Momento de buscar Diferenciais de FutbolinGalicia dunha xornada de Primeira Futgal con grandes goleadas nun dos grupos, o de Lugo. O líder Burela caeu 3-5 ante os seus veciños de Foz, que remontaron o dous a cero inicial dos da Marosa. Destacou polos focenses a actuación de Aitor Moreda, autor de tres goles. O segundo, a Residencia, gañou 3-0 e o terceiro, o Castro, impúxose 6-3.
Pero foi unha xornada tola e con moitos goles tamén no Estadio Roca, onde o Guntín remontou ante o Racing Villablés para acabar levanto no 86 con gol de Daniel Fuenteseca un partido que rematou 3-4. Pola zona baixa, triunfo importante para o Pastoricense, que iguala a puntos ao Lourenzá, a quen venceu esta fin de semana 0-2, sendo Cristian García o autor do segundo.
No grupo 1, a Cultural Maniños aproveitou os empates de Victoria e Orillamar para achegarse á cabeza, estando a dous do liderado. Pedro España fixo dous goles no 4-1 do equipo do ponte ante o Torre. O Meicende tivo que suar ante o Cedeira, pero o gol de Marcos del Río serviulles para remontar no 89 e acabar levando os puntos. E na zona media baixa, cuarta xornada sen perder para un Ural moi goleador: 4-0 ante o Eume con dobrete de Gonzalo.
Os líderes non perdoan
Non fallaron no grupo 2 nin o Club do Mar nin o Carral, pero si houbo picazo no caso do Dumbría, que empatou ante un Agolada que rabuña un punto de ouro ante o terceiro clasificado para abrir oco co descenso. Victor Vilariño anotou para os do Hospitalillo. A vitoria 3-1 do Fisterra ante o Calo ten un nome propio, o de Bruno Romero, autor dos tres tantos. No Pinar, a entrada do xogador do Vizoño Diatta cambiou o encontro. Os vermellos, que perdían 0-2, acabaron empatando co Castriz con dous goles seus.
Rematada a xornada 23, o Puebla avantaxa en 12 puntos os seus perseguidores. Pero gañar non é sinxelo nin para o líder, que tivo que remontar o gol do Soutomaior, un equipo en descenso. O capitán, Diego Bendaña, botou o equipo ás costas e asinou un dobrete para levar os puntos. O Ribadumia busca meterse na pelexa polo play-off e esta fin de semana recortou distancias co Arcade logo de gañar ao Caldas. David Gómez anotou un dos goles, o sexto que marca na liga. E dende o punto de penalti en dúas ocasións levou a vitoria o Marín, que remontou dende os 11 metros ante o Valiño. Nicolás Conde transformou o penalti que supuxo a vitoria
Sen goleadas, pero con emoción
O Gondomar impúxose con claridade ante o Alertanavia –son os dous equipos en play-off– no gran partido da xornada do grupo 6. Brais Pazos foi o encargado de inaugurar o marcador no minuto 66. Pola parte alta tampouco puido sumar o Guardés, que caeu 2-1 ante un Chaín que lle deu a volta ao marcador nos últimos cinco minutos. David Rodríguez culminou a remonta.

Pola parte baixa deste grupo 6, Santa Mariña e Domaio conseguiron senllas vitorias balsámicas para fuxir dos postos de descenso. Os de Xacobe venceron ao Tomiño con gol solitario de Pedro López. Mentres, o Domaio sumou a domicilio en terras ourensás, a conta do filial do Arenteiro. Roberto Carracelas anotou un dos tantos e suma xa 12 dianas en liga.
En Ourense, o Allariz puxo fin a máis de dous meses invicto do Córgomo. Julen Cid, máximo anotador dos alaricanos esta tempada, fixo un dos goles. O Velle suma a terceira derrota consecutiva. Ademais, nos tres casos perdeu por cero a dous. Desta volta, caeron ante un Polígono que ocupa praza de promoción. David Domínguez foi o autor dun dos goles, o sétimo que marca este curso. E en plenas destas de Entroido non lle foi ben ao equipo de Xinzo, o Antela, que cedeu un punto ante o Sporting Carballiño, que empatou por mediación de Ibai no engadido.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.
