O carismático presidente do Galicia Gaiteira, Carlos Couceiro, participou no programa da Televisión de Galicia ‘Atrápame se podes‘. Hai dous anos, cando tiña 20, deu un paso adiante e tomou as rendas deste emblemático club da cidade da Coruña, que compite na Terceira Futgal e en 2026 celebrará o seu centenario. Convertiuse así no máis novo presidente dun club de fútbol de toda Galicia.
Carlos Couceiro saíu nas pantallas da canle pública autonómica en seis programas do concurso ‘Atrápame se podes’, que se emite á noitiña. Tal e como salientou o presentador, Paco Lodeiro, o presidente do Galicia Gaiteira levou tres ‘petiscos’, como denominan os premios que reparten.
Ao despedirse do programa, Carlos admitiu que vivira «unha experiencia incrible, paseino moi ben e volvo cando queirades«, dixo. Explicou que a razón pola que decidira participar no ‘Atrápame se podes’ era darlle «unha sorpresa» á súa avoa, espectadora habitual dese espazo televisivo.
O Galicia Gaiteira camiña ao centenario
Sobre o equipo, sinalou que o inicio de liga foi «un pouco malo«, mais celebrou que enderezaran o rumbo nas últimas semanas e salientou que contan cun «grupo espectacular» esta tempada. Compiten no grupo 1 da Terceira Futgal da Coruña, que na actualidade está encabezado polo Liceo de Monelos. O Galicia Gaiteira ocupa a duodécima posición.
O «Florentino Pérez do barrio da Gaiteira«, como o chamou Paco Lodeiro, aproveitou para enviar saúdos «a toda a afección do club que estaremos pelexando xuntos toda a tempada. É unha afección que non merecemos. O que vos conte non o ides crer, hai que velo, son como ultras«, apuntou.
Por outra banda, Couceiro prometeu facer «algo grande» para celebrar o centenario. O club xurdiu en 1926, polo que a vindeira tempada, a 2025-2026, será moi especial. Explicou que xa están traballando para conmemoralo do mellor xeito.
O presidente máis novo de Galicia
Tal e como recolleu hai uns meses La Voz, Carlos Couceiro converteuse hai dous anos no presidente máis mozo de Galicia, no que a clubs de fútbol se refire. Contaba que chegou ao Gaiteira en alevís e, dende aí, foi pasando de categoría en categoría. A súa nai estaba na directiva, polo que se achegou aínda máis ao club.
Ao ver que, tras a pandemia, o histórico Galicia Gaiteira estaba en horas baixas e «non había interese en reanimalo«, propúxolle ao entón presidente asumir el o mando. Exerceu un ano como secretario para aprender as funcións e, despois, pasou a primeira liña.
No paso aos despachos serviulle tamén a súa formación, pois é licenciado en Económicas (e agora cursa un grao en Ciencia de Datos). Cre que dirixir un club é, en parte, semellante a unha empresa.