# Hashtag

Pablo Lede, Portonovo SD: «A mellor imaxe do equipo está aínda por ver»

A segunda volta da Preferente Sur comezou este domingo cunha xornada na que destacou un partido por enriba de todos. Nun enfrontamento directo disputado en Baltar entre Portonovo e Choco, dous equipos que acabaron o ano loitando por evitar entrar nos postos do descenso, o cadro local logrou unha importante goleada por 5-0.

Un dos goleadores do encontro foi Pablo Lede, un experimentado centrocampista sanxenxino que defende a camiseta dun dos equipos da súa vila. Hoxe, en Futbolingalicia, o xogador repasa o futuro máis próximo do Portonovo, a súa carreira na que xogou en equipos como Celta B, Pontevedra ou Arenteiro ou a súa etapa de catro anos en Italia

Futbolingalicia: Este domingo conseguistes unha vitoria clave na loita pola permanencia ao golear 5-0 a un rival directo como o Choco. Cales eran as sensacións no vestiario despois deste gran triunfo?



Pablo Lede: «A verdade é que estabamos moi contentos. Primeiro, por gañar un partido tan importante e segundo, porque conseguimos materializar moitas das ocasións xeradas. Viñamos de facer moi bos partidos e a única cousa que nos estaba a faltar era ese acerto de cara ao gol, polo que esta vitoria tan contundente creo que nos vai servir a todos para ter moita máis confianza e poder seguir crecendo como equipo».

FIG: ⁠⁠Cales cres que foron as claves desta grande actuación?

PL: «Penso que a actitude que viñamos demostrando nos últimos partidos estaba sendo moi importante. Somos un equipo que encaixa moi poucos goles e que defende ben. Tamén xeramos moitas ocasións de gol e sabiamos que cando cambiase esa sorte de cara á porta rival, poderiamos facer partidos como o deste domingo».



FIG: ⁠Abrides algo de oco co descenso. Pensas que esta vitoria pode ser un punto de inflexión nesta loita?

PL: «Creo que aínda queda moita liga por diante, pero o importante desta vitoria é o propio equipo, xa que viñamos traballando moi ben nas últimas semanas e mereciamos un partido como este. Agora só nos queda seguir mellorando e afrontar cada partido intentando sumar de tres en tres, xa que penso que temos un equipo para poder facelo sen ningunha dúbida».

FIG: Como valoras a tempada do Portonovo ata o momento?



PL: «A mellor imaxe do Portonovo está aínda por ver. Fixemos bos partidos na primeira volta e non tivemos recompensa en moitos de eles, polo que agora debemos afrontar esta segunda volta como unha nova liga onde poidamos sumar o maior número de puntos posibles para estar o máis arriba posible na táboa clasificatoria. Penso que o equipo está para moito máis do que a clasificación indica actualmente e só nos queda demostralo no campo con moito traballo e esforzo».

FIG: A nivel particular, anotaches o teu primeiro gol da tempada ante o Choco. Como te estás a sentir este ano?

PL: «As sensacións neste momento son boas. Facer goles sempre axuda a ter máis confianza e a sentirse mellor no campo de fútbol. Particularmente, é un ano no que penso que o mellor nivel de xogo sairá nesta segunda volta. Iniciei un pouco tarde a tempada e sempre se necesita un pouco de tempo para estar ben fisicamente e para adaptarse o equipo. Creo que desde o inicio estou a sentirme moi ben con todos os compañeiros, co adestrador e con todo o staff técnico. Só podo darlles as grazas e tratar de mellorar cada semana para poder conseguir moitas máis vitorias como a de este domingo».

FIG: Repasando a túa carreira, destaca a experiencia italiana de catro anos. Cóntanos como chegaches alí e o que significou isto na túa carreira e na túa vida.

PL: «A experiencia en Italia foi moi boa en todos os sentidos. Recoméndolle a calquera xogador que poida saír de España a xogar que o intente e que o busque, xa que a experiencia de vida é moi enriquecedora e creces moito como persoa e tamén como xogador. A min a oportunidade chegoume grazas as sesións AFE, onde puiden xogar un torneo en Ámsterdam no que destaquei cun gol na final. Despois tiven varias opcións a través de representantes para xogar fóra de España e ao final decidinme por Italia. Foron catro anos moi bos. Gañei dúas copas, ascendín un ano de categoría gañando o play off nacional e xoguei dúas fases de ascenso máis. Xoguei en catro equipos e tres de eles agora xogan en Serie C e en Serie D italiana, que son categorías máis altas que a Liga Eccellenza, que é a que xoguei eu e a que equivale á Terceira Federación actual no fútbol español. Valoro a experiencia como case obrigada para calquera xogador de fútbol que queira coñecer un país que ama ó fútbol e que vive cada partido coma se fose unha final. Iso faite sentir un xogador de primeiro nivel aínda que xogues nunha categoría que está bastante lonxe da propia Serie A».



FIG: ⁠⁠Que diferencias hai entre o fútbol italiano e o fútbol de aquí?

PL: «O fútbol italiano é moitísimo máis físico porque se traballa moito máis ese aspecto. Faciamos moitas sesións de ximnasio e de traballo de forza no campo. Logo, o nivel nestas categorías é máis alto que o de aquí, xa que moitos xogadores de categorías superiores baixan porque se manexan cifras moitísimo máis altas das que se poden pagar na Terceira de España. Tamén están os Tifosi, que en Italia enchen as bancadas. Non ten nada que ver o seguimento que se fai ao equipo nestas categorías en Italia respecto a España. Tamén é certo que se xoga menos o balón que aquí. É un fútbol moi directo onde sempre se busca aos dianteiros con xogadas que duran moi poucos segundos. Son formas distintas de entender o fútbol e de vivilo, só hai que desfrutalo».

FIG: Actualmente xogas no Portonovo e tamén xogaches no CX Sanxenxo. Que se sinte ao representar a un equipo do teu concello?

PL: «Pois é un orgullo. Son dous equipos que me representan e que sigo desde fai moitos anos. Ogallá algún día poidamos desfrutar de ver a un equipo do noso Concello en categorías nacionais xogando contra equipos importantes do resto de Galicia e de España. No Portonovo esta é a miña segunda etapa e espero poder vivir moitos máis partidos aquí».

FIG: Disputaches catro cursos en Segunda B con Celta B e Sporting B e outro no Pontevedra en Terceira. Foron estes os teus mellores anos como futbolista?

PL: «⁠Foron os meus primeiros anos de profesional. Era moi mozo e aínda tiña moito que aprender, pero quizais si que foron os anos que me fixeron ver o fútbol máis bonito e o máis similar a Primeira División, xa que no Celta adestraba co primeiro equipo e co Sporting tamén cheguei a ir co Pitu Abelardo e con moitos compañeiros que máis tarde fixeron grandes tempadas na elite. Son anos nos que tes que ter un pouco de sorte para dar o salto ao primeiro equipo e, se non é así, despois todo é un pouco máis difícil. No Pontevedra foi un ano moi duro pero no que tamén vivín partidos moi especiais, marcando goles en Pasarón que nos daban o liderado. Foi unha pena ese ano porque perdemos a final da fase de ascenso cun equipo que máis tarde non se puido inscribir na Segunda B por falta de pagamentos e quedamos cun mal sabor de boca de ter tan preto o ascenso e despois non poder conseguilo. O bonito foi desfrutar do Pontevedra e de Pasarón sendo un xogador da casa e tendo a oportunidade de lograr que a xente se ilusionara de novo polo equipo».

FIG: Tamén estiveches no Arenteiro e no Rápido de Bouzas. Que recordas de esas etapas e que opinas das diferentes actualidades de ambos equipos?

PL: «Co Arenteiro recordo que foi o meu primeiro equipo despois da miña etapa en Italia e significou a miña volta ao fútbol galego. Foi o ano da pandemia e tiñamos moi bo equipo. Xa se vía que era unha situación moi boa tanto pola xente do Carballiño que enchía o campo como pola directiva e o corpo técnico. Tiñan un proxecto ambicioso e, ao final, creo que nin eles mesmos pensaron en lograr todo o que hoxe representa o Arenteiro. Eu estiven moi a gusto e só teño boas palabras para todos eles. Foi unha pena que se terminase a liga tan cedo porque podería ter feito máis carreira no club e quen sabe se poder facer un ascenso con eles como se viu nos anos sucesivos. Co Bouzas desfrutei moito. O primeiro ano foi duro porque comezamos moi mal e estabamos moi abaixo, nos postos de descenso, case ata terminar a primeira volta. Logo cambiamos e fixemos unha segunda volta espectacular que nos permitiu xogar a fase de ascenso para poder ascender. Ese ano tiña unha estrutura un tanto rara polo tema da reorganización das novas categorías. O segundo ano en Vigo creo que foi dos mellores da miña carreira, xa que fixen goles importantes e xoguei practicamente todos os minutos. Quedámonos ás portas da fase de ascenso no último partido da liga despois de estar todo o ano entre o terceiro e o cuarto clasificado, facendo números incribles como a xeira de 17 ou 18 partidos sen perder que logramos ter ese ano. Coñecín grandes compañeiros e desfrutamos moito tanto dentro como fóra do campo. Foi un ano que sempre recordo con alegría e satisfacción. Agora, as realidades de ambos equipos son moi diferentes. Entendo que quizais sexa pola organización da propia estrutura de cada equipo ou de quen toma as decisións para a continuidade de cada proxecto».

Fotografía: Patricia Curbelo

Pablo Lede, Portonovo SD: «A mellor imaxe do equipo está aínda por ver»

Os Diferenciais do inicio da segunda volta

Pablo Lede, Portonovo SD: «A mellor imaxe do equipo está aínda por ver»

De Baiona ao Rayo Vallecano, a historia

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *