O Arteixo frea a boa xeira do Barco
A Terceira Federación continúa cunha competición moi igualada, na que cada punto resulta importante tanto na loita polos primeiros postos como na zona baixa. Nesta xornada, o Arteixo acabou coa boa sorte do Barco, mentres que o Arenteiro puxo fin á xeira de triunfos do Atlético Montañeros.
O Arteixo impúxose por 2-1 ao Barco. Jairo Riveiro adiantou os locais no minuto cinco e Frank Uwumiro ampliou a vantaxe. Ariel recortou distancias desde o punto de penalti, pero o Barco non puido evitar a derrota. O conxunto valdeorrés acumula xa seis xornadas sumando, cun balance de tres empates e tres derrotas, cinco xornadas consecutivas puntuando coas que acabou o conxunto arteixán.
O Céltiga e o Somozas repartiron os puntos tras empatar 1-1. Ginto Nunokawa marcou para os locais, mentres que o Somozas conseguiu igualar o encontro cun gol en propia meta.

Tamén houbo empate, neste caso por 1-1, entre o Racing Villalbés e o Alondras. Adrián Castro adiantou os locais no minuto 57, pero o conxunto visitante empatou seis minutos despois desde o punto de penalti.
O Boiro conseguiu unha importante vitoria para manter o primeiro punto e a distancia co resto de conxuntos, está a cinco do segundo, a Sarriana. Esta xornada venceu 1-0 ante o Gran Peña, grazas ao tanto de Gonzalo Landeira.
Pola súa banda, o Antela e o Lalín protagonizaron un encontro con catro goles que rematou 2-2. Manu Galego marcou para o Lalín no minuto 28 e volveu facelo no 48. Carlos González, no 36, e Tumbeiro, no 82, anotaron os goles do Antela.

O Arenteiro frea o Montañeros
O Arenteiro impúxose por 0-2 ao Atlético Montañeros, que chegaba ao encontro despois de encadear tres vitorias consecutivas. Marcos Lamelas adiantou o conxunto verde na primeira metade e Williams Fode sentenciou na segunda.
O Pontevedra B decide tras o descanso
O Pontevedra B venceu por 3-1 ao Silva nun encontro no que todos os goles chegaron na segunda parte. Sergio Canosa abriu o marcador no minuto 71, pero Rodrigo Parafita igualou para o Silva no 80. Dani Nieto volveu poñer por diante os locais no 84 e Canosa pechou o triunfo co seu segundo tanto no minuto 90.
O Estradense tamén tivo que traballar para levar os tres puntos ante o Viveiro, ao que venceu por 3-2. Sergio Cora adiantou os visitantes e Edu Taboada empatou, pero apenas dous minutos despois Hugo Rodríguez volveu poñer por diante o Viveiro. Antes do descanso, Pablo Carabán fixo o 2-2 e, xa na segunda metade, Migui marcou o tanto definitivo para o Estradense.



























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































