousas difíciles aos rivais para manter ese posto o máximo posible», explica.

Nesta boa dinámica, ademais da unión do vestiario, Jenny destaca o traballo do corpo técnico, formado por Óscar Méndez e Brian Vázquez, que axuda o equipo a ofrecer a súa mellor versión. Tamén salienta o papel da afección, que as acompaña cada domingo: «É moi importante sentir o seu apoio e estamos moi agradecidas por todo o que fan por nós».
A nivel persoal, a futbolista asegura que está moi a gusto e que está a gozar tanto do equipo como do momento que atravesan. «Sempre intento dar a miña mellor versión, ser constante, traballar polo equipo e achegar o meu gran de area para que todas xuntas sigamos conseguindo propósitos», sinala.
O novo formato por fases
Jenny considera que a Primeira Galicia presenta cada vez máis nivel e competitividade, cunha serie de equipos capaces de poñerlles as cousas difíciles. «Paréceme que hai equipos bos e que ningún partido é doado, así que temos que dalo todo cada fin de semana», explica. Ademais, advirte de que non poden confiarse ante ningún rival: «Calquera equipo che pode complicar un partido e non nos podemos confiar con ninguén».

Sobre o formato da competición, móstrase crítica co sistema de dúas fases, que considera inxusto. «De que che serve quedar primeiro se na segunda fase podes chegar con baixas, enfrontarte a equipos máis fortes e, por calquera motivo, quedar fóra do ascenso?», cuestiona.
A súa proposta pasa por recuperar unha liga única na que o número de ascensos estea directamente relacionado coas prazas dispoñibles. «Se hai unha praza de ascenso, que ascenda un equipo; se hai dúas, que ascendan dous. Pero non dividir a competición en dúas fases», defende. Na súa opinión, este modelo sería «a recompensa ao traballo realizado durante toda a tempada», sen ter que xogalo todo nunha segunda fase.
A pesar das dúbidas sobre o formato, Jenny deixa clara a súa confianza no equipo e o orgullo de pertencer ao club. Faino cunha mensaxe que resume o seu sentimento cara ao Antas: «Pase o que pase, ser do Antas é gañar sempre… así que ata o final».

Seis equipos para catro prazas de ascenso
O novo formato da Primeira Galicia establece que os tres primeiros clasificados de cada grupo accederán ao grupo Título-Ascenso. Así, seis equipos loitarán por subir a Terceira Federación Feminina, pero só catro conseguirán o ascenso.
De manterse a clasificación actual ata o final da primeira fase, os representantes do grupo 1 serían o Victoria CF B, o Orzán B e o Muxía, mentres que polo grupo 2 accederían o Antas, o Valladares e o Atlético Arousana.

Tamén haberá un premio para o primeiro clasificado do grupo Título-Prata, no que competirán os equipos que rematen entre o cuarto e o sétimo posto de cada grupo. Esta fase estará reservada aos conxuntos que xa teñan garantida a permanencia na categoría. Polo momento, ocuparían esas posicións o Tordoia, o Xallas, o Carral e o Pastoriza, no grupo 1, e o Arenteiro, o Lóstrego, o Atlético Villalonga B e o Touro, no grupo 2.
Na outra cara da competición estará a loita pola permanencia. Os tres últimos clasificados de cada grupo disputarán esta fase, na que dous dos seis equipos descenderán á Segunda Galicia. A día de hoxe, os postos de perigo están ocupados pola Milagrosa, o Bergantiños B e o Sporting Cambre, no grupo 1, e polo Ponte Caldelas, o Mos e o Calo, no grupo 2.
Aínda queda competición por diante e a clasificación pode cambiar nas próximas xornadas. Con todo, o Antas está nunha posición inmellorable para asegurar a súa presenza na fase de ascenso. O pleno de vitorias conseguido na primeira volta reforza as aspiracións do conxunto lucense, que buscará manter esta dinámica para pelexar por unha praza na Terceira Federación Feminina a próxima temporada.
FOTO PRINCIPAL: As dúas máximas goleadoras do Antas, Nuria Louzao e Jenny García, festexan un gol ante o Valladares. Hugo Boán












































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































