Borja Fernández, UD Ourense: «Sorprendeume o nivel desta Terceira RFEF»
Borja Fernández afronta a súa segunda tempada á fronte da UD Ourense. Chegou para reverter unha dinámica complicada e levou o equipo ata a final galega do play-off de ascenso a Segunda RFEF. Dese partido en Barreiro ante o Gran Peña garda un “emotivo” recordo. Aínda que lle gustaría que fose con outro resultado, marchou impactado coa actitude da afección e a resposta dos xogadores.
Tras meditar sobre o seu futuro, decidiu quedar. Esta tempada, o Ourense asinou interesantes incorporacións. Apostaron pola xente da cidade e pola mocidade, pero chegaron tamén futbolistas contrastados na categoría, como Cellerino ou Cabarcos. Sorprenderon ademais coa contratación do veterano Pol Bueso, todo un seguro para a liña defensiva.
A UD Ourense afronta a campaña “con moita responsabilidade, pero tamén con nervios, porque hai moitas expectativas”, admite Borja Fernández. O adestrador non agocha que teñen “obxectivos importantes” este curso.
Borja Fernández recibiu a FutbolinGalicia
FutbolinGalicia visitou esta semana o campo de Vilar de Astrés, en Ourense, onde se exercitou o equipo antes de trasladarse a Coles para continuar coa pretempada. O primeiro test chegaralles o sábado día 10, con triangular no que se medirán ao Lalín e ao Negreira.
Cented, Polvorín, Barbadás ou o Ceares asturiano figuran tamén entre os rivais dos ourensanistas neste mes de agosto. O obxectivo será chegar no mellor estado de forma posible ao comezo dunha Terceira RFEF que soprendeu “moito” a Borja Fernández. “Ten máis nivel do agardado, pero non porque esperase menos, senón polo que estaba vendo en Castela e León e outros lugares polos que me movín. Aquí a categoría é potente e superior a equipos que había o ano pasado en Segunda RFEF”. Podes ver a entrevista completa a continuación: