O mes de novembro comezou no fútbol galego coa celebración de partidos das copas de afeccionados. Entre elas, a Copa Vigo, o trofeo no máis antigo de Galicia. Disputáronse as finais da súa 90 edición no caso masculino e a undécima, no feminino. Venceron o Racing Castrelos e As Celtas ‘B’.
Para o Racing Castelos era a sétima vez que erguían este título, que non gañaban dende 2019. O equipo de Anxo Leiros, de Primeira Futgal, impúxose 3-0 ao Santa Mariña, da súa mesma liga, no Federativo de Coia.
Iago e Iván adiantaran aos de Castrelos no marcador antes de que se cumprise a media hora de xogo. Tras o regreso do descanso, Jose anotou o terceiro, sentenzando o partido. Os xogadores do Racing Castrelos celebron sobre o verde a Copa Vigo ao remate do encontro.
Primeiro título para As Celtas ‘B’
Na competición feminina, a Copa Vigo foi para As Celtas ‘B’, que conseguiu deste xeito o seu primeiro título poucos meses despois da súa creación. As celestes, que compiten na Primeira División Galega, superaron 5-0 ao Valladares, tamén no Federativo.
Os goles de Ángela, Iria por partida dobre, Emma e Naiara serviron para a consecución deste primeiro título do segundo equipo feminino do RC Celta. A presidenta do club, Marián Mouriño, asistiu ao partido e participou no acto de entrega do trofeo.
A Copa Vigo, un título con historia
Neste torneo, que comezou a celebrarse en 1933, poden participar clubs do Concello de Vigo de Primeira, Segunda ou Terceira Futgal. Desta volta, inscribíronse 15 equipos.
A Copa Vigo ten unha longa historia. A primeira edición masculina tivo lugar en 1933, o que convirte este trofeo no máis antigo de Galicia. Mentres, a edición feminina incorporouse en 2013.
Os vencedores das dez edicións anteriores foron os seguintes: Alertanavia (2013, 2014 e 2021), Coia (2015), Gran Peña (2016 e 2017 -na imaxe sobre estas liñas-), Candeán (2018), Racing Castrelos (2019), Rápido de Bouzas B (2022) e Atlántida Matamá (2023).
Outras copas neste día festivo
Coincidindo con este primeiro de novembro festivo xogáronse tamén partidos doutras copas. No caso da de Ourense, avanzaron á seguinte rolda equipos como o Allariz, o Barco, o Velle, o Arnoia, o Verín ou o Nogueira. Unha das sorpresas foi a eliminación do líder do grupo ourensán de Primeira, o Celanova, que caeu nos penaltis co Loñoá.
A Copa Deputación de Pontevedra terá na terceira rolda a, entre outros moitos, o Vea, o Lalín, o Ribadumia, o Pontevedra ‘B’, o Domaio, o Celtiga, Progresista, Atios, Alertanavia ou Tomiño, só por citar algúns. Tamén quedan por se celebrar unha morea de partidos desta segunda rolda.
Ferrol viviu tamén o comezo da súa Copa. Deste xeito, conseguiron pasar a oitavos equipos como o Cedeira, Galicia de Caranza, Mugardos, Vadoviño, Perlío, Narón e O Val. Na Coruña, a Copa comezará na ponte festiva de decembro, en concreto o día 6.
Imaxes: Racing Castrelas / As Celtas