# Hashtag

Que medo dan os Diferenciais! (P. II)

O Samaín tamén se fixo sentir nos campos de fútbol do país, onde se puido desfrutar de exhibicións arrepiantes por parte dos diferentes conxuntos! Porque o terror e a pelota tamén van da man. Non tremen os grandes dianteiros cando se enfrontan a un porteiro coñecido por deter lanzamentos de penaltis? E isto tamén pasa ao revés, pois hai gardarredes que senten un calafrío cando ven a certos xogadores dirixirse cara a súa portería. Capaces de xerar medo cando un pronuncia o seu nome, en FutbolinGalicia repasamos as actuacións máis destacadas dos Diferenciais da Primeira Futgal!

Sorpresas horrorosas

Calquera equipo do grupo 4 pode darlle un sustiño a outros teoricamente superiores…

Na Valboa celebraron a Noite Meiga por anticipado coa vitoria do seu Francelos ante o Lamela (4-1). Os ribeiráns saíron enchufadísimos e non tardaron moito en poñerse por diante, convertendo dúas oportunidades nos primeiros corenta e cinco minutos. Hugo Suárez incrementou a renda vermella nada máis saír do descanso e os dezáns viñéronse abaixo. definitivamente. Trátase da quinta diana para o killer de Ribadavia, unha peza fundamental na ofensiva de Gele.



Por fin chegou o primeiro triunfo para La Purísima! Non foi doado, pero o conxunto de David Valcárcel logrou facerse forte na casa e venceu por dous goles a un ao Muíños. A necesidade de puntuar motivou aos ourensáns a estes realizaron un gran comezo de encontro. Rodri abriu a lata para os verdes, que pouco despois encaixarían a igualada, xusto cando se cumpría a primeira media hora. A pesar do empate non baixaron os brazos e volveron tomar a iniciativa co segundo de Rodri.

Ao Maside saíulle unha xornada redonda, pois fixo os deberes e saíu do descenso ao superar por un axustado 0 a 1 ao Polígono San Cibrao. Aínda non rematara de asubiar o colexiado e Santi xa inaugurara o electrónico para sorpresa e desesperación dos industrais. Unha vez por diante, os de Mindo Surribas comezaron a xestionar o ritmo de xogo e durmiron o partido ata o final. Grazas a eses tres puntos superaron ao Loñoá na clasificación e xa poden respirar algo máis tranquilos.

Non os dean por mortos

Nesta época de zombies, xa tocou ver a algún ‘morto’ que non o estaba tanto. Pódeno confirmar no grupo 5, onde estas entidades conseguiron redimirse.



Sorrí e o Flavia e non é para menos, pois os celestes tombaron ao Unión por dous goles a cero rachando así coa súa mala xeira. Ningún dos dous contrincantes quixo ceder e isto viuse reflectido nun primeiro tempo tan igualado como trabado. Pero todo mudou no reinicio. Camilo Perol mandou entrar a Damián e o atacante respondeu á confianza do seu míster asinando un dobrete nun abrir e pechar de ollos. Ben sexa como xogador de refresco ou como titular, o padronés sempre rende e para mostra os seu números. Con este leva xa cinco goles.

Marcón Atlético e Ponte Caldelas firmaron táboas ao empatar a 2 no Carrasco. Os arlequinados saíron con máis intensidade e tomaron a iniciativa antes de chegar ao primeiro cuarto de hora. Un tanto que fixo espertar aos pontevedreses, cuxa reacción culminou coa igualada antes de chegar ao descanso, logo de converter unha pena máxima. Co reinicio chegou o 1-2, tamén desde os once metros. O paso dos minutos foi na contra do Marcón, incapaz de reequilibrar a balanza ata a aparición estelar de Nicolás, quen rescatou un punto para os seus no tempo de prolongación.

E o Cordeiro tamén recorreu aos últimos minutos para desfacerse do Arcade (0-1). O Salgueirón acolleu un duelo entre dous aspirantes aos play off e isto quedou patente no terreo de xogo. Tras varias idas e voltas, Kevin furou as redes rivais para acabar coa imbatibilidade do cadro ostreiro. Uns minutos antes saíra desde o banco, demostrando o seu bo facer no rol revulsivo. Grazas ao seu gol, o Cordeiro sitúase unicamente a cinco puntos do terceiro clasificado, que é o propio Arcade.



Saúden ao novo líder

Hai novidades no grupo 6, onde o Choco cedeu o liderado ante o novo equipo revelación desta Primeira Futgal…

o Colegio Hogar! O Club de San Roque encadea o seu cuarto +3 consecutivo despois de golear ao Progresista cun claro e contundente 5 a 0. Boa parte de culpa tivo David López, quen se está a revelar como unha das grandes xoias da categoría. Ao extremo vigués bastoulle unha hora para asinar un hat trick e encarrilar as cousas a prol do combinado dirixido por Álex Rodríguez. López está a realizar un gran inicio da súa primeira campaña como senior, con once goles en once encontros.



Mes e medio despois, o Vilaboa volve á boa senda ao impoñerse por tres goles a un ao Erizana. Xián furou as redes rivais antes de chegar ao minuto 10, poñendo en pé á bancada do Cabalo. Con todo, o bo inicio dos de Cobres non se deu mantido no tempo e recibiron o empate a dous minutos para finalizar o choque. Non se renderon e volveron á carga, con éxito ademais. Anotaron dúas veces no tempo de desconto, a última novamente nas botas de Xián, para darlle á volta a tortilla.

Os capitáns do Erizana e o Vilaboa, Zamo e Sergio Coloret, posan co trío arbitral no partido do pasado domingo. FOTO: UDC VILABOA

E o Tomiño acada as posicións de play off logo de asaltar a Gándara e deixar na cuneta ao Caselas (2-3). Para iso deberon remontar o 1-0 incial, cousa que fixeron por mediación de Borja dos Santos. O dianteiro é toda unha referencia no ataque do Alivio e por as súas botas pasan boa parte dos ataques vermellos. Foi el quen se encargou de igualar a contenda e, non contento con iso, volveu ver porta para poñer terra de por medio ante o seu rival.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Que medo dan os Diferenciais! (P. II)

Que medo dan os Diferenciais!

Que medo dan os Diferenciais! (P. II)

Que medo dan os Diferenciais! (P. II)