Un ano máis, a fin das ligas regulares é sinónimo de crebacabezas nos equipos que remataron preto do descenso. Aínda que con menos intensidade que en cursos pasados, a pantasma dos arrastres volve aparecer no fútbol galego. Un bo exemplo dáse na Primeira Galicia. Nesta categoría xeráronse dúbidas arredor do que ocorrerá en caso de que o equipo galego que xoga o play-off a Segunda RFEF non acade o ascenso. De Sarriana, Gran Peña, Arousa ou UD Ourense depende evitar unha cascada de movementos.
En primeiro lugar, o máis inmediato sería o descenso a Preferente do Rápido de Bouzas. O equipo vigués, logo dunha tempada complicada, rematou na décimo quinta posición. Malia golear a Sarriana na última xornada, o resto de resultados prexudicaron o equipo de Víctor Rodríguez. A categoría acabou tan igualada que só hai tres puntos do sétimo (Somozas) ao Bouzas.
Así pois, o descenso do Rápido provocaría a perda de categoría do Antela. De Preferente a Primeira Galicia. O equipo de Xinzo, tras rexurdir na segunda volta, viu como o Choco lle remontaba no engadido do encontro da última xornada. Acabou quinto pola cola.
Neste escenario, habería dez descensos desde Preferente. No grupo norte baixarían Victoria, As Pontes e Eume Deportivo (remataron en descenso directo) e Residencia e Castro. No sur caerían Velle, Alertanavia e Allariz (descenso directo) e mais o Ribadumia e o Antela.
Que ocorrería entón?
Que haxa dez descensos dende Preferente, en lugar de nove, implica que baixe un equipo máis de Primeira Galicia. Cómpre lembrar que esta tempada houbo cinco grupos nesa categoría: A Coruña/Ferrol, Costa/Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra/Vigo.
Para a vindeira tempada hai cambios previstos. O principal é a creación dun sexto grupo en Primeira Galicia. Esta cuestión foi aprobada na Asemblea Xeral da RFGF do 10 de agosto do pasado 2023. Cada un dos grupos estará formado por 18 equipos e desaparece o criterio xeográfico.
A última circular da categoría establece que se modificará «o criterio de división provincial para a conformación dos grupos da competición de Primeira Galicia». Así que as cuestións xeográficas quedarán para a composición dos grupos unha vez se coñezan os equipos participantes. É dicir, primeiro vese que equipos hai e, unha vez se saiba isto, repártense nos grupos segundo, «dentro do posible, criterios de proximidade».
Dous equipos vense descendidos
A circular indica que «os descendidos por ‘efecto arrastre’ determinaranse entre os equipos dos Grupos de Primeira Galicia onde sexan ubicados os descendidos de Preferente Galicia». Pero tendo en conta que haberá seis grupos e que desaparece a división provincial, é dificil aventurarse en como quedarán conformados os grupos.
Se o posible descenso do Antela a Primeira Galicia arrastra un equipo desa provincia, o afectado sería o A Peroxa CF. «Nós dámonos por descendidos», sinala Antonio González Fiuza, coordinador deste club. «Non se poden programar descensos a uns grupos cando non sabes onde van estar os equipos», pensa o directivo. Cre que o primeiro paso debería ser o reparto dos grupos e, dende aí, ver os posibles arrastres.
Fiuza lembra que no congreso da Federación celebrado en Santiago no que se puxo sobre a mesa esta división interprovincial, «desta provincia, só o Nogueira de Ramuín e A Peroxa votamos en contra». «A nosa Primeira Rexional sempre foi aquí, na casa, e non me vexo indo a Escairón ou á Estrada, por dicir algúns lugares», sinala. Pensa que esa situación pode dar lugar a renuncias de equipos que non poidan facer fronte aos desprazamentos.
Con todo, hai outro equipo que, segundo puido saber Futbolingalicia, tampouco ten clara a súa continuidade na categoría. Trátase da Milagrosa, da Primeira Galicia de Lugo, o peor cuarto pola cola dos cinco grupos desta categoría. O Sporting Cambre rematou cos mesmos puntos que os lugueses (31), pero o seu coeficiente é maior. Isto débese a que disputaron un partido menos logo da retirada da competición do Laracha, asunto que abordamos neste artigo.
Estes descensos terían consecuencias tamén na Segunda Galicia. No caso de que en Lugo baixase a Milagrosa, por exemplo, todo apunta que o afectado sería a SD Chantada B. O filial do club do Sangoñedo foi décimo cuarto no grupo sur da Segunda, que é no que esta tempada estaban encadrados a maior parte dos equipos da cidade de Lugo, caso da Milagrosa. A Comercial, en cambio, foi para o grupo norte.
Todos pendentes do play-off
Polo tanto, os equipos implicados estarán moi atentos ao que ocorra nas vindeiras semanas. A volta do play-off galego a Segunda RFEF dispútase este domingo. En Barreiro xogarán Gran Peña e Sarriana (0-0 na ida) e na Lomba farano Arosa e UD Ourense (2-2). Os dous equipos vencedores mediranse nunha nova eliminatoria a dobre partido.
O que resulte gañador deberá enfrontarse a unha nova fase, tamén de ida e volta, ante o gañador do play-off de ascenso doutra comunidade autónoma do Estado. Se logran superala, os equipos antes citados manterán a categoría.
Máxima emoción e ascensos en xogo no desenlace da Primeira Galicia - FutbolinGalicia
31st May 2024[…] O fútbol afeccionado, de novo pendente dos arrastres […]
Atlético Escairón, Cented e Beluso celebran o ascenso a Preferente - FutbolinGalicia
07th Jun 2024[…] O fútbol afeccionado, de novo pendente dos arrastres […]
Diversidade de preferencias na confección dos grupos da Primeira Futgal - FutbolinGalicia
20th Jul 2024[…] O fútbol afeccionado, de novo pendente dos arrastres […]