A Terceira RFEF está a entrar no tramo decisivo da tempada, no que calquera resultado pode determinar o futuro dun equipo. A fin de semana de Entroido, celebrada en toda Galicia, converteuse, sobre todo, en días de ledicia en Ourense, Sarria e Vilalba.
É cedo dabondo para as conxeturas, pero dicir agora que o ascenso directo é cousa de tres non sería faltar á realidade clasificatoria. O posto, ocupado con man de ferro pola UD Ourense, segue na mente de Villalbés e Sarriana, a tan só tres puntos. Os primeiros gañaron con autoridade ao Arosa (2-0), que deberá seguir traballando para asegurar a súa praza na promoción de ascenso, realmente ameazada polo Noia e o Alondras. Os chairegos venceron na casa a un Boiro que quizais mereceu algo máis polas ocasións creadas (1-0) e xa levan oito xornadas sen perder; cinco vitorias seguidas na Magdalena.
A Sarriana conseguiu este sábado a súa cuarta vitoria consecutiva (3-2). Para iso, tivo que protagonizar outra remontada e diante estaba o Estradense. Os visitantes ían gañando con dous goles de vantaxe no ecuador da primeira metade, pero acabaron claudicando ante a efectividade do equipo máis goleador da categoría (3-2). A expulsión de Mella por doble amonestación o 52′ foi decisiva.
Tres equipos mirando cara a quinta posición
En posicións cómodas, e incluso con aspiracións serias ao play-off, atópanse Noia, Alondras e Polvorín. Os tres conxuntos acadaron a vitoria. Destaca a boa dinámica dos cangueses, que continúan demostrando un nivel moi alto este ano (catro vitorias en sete partidos). Gañaron ao Silva grazas a un doblete nos minutos finais de Roi Tato (3-1). Nos coruñeses, Parafita segue ao seu como pichichi da liga e volveu marcar (15 goles). Pola súa parte, os albivermellos gañaron na Cheda ao Villalonga no que foi o redebut de Álex Ortiz no banco dos lucenses (1-0).
⚽️ Goleada local no Morrazo
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 3, 2025
⚔️ @ALONDRAS_C_F 3-1 @clubsilvasd
👉 O dobrete de Roi Tato nos últimos cinco minutos permítelle ao Alondras encadear cinco xornadas sen perder pic.twitter.com/0LumiHiDKs
Na parte baixa da táboa, os empates caracterizaron a xornada. Arteixo e Barbadás firmaron táboas (1-1), así como o Viveiro e o Gran Peña (0-0). Tamén o Betanzos e o Valladares (0-0).

Foto de portada: RC Villalbés vía Instagram