No día de hoxe, a Unión Guardesa conmemora o 25 aniversario do seu primeiro título na I Liga do Condado e Baixo Miño. Un fito de gran importancia para a historia do club e que evidenciou unha nova era para o fútbol feminino en Galicia. Fundado en 1995 por Nito, o club non só acadou este éxito deportivo, senón que tamén desempeñou un papel crucial na revitalización do fútbol feminino galego nunha época de declive.

A creación da I Liga do Condado e Baixo Miño
A finais dos anos 80, o fútbol feminino en Galicia experimentou un retroceso significativo. Malia os esforzos iniciais, a falta de apoio institucional e de infraestruturas ou a desaparición do Karbo no 1988 fixo que a evolución positiva que levaba o deporte dera pasos cara atrás.

Foi neste contexto onde, lonxe das grandes cidades, rexións como o Condado e as Rías Baixas convertéronse en focos de resistencia e renovación para o fútbol feminino galego. En 1995, grazas á iniciativa de Nito (Unión Guardesa), Paco (Bértola), Miguel e Róber (Liréns), naceu a I Liga do Condado e Baixo Miño.
Esta competición contou con equipos de Galicia e Portugal, e foi organizada pola Asociación de Fútbol Feminino Condado en Salvaterra. A pesar da negativa inicial da Federación Galega de Fútbol a recoñecer o fútbol 11 feminino, a liga prosperou grazas ao esforzo destes pioneiros.
Na súa primeira edición, a Unión Guardesa proclamouse campión e no día de hoxe celebran o 25 aniversario daquel feito.

Traxectoria e legado da Unión Guardesa
Tras este éxito, a Unión Guardesa continuou competindo e promovendo o fútbol feminino. A liga do Condado mantívose activa ata 2002, momento no que, tras numerosas negociacións, os equipos integráronse na Federación Galega de Fútbol. Este proceso evidenciou a importancia e o impacto desta liga ‘independente’.
Malia todos os desafíos e atrancos, o club da vila da Guarda mantívose activo durante dúas décadas. En 2015, tras acadar o ascenso a Primeira tras unha previa reestruturación federativa, a Unión Guardesa viuse obrigada a cesar a súa actividade debido á escaseza de xogadoras.
Con todo, en 2017, o espírito resiliente do club levou á súa reactivación, inscribíndose na Liga Galega de Fútbol 7 e sendo campioas da competición por dous anos consecutivos.


Hoxe en día, a Unión Guardesa continúa a súa andaina competindo no Grupo 5 da Terceira Galega e onde actualmente se atopan na 5ª posición con 31 puntos. O club segue mantendo viva a chama do fútbol feminino na Guarda e continúa a ser un referente pola súa historia. Co paso dos anos o equipo tivo que superar diferentes dificultades e deixar atrás aqueles anos competindo en Primeira Autonómica.
Este 25 aniversario do seu primeiro título de liga é unha oportunidade para celebrar o pasado, recoñecer os esforzos presentes e mirar con esperanza cara ao futuro do fútbol feminino galego.











Lucia
27th Feb 2025Qué recuerdos tan bonitos 👏🏼👏🏼🥳