O sábado e máis o domingo viviuse unha apaixoante xornada da sempre emocionante Copa Deputación na provincia de Lugo. Centrarémonos na competición copeira na que entran en xogo os equipos de Preferente Futgal e Primeira Futgal.
O filial do RC Villalbés despídese da Copa
O RC Villalbés B perdeu na casa ante o Outeiro. Un solitario tanto serviu aos visitantes para avanzar de rolda e deixar sen Copa ao filial chairego.
O Guntín, que empatou co Meira no tempo reglamentario (2-2), superou a eliminatoria dende o punto fatídico. O Ladairo poderá desta forma seguir gozando dos seus xogadores na competición do KO.
Unha gran Milagrosa cae con polémica e na tanda ante a SD Chantada
A SCD Milagrosa, que leva toda a tempada xogando con equipos vigueses tras un verán convulso, comezou gañando no Sangoñedo. Mais a SD Chantada empatou dende os once metros nunha acción moi protestada polo conxunto dirixido por Madriles. Os erros de Rafa e Cabana na tanda condenaron á Milagrosa a pesar de realizar un gran partido.
O San Lázaro elimina a un dos máximos favoritos
O San Lázaro, que ocupa postos de descenso a Segunda Futgal, deu a sorpresa tras impoñerse por 2 a 1 ao Atlético Escairón, de superior categoría. Os do Saviñao non foron capaces de sacar nada positivo das Gándaras e din adeus a unha competición na que están acostumados a chegar máis lonxe.
Taboada e Lourenzá mediron forzas no sempre inmaculado céspede da Medela. Os locais foron superiores e avanzaron de rolda tras gañar por 2 a 0.
O Lemos impuxo a lóxica e venceu ao Xove Lago, de inferior categoria. O conxunto da Mariña lucense vendeu cara a derrota e deu a cara en todo momento, mais os monfortinos levaron o premio en forma de clasificación para unha nova rolda copeira.