A pasada xornada deixou dous sorprendentes marcadores no fútbol galego. Na Preferente Norte, o líder Atlético Coruña Montañeros sufría a primeira derrota da tempada ao caer goleado 3-0 ante un dos equipos relevación da categoría, o Negreira. Pola súa banda, no grupo 5 da Primera Futgal o Cordeiro remataba a impresionante xeira do Puebla, que se mantiña invicto, con 14 vitorias e dous empates.
O Monta era o equipo galego de máis alta categoría que aínda non perdera. Tras colleitar a primeira derrota, ao igual que o Puebla, nas nove categorías do noso fútbol quedan aínda sete equipos que non perderon en liga, unha vez as competicións superaron o ecuador. Todos eles son líderes dos seus respectivos grupos.
O invicto mellor posicionado está na Primeira Futgal, xa que os tres conxuntos galegos do fútbol profesional (Celta, Dépor e Rácing) perderon varios partidos. Ao igual que os de Primeira RFEF (Arenteiro, Celta Fortuna, Lugo e Ourense CF) e os de Segunda RFEF (Pontevedra, Fabril, Bergan, Compos e Coruxo). Tamén todos os equipos da Terceira e das Preferentes perderon polo menos un encontro.
O Club do Mar de Caión, líder invicto
E ese primeiro equipo invicto en liga que atopamos no fútbol galego é o Club do Mar de Caión, que ocupa a primeira posición no grupo 2 da Primera Futgal. Suma 41 puntos, logo de gañar 12 encontros e empatar 5.
Leva boa parte da tempada como líder nun grupo que está emocionante pola parte alta, co Dumbría, o Carral e o Boimorto como grandes perseguidores do Club do Mar; todos eles nunha diferenza de só seis puntos. Por detrás veñen o Fisterra e o Muxía, aínda que o oco con eles xa é máis considerable.
Equipos aínda sen derrota en Segunda Futgal
Para atopar máis equipos galegos que aínda non coñezan a derrota en liga esta tempada temos que baixar un chanzo ata a Segunda Futgal. No grupo de Ferrol, o Meiras (Valdoviño) lidera con 39 puntos, cinco de diferenza sobre o segundo, tras impoñerse en 12 ocasións e empatar outras tres.

Pola súa banda, no grupo do norte de Lugo hai outro equipo que aínda non perdeu, o Iberia. O conxunto de Barreiros ocupa a primeira posición con 11 vitorias e cinco empates. Ten unha vantaxe de catro puntos sobre o segundo, que é o Folgueiro.
Catro invictos na Terceira Futgal
No grupo 1 de Pontevedra da Terceira Futgal, o Atlético Combarro aínda non perdeu; son líderes, cun punto sobre o segundo. Tamén na primeira praza, pero neste caso no grupo 1 da Coruña, está o Liceo de Monelos, que aínda non perdeu e ten dous puntos máis que o seu inmediato perseguidor.
Pola súa banda, no grupo 3 de Santiago atopamos outro invicto, o Deixebre. Neste caso, a diferenza co segundo é moito máis considerable, pois o equipo de Oroso ten 16 puntos máis que o segundo grazas ás 14 vitorias e un empate sumados ata o momento. Finalmente, no grupo 2 de Ourense, o Soutopenedo é outro deses equipos que aínda non perdeu: nove vitorias e tres empates sérvenlle para ser líderes.
