A Cultural Deportiva Beluso está a ser, xunto co Atios, a gran sensación deste comezo ligueiro da Preferente Sur. O equipo de Bueu ocupa o terceiro lugar da clasificación e, de acabar así a tempada, xogaría a promoción de ascenso a Terceira RFEF, categoría na que nunca participou.
Detrás deste gran inicio atópase un gran rendemento colectivo baixo as ordes de Rafa Villaverde, cuxos pupilos venceron esta fin de semana por 2-3 en Oira ao Cented Team e romperon unha mala xeira de resultados en Ourense que se iniciou no 2019. Hoxe falamos con Alex Jardí, un futbolista andaluz que chegou este verán a Galicia para vivir “novas experiencias”.
Futbolingalicia: Chegaches este verán ao CD Beluso procedente do fútbol andaluz. Como se produce a túa fichaxe?
Alex Jardí: «A miña fichaxe polo Beluso prodúcese despois de facer a pretemporada co Gran Peña. Alí non quedei e cheguei ao Beluso a través dun amigo que me dixo de irme ao club. A Galicia viaxo porque tiña ganas de cambiar de aires, de probar novas experiencias e de seguir crecendo a nivel persoal lonxe da miña zona de confort».
FIG: Levas tres goles en oito partidos e fuches titular en seis deles. Como te estás atopando nestes primeiros meses no club?
AJ: «A nivel individual estou moi contento de poder axudar ao equipo con tres goles en oito partidos. Parece fácil pero creo que non o é. É o meu primeiro ano no fútbol galego e pensaba que a miña adaptación ía ser peor e que me ía a custar máis. O club, os compañeiros e o corpo técnico están a tratarme como na casa e estanme facilitando todo. Así dá gusto continuar con esta experiencia de coñecer as terras galegas e o fútbol galego, que, ao final, é ao que vin aquí. Tamén a facer novas amizades, que é o bonito que nos dá o fútbol».

FIG: O Beluso é un equipo que ascendeu a tempada pasada desde Primeira Galicia pero ata o de agora está a ser a revelación do campionato. Cales son as claves deste gran momento de forma?
AJ: «Somos un equipo que ascendeu a tempada pasada e que xa temos a etiqueta posta. Pero semana tras semana seguimos demostrando o que somos capaces de facer dentro do campo, continuamos rompendo barreiras, tanto de forma individual como a nivel de grupo, e non vemos un teito. Sabemos que podemos facer cousas bonitas este ano e iso é importante. Temos que manter esta dinámica».
«Creo que este gran momento de forma está a producirse polo gran grupo que temos, xa que tanto os máis novos como os máis veteranos estamos moi unidos. Non hai grupiños dentro do vestiario, algo que podería descompoñer a unión e provocar que chegasen os malos resultados. Outro factor importante é o corpo técnico. Temos un adestrador que é un enfermo do fútbol. É unha persoa que ten unha idea moi clara de xogo e transmítenola adestramento tras adestramento. Sabemos o que temos que facer dentro do campo porque as ideas son moi precisas. O complemento perfecto é o noso segundo adestrador porque sabe levar moi ben o vestiario e é unha tranquilidade».

FIG: Esta semana conseguistes un gran triunfo fronte ao Cented Team que vos permite seguir na zona alta da clasificación. Que valoración fas do partido?
AJ: «O partido desta fin de semana foi un pouco raro. Na primeira parte custounos entrar no partido, xa que nos faltou ritmo e acerto para portería. Na segunda parte empezamos a carburar e, en escasos minutos, conseguimos remontar un partido que tiñamos xa controlado grazas á gran actuación de Jorge Millán».
FIG: Como te estás a aclimatar ao fútbol galego?
AJ: «Estou a atoparme moi cómodo no fútbol galego. Teño moita ilusión de seguir crecendo fóra de casa e seguir vivindo novas experiencias».
FIG: Notas algunha diferenza co fútbol andaluz?

AJ: «As diferenzas entre o fútbol andaluz e o fútbol galego son mínimas porque, ao final, é fútbol. O principal é a temperatura. En Andalucía xógase con 35 graos e o sol pegándoche nas costas. Aquí xógase un domingo ás 16.00 con choiva e frío, que é o que máis me está custando na miña adaptación. Pero é unha cousa que, aos poucos, vou ir superando».
FIG: Como te definirías como futbolista?
AJ: «Considérome un xogador que destaca no apartado físico, con moita chegada á área rival e con bo contacto con ambas as pernas. A miña posición preferida é a mediapunta».
FIG: Cal é o obxectivo do equipo despois deste gran inicio?
AJ: «O obxectivo do equipo é seguir sendo unha gran familia, continuar competindo semana tras semana coma se fose a última e manter as ideas claras en cada partido. Se facemos isto, seguramente sexa unha tempada moi bonita para o CD Beluso e para todo o mundo que forma parte do club».
FIG: Cales son as túas metas persoais a medio-longo prazo?
AJ: «A miña principal meta persoal é sacarme a oposición de Garda Civil e, se falamos do apartado futbolístico, gustaríame seguir crecendo e poder dar o salto a Terceira RFEF o ano que vén».