# Hashtag

Os Diferenciais teñen o mando

Non é o exército, pero nos equipos de fútbol tamén é necesario tirar de cando en vez dos xenerais. Deses xogadores capaces de liderar unha ofensiva ou unha zaga e contaxiar do seu espírito loitador ao resto de compañeiros. Cando o terreo de xogo se converte nun campo de batalla están aí, ao pé, contribuíndo á vitoria como un máis. Por iso se lles dá o mando e se lles deixa total liberdade para manexar o ritmo dos partidos. Por iso son os Diferenciais da Primeira Futgal…

Ferrol mola

Entre os resultados máis destacados do grupo 1, cómpre revisar estes enfrontamentos que caeron do lado dos ferroláns.

Na segunda posición -e moi pretiño do Victoria- atópase o Cedeira despois de vencer ao Sporting Coruñés por un axustado 2 a 1. Os herculinos saíron dispostos a dalo todo e converteron a súa primeira ocasión aos cinco minutos, complicando as cousas para as ‘cebras’. Consciente da necesidade dun cambio, Jesús Peña deu entrada a Pep Caballé e o balear igualou a contenda. O seu tanto deulle ás ao conxunto do Carmen Maseda, que finalmente culminou a remonta con outra anotación.



Ao Meirás tamén lle foi ben nesta fin de semana, pois fixeron os deberes ante o Orillamar (1-3). Aínda non rematara de asubiar o colexiado e os de Valdoviño xa tomaran vantaxe. Así e todo, os coruñeses non lle perderon a cara ao encontro e lograron reequilibrar a balanza cunha pena máxima, contrarrestada inmediatamente por Raúl. O dianteiro verde asinou un dobrete nun abrir e pechar de ollos, certificando os tres puntos para o Meirás.

Sorrín na Piscina e non é para menos porque o San Sadurniño rachou por fin coa súa mala xeira. Gañaron por un gol a cero ao Sada, nun duelo cuxa primeira parte estivo marcada pola ausencia de oportunidades claras. Nada máis voltar dos vestiarios, Seny puxo por diante ao cadro laranxa, que soubo aguantar co 1 a 0 no marcador. O gol serviulle ao atacante para estrearse nesta tempada, onde aínda non conseguira ver porta a pesar de ter xogado tóda-las xornadas.

Un golpe na mesa

Se alguén non te toma en serio, basta con facerlle ver que estaba trabucado. Como fixeron estes representantes go grupo 2.



Sen facer ruído, o Muxía xa se sitúa a catro puntos dos play off e faino tras superar por catro goles a un ao Vizoño. O inicio do enfrontamento foi gris e trabado, pero a cousa cambiou ao regresar dos vestiarios. Manu Nogueira abriu a lata e, non contento con iso, volveu furar as redes abegondesas para ampliar a renda dos seus. Grazas ao seu labor, o cadro da Virxe da Barca encarrilou o partido, acabando coas esperanzas dun Vizoño incapaz de reaccionar.

Manu Nogueira (Muxía) intenta realizar un disparo a porta. FOTO: MARINA BUSTO/CF MUXÍA

Respira o Castriz ao saír de descenso co seu triunfo ante o Cacheiras (2-0). San Pedro alentou aos seus desde o minuto un e estes devolvéronlle o apoio con goles. Primeiro, golpearon é media hora e, xa no segundo tempo, puxeron a sentenza nunha boa acción culminada por Chapela. Trátase da primeira diana para o media punta vigués, quen xa liderara o ataque do Castriz na pasada campaña. Con este resultado, os pupilos de José Barca escalan posicións na táboa clasificaroria, esquecéndose polo momento da queima.

Por outra banda, o Bertamiráns recuperouse da fochanca do pasado domingo ao imporse ao Club do Mar por 2 a 1. A Landín bastáronlle cinco minutos para fabricar o primeiro da tarde e poñer en pé á bancada do Municipal. E aínda que o cadro de Caión devolveu a estocada, aí apareceu de novo o bo de Landín para aumentar a súa contía persoal e devolverlle o mando ao ‘Berta’. Chegado desde o Ordes, o atacante estreouse por todo o alto co seu novo club. Leva tres goles en apenas catro encontros.



Reivindicarse

Sempre hai sorpresas no grupo 3, onde ningunha entidade leva a etiqueta de ‘favorito’.

Por exemplo, o Chantada Atlético fixo os deberes e derrotou ao Brollón por dous goles a un. Boa parte de culpa tivo César, quen demostrou que aínda ten o gol entre cella e cella. Ademais de asinar un dobrete, o ariete de Carballedo foi un auténtico pesadelo para a defensa de Diego Rey. A reacción do conxunto dos Medos chegou antes do tempo de lecer e permitulles reducir a fenda. Pero os seus esforzoz non foron suficientes para privar dunha vitoria merecida aos chantadeses.



Fálase do Ribadeo ou do Rácing Vilalbés B, mais o Outeiro de Rei tamén está a realizar un gran inicio de tempada. Este domingo sacaron tres importantes puntos fronte a Milagrosa (4-2), grazas en parte á magnífica actuación de Revuelta, o verdadeiro heroe da remonta. Especialista no balón parado, o lateral esquerdo transformou dous lanzamentos de penalti para salvar os mobles e deixar os tres puntos no Municipal. Agora mesmo, o Outeiro marcha terceiro na clasificación.

Santaballés e Monterroso conformáronse con repartir os puntos ao empatar a 2. A Liga celebrou o primeiro da tarde, malia que a resposta dos de Fer Sánchez non se fixo agardar. David Quintá deulle a volta á tortilla con dous ovazos, demostrando unha vez máis as súas habilidades cando se trata de mandar o balón ao fondo da rede. O paso dos minutos esgotou aos ulloanos, que non deron aguantado ata o asubío inicial. Así e todo, conseguiron sacar un punto moi importante de Santaballa.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Os Diferenciais teñen o mando

Barco e Antela sorprenden os dous primeiros

Os Diferenciais teñen o mando

Os Diferenciais teñen o mando