As tarifas arbitrais no fútbol galego presentan lixeiras subidas de prezo nesta tempada 2024-2025. Nos partidos de Terceira RFEF, o recibo unificado que deberán pagar os equipos locais para sufragar a arbitraxe sobe case 20 euros. Pasa de 595 euros a pasada campaña a 614 euros no curso que acaba de comezar.
Os 36 equipos da Preferente Futgal deben facer fronte a un gasto de 357 euros pola arbitraxe en cada partido que xoguen na casa. A tempada pasada o recibo unificado era de 343, polo que se incrementa en 14 euros. Pola súa banda, os 108 equipos de Primeira Futgal ven incrementado en seis euros a tarifa, que pasa de 195 a 201 euros.
Nas categorías sénior masculinas sen árbitro asistente obrigatorio repítense os incrementos. A Segunda Futgal pasa de 110 a 115 euros e a Terceira Futgal, de 91 a 95 euros. No caso de que os equipos locais queiran contar con asistentes no partido, o recibo unificado ascende 55 euros máis, tres máis que a tempada pasada.
No fútbol feminino, a Liga Galega 1ª, 2ª e 3ª División presenta unha suba de dous euros en cada categoría. Pasan a pagar 57, 54 e 52 euros pola arbitraxe. Nestas categorías, ao igual que no fútbol base, non existe recibo unificado, segundo a circular da RFGF.
Aumentan os gastos de viaxe
Outro incremento atopámolo nos gastos de viaxe. O custo por quilómetro percorrido nos desprazamentos dos colexiados pasa de 0,22 a 0,26 euros. Este aspecto non afecta a aquelas categorías nas que se aplica o recibo unificado. Nas demais, os clubs pagan quilometraxe sempre que o campo de xogo se atope a máis de tres quilómetros da delegación arbitral, que se toma como punto de partida no cáculo de distancias. A Federación ten unha liña de axudas para equipos deslocalizados, co obxectivo de que poidan facer fronte a este tipo de gastos.
Outra carga destes clubs é o chamado resarcimento de gastos. No fútbol 11, por viaxe inferior a 51 quilómetros nun só sentido, o custo é de oito euros por árbitro; se a distancia vai dos 51 aos 100, de 25 euros, e no caso de desprazamentos de máis de 101 quilómetros, o resarcimento de gastos ascende a 43 euros.
Outros prezos para amigables e copas
As tarifas arbitrais que fixo públicas a Federación Galega de Fútbol para esta tempada 2024-2025 tamén recollen os prezos para partidos amigables, de adestramento, copas, categorías de base e fútbol praia. Nesta circular podes atopar toda a información ao respecto.
Imaxe: Pixabay