Xa non sorprende que o CD Córgomo sorprenda no mercado de fichaxes. E, aínda así, o conxunto valdeorrés volve superarse. Incorporou a Ivi Vales e David Álvarez, dous futbolistas que chegan procedentes do Atlético Astorga de Segunda Federación, pero que xa coñecen moi ben o fútbol da comarca.
O Córgomo, creado hai poucos anos nunha parroquia de Vilamartín, concello da comarca ourensá de Valdeorras, converteuse nun dos proxectos máis singulares do fútbol galego e continúa dando pasos difíciles de imaxinar hai tan só uns anos.
Agora volve facelo con dúas incorporacións de auténtico nivel. Ivi Vales e David Álvarez, ambos con pasado recente en Segunda Federación, reforzan o ataque dun equipo que competirá en Primeira Futgal.
Vellos coñecidos do fútbol valdeorrés
Ademais da súa categoría, as dúas fichaxes teñen un importante significado para a comarca. Ivi Vales e David Álvarez foron no seu día xogadores fundamentais do CD Barco, onde deixaron unha pegada importante e se converteron en futbolistas moi queridos pola afección valdeorresa.
Ivi Vales chega como un atacante de enorme calidade e polivalencia, capaz de ocupar diferentes posicións ofensivas. Un futbolista con ampla experiencia en Terceira División e que agora regresa ao fútbol da comarca para poñer o seu talento ao servizo do Córgomo.
David Álvarez tamén procede do Atlético Astorga, onde tivo un papel importante na permanencia do equipo en Segunda Federación. De feito, foi decisivo nas dúas últimas xornadas, marcando dous goles nas dúas últimas citas.

E no seu primeiro partido co Córgomo xa deixou claro que chega con ganas de ser protagonista. David debutou esta fin de semana coa camiseta do conxunto valdeorrés e marcou un espectacular gol desde o centro do campo.
Son dous xogadores doutra categoría que prometen animar e moito o grupo 4 da Primeira Futgal, conformado por equipos ourensáns agás dúas excepcións, o Lemos B monfortino e o Lamela, de Silleda.











































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































