En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos xogadores, adestradores, afeccionados, directivos, árbitros, equipos e demais membros do noso fútbol, é dicir, de todos aqueles que día a día aportaron o seu gran de area para que o fútbol galego sexa do mellor do fútbol español. O protagonista desta nova entrega de Os Vintage é o Zacande FC da tempada 2016/2017, que logrou o ascenso a Primeira Galicia.
Os responsables do ascenso
Os gardametas Daniel Paseiro e José de Dios; os defensas Juan José Barreira, José Manuel Castro e Pablo Lafuente; os centrocampistas Adrián Rial, Benito Fernández, Christian Abal, Edgar Leonel Domínguez, Eduardo Alemán, Juan José Veiga e Juli Santos; e os dianteiros Carlos Fariña, José Luis Vázquez, Nicolás Doval, Francisco de Pazos, Rubén Sánchez e Juan Fresco formaban o cadro de xogadores que rematou a competición ligueira en terceira posición, obtendo praza para a fase de ascenso na que conseguiron o salto de categoría. No corpo técnico destacou o papel de Ricardo Fernández, adestrador, e Juan Manuel Castro, delegado.
Os números amosan unha gran regularidade durante as trinta e catro xornadas do grupo 10 pontevedrés da Segunda Galicia: dezanove vitorias, nove empates e unicamente seis derrotas. Ditas estadísticas posibilitáronlles chegar aos 66 puntos e ocupar a terceira posición, que daba acceso á fase de ascenso. Carlos Fariña, con trece, Francisco de Pazos, cunha decena, e Nico Doval máis Pablo Lafuente, ambos con 9, destacaron na sempre primordial faceta anotadora. Foron o conxunto máis goleador do seu grupo.

Seis partidos de play-off para lograr o ascenso
O Nigrán CF foi o rival na primeira das tres eliminatorias. O 1-4 na ida no Condomínguez encarrilou o pase á seguinte rolda, na que esperaba o CD La Guía. Os nosos protagonistas tiveron que emplearse a fondo na volta para igualar o 2-1 desfavorable da ida. O Municipal de Zancade dictaría sentenza dende a pena máxima, na que o 5-4 local permitiulles chegar á gran final.
O 11 de xuño celebrouse o primeiro partido da decisiva eliminatoria, co Municipal de Santa Mariña de escenario. Os tantos de Edu Alemán e Edgar Leonal, para un 1-2 favorable, fixéronlles chegar con vantaxe ao decisivo partido. Na volta caeron pola mínima (0-1), mais o antigo valor dobre dos goles fóra da casa deulles o ansiado ascenso. Meis estaba de festa!
Actualidade do Zacande FC
Este domingo reciben á SDC San Adrián na décimo primeira xornada do grupo pontevedrés da Segunda Futgal. Tras tres vitorias, tres empates e catro derrotas, os de Meis ocupan a undécima posición na táboa. Atópanse a seis puntos de entrar en zona de play-off e contar cunha marxe de oito con respecto ao descenso directo, marcado a día de hoxe polo Atlético Faxilde.


























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































