# Hashtag

O clásico baile dos equipos ‘B’ tampouco fallou esta temporada

No fútbol modesto galego é habitual que os equipos B vaian e veñan. Moitas veces nacen tras o ascenso do primeiro equipo, para dar saída aos xogadores que veñen por detrás, ou cando hai efectivos e capacidade para asumilos. Pero non sempre duran no tempo: uns desaparecen mentres outros toman a testemuña. É o particular baile dos equipos B.

Antes de seguir, unha precisión: un equipo B —tamén chamado equipo dependente— non é o mesmo que un filial. A diferenza está na súa relación co primeiro equipo e nas condicións que regulan a súa participación nas competicións. Neste artigo explicámolo ao detalle.

Os equipos ‘B’ que desaparecen

Este verán houbo movementos nos dous sentidos. Entre as baixas está o Lugo B, que competía en Terceira RFEF e desapareceu despois de que o club albivermello anunciase un convenio de colaboración coa SD Sarriana.



Tampouco continúa o Ourense CF B, que rematou a pasada temporada na oitava posición entre os 14 equipos da Terceira Futgal de Ourense Grupo 1. No caso do Órdenes B, a perda da categoría tamén supón o final do proxecto, despois do descenso a Terceira Futgal.

Os equipos ‘B’ que comezan

No apartado das altas federativas aparecen, porén, varios exemplos de clubs que recuperan ou crean un segundo equipo. É o caso do Arzúa B, que regresa á competición aproximadamente unha década despois da súa anterior presenza.

Hai tamén varios casos nos que o ascenso do primeiro equipo vai acompañado da creación dun dependente. O Erizana de Baiona, despois de subir a Primeira Futgal, aposta por sacar un B que competirá na Terceira de Vigo. O mesmo sucede máis ao norte co Sada FC. Na montaña de Lugo, o Becerreá tamén pon en marcha un segundo equipo despois do ascenso do A a Primeira Futgal, neste caso na última categoría. A zona da montaña luguesa é un dos desertos do futbol galego, como mostra o mapa que elaborou FutbolinGalicia.



O Cidade de Ribeira recupera tamén o seu equipo B despois de varias temporadas, mentres que o Corgo B é outra das novidades, tras o ascenso do primeiro equipo a Segunda Futgal. Na Coruña, outro modesto, o Ciudad Jardín, segue o mesmo camiño: despois de subir a Segunda, o club decide ampliar a súa estrutura cun segundo equipo que parte desde a última categoría.

Menos baile que hai un ano

Malia todo, este curso non hai tantos cambios como na pasada temporada, cando unha gran cantidade de clubs apostaron polos equipos dependentes. Algúns recuperaron proxectos que xa tiveran no pasado, como o Atlético Cuntis B, o Sporting Cambre, o Sporting Celanova ou o Atlético Arteixo.

Outros puxeron daquela en marcha unha estrutura nova que agora ten continuidade. É o caso do Ribera B, o Tomiño B, o Villalonga B, o Pol B, o Sporting Coruñés, o Racing San Lorenzo B, o Bergantiños B ou o Gondomar FB B, que afrontan unha nova temporada como segundos equipos dos seus respectivos clubs.



Tamén cumpre a súa segunda temporada o equipo B do Celta Academy, agora denominado Celta 360. O proxecto continúa ligado á formación de xogadores que non pertencen ás categorías inferiores do Celta e conta cun equipo que ofrece continuidade competitiva a futbolistas maiores de idade ou procedentes doutras estruturas formativas.

E hai proxectos que xa empezan a dar o seguinte paso. É o caso do CD Barco B, que afronta a primeira temporada da súa curta historia en Segunda Futgal despois do ascenso conseguido o pasado curso.



Fortuna e Fabril, referentes

Os dous grandes referentes do fútbol galego tamén viven un bo momento cos seus equipos dependentes. O Celta Fortuna conseguiu un ascenso histórico a Segunda División, categoría na que compite por primeira vez. O equipo celeste rematou segundo do Grupo I de Primeira Federación con 65 puntos e selou o salto tras superar ao Europa e á Ponferradina no playoff.

Tamén o Deportivo Fabril deu o salto de categoría. O cadro deportivista, dirixido por Manuel Pablo, proclamouse campión do Grupo I de Segunda Federación a falta de tres xornadas e compite na Primeira Federación, a terceira categoría do fútbol español.

O clásico baile dos equipos ‘B’ tampouco fallou esta temporada

A Terceira Galicia bota a andar con

O clásico baile dos equipos ‘B’ tampouco fallou esta temporada

Rafael Florin, Cedeira SD: «Se podo axudar