# Hashtag

Arousa e Santiago protagonizan un vídeo do San Lorenzo de Almagro

Na Futgal están rexistrados o San Lorenzo de Carballo e o Racing San Lorenzo santiagués, pero o que hoxe nos ocupa está a milleiros de quilómetros de Galicia. Trátase do Club Atlético San Lorenzo de Almagro, unha das entidades históricas do fútbol arxentino, que acaba de recuperar unha bonita historia con raíces galegas na que A Illa de Arousa e Santiago teñen un protagonismo especial.

Iso débese a José Antonio Juiz Ferro, un afeccionado que conta en primeira persoa como naceu a súa paixón polo San Lorenzo de Almagro. Unha historia que comeza en Galicia e que remata converténdoo nun socio vitalicio do club bonaerense.

José Antonio naceu na Illa de Arousa e posteriormente trasladouse a Santiago. Corría 1946 e, segundo lembra no vídeo publicado polo club, toda España falaba dun equipo arxentino que estaba a revolucionar o fútbol. Era o San Lorenzo de Almagro, que estaba a realizar unha histórica xira europea.



A curiosidade e a proximidade fixeron o resto. Un día soubo que os futbolistas arxentinos estaban aloxados no Hotel Compostela, situado practicamente na volta da súa casa. Non o dubidou e achegouse ata alí para coñecer de preto aqueles xogadores dos que tanto se falaba. Entre eles estaban figuras como Basso, Vanzini e Blazina, integrantes daquel equipo que causara sensación polo seu fútbol.

Aquela visita quedaría gravada na súa memoria, pero o destino aínda lle tiña reservada outra sorpresa. En 1949, apenas tres anos despois, a familia de José Antonio emigrou a Bos Aires. E a casualidade quixo que se instalasen preto do Gasómetro, o histórico estadio do San Lorenzo.

“Elixiume a min”

O que comezara como unha admiración infantil en Santiago acabou converténdose nun vínculo para toda a vida. Xa non había milleiros de quilómetros polo medio nin xogadores aos que só podía ver de lonxe: o club pasaba a formar parte do seu día a día.



Hoxe, José Antonio Juiz Ferro é socio vitalicio da entidade arxentina. E resume a súa historia cunha frase que explica perfectamente ese vínculo: «Sé que muchos eligen su club. Conmigo fue distinto. San Lorenzo me eligió a mí».



Arousa e Santiago protagonizan un vídeo do San Lorenzo de Almagro

Os equipos femininos galegos que contan todos

Arousa e Santiago protagonizan un vídeo do San Lorenzo de Almagro

Arousa e Santiago protagonizan un vídeo do