Os novos destinos do vestiario do Arenteiro tras o descenso
O Arenteiro competirá este ano na Terceira RFEF despois de todas os problemas administrativos polos que pasou o clube. O equipo acabou a temporada pasada en postos de descenso da Primeira Federación e a súa situación económica renegounos a Terceira, aínda con problemas ata o último momento. Tivo que reconstruír as súas pezas comezando dende cero, algo parecido ao que lle pasou ao Atlético Arteixo, salvando as distancias.
Unha das principais consecuencias foi a saída de todo o persoal da pasada temporada. Os xogadores quedaron libres a partir do 30 de xuño e tiveron que buscar novo destino, deixando atrás un vestiario que viviu os mellores anos da historia recente do club.
Pouco a pouco, os antigos xogadores verdes foron atopando novos destinos. Algúns conseguiron manterse en Primeira Federación, outros baixan á 2ª ou 3ª RFEF e tamén hai quen emprende novas aventuras fóra de España.
Os que quedan na cidade
O Ourense CF será o novo destino de Diego García e Markitos. O gardameta regresa ao club seis anos despois, mentres que Markitos tamén continuará na cidade. Ambos competirán na 2ª RFEF.
Outro dos referentes do último Arenteiro, David Ferreiro, tampouco se afasta de Ourense. O capitán defenderá agora a camisola da UD Ourense, na 1ª RFEF, xunto a Bastida, que tamén se incorporou ao equipo ourensán.
Baixan un escalón
O Compostela contará con dous futbolistas que defenderon a camisola verde a pasada temporada. Jordan Sánchez chega despois de catro anos no Arenteiro e competirá na 2ª RFEF tras o ascenso do conxunto santiagués. Xunto a el estará Dani González, que tamén se incorpora á nova etapa do equipo picheleiro no seu regreso á 2ª RFEF.

Pola súa banda, Adilson e Molina coincidirán no Real Ávila, que competirá na 2ª RFEF, Grupo 5. Nese grupo coincidirán con Pablo Moyá, que xogará no RSD Alcalá. Ao Grupo 3 chega Alpha para defender as cores do Atlético Baleares.
O Estepona contará con dous antigos xogadores do Arenteiro. Julen Jon Guerrero, que xa marchara en febreiro para incorporarse ao filial do Getafe, chega agora ao conxunto andaluz. Xunto a el estará Nacho Ramón, ambos na 2ª RFEF, Grupo 4.
Un salto ao fútbol profesional e continuidade
O destino máis destacado é o de Mingo, que dá o salto ao fútbol profesional coa súa fichaxe polo Real Oviedo, que milita este ano na Segunda División.

O FC Cartagena será o destino de dous xogadores que conseguiron manterse en Primeira Federación. Lohr e Richarte defenderán a camisola do conxunto murciano no Grupo 2.
Tamén seguirá en Primeira Federación Daniel Lasure, que se incorpora ao Utebo, mentres que Llácer defenderá as cores do CD Teruel. O seu caso é diferente, xa que abandonara o Arenteiro no pasado mes de febreiro para fichar polo Marbella.
Martín Ochoa tamén saíra durante a pasada temporada para incorporarse ao Ourense CF. Agora, o dianteiro inicia unha nova etapa no Deportivo Fabril, en Primeira Federación. Alvin tamén mantén a categoría tras fichar pola Ponferradina.
Destinos internacionais
Varios xogadores tamén buscaron seguir as súas carreiras fóra de España. Diego Moreno cambia o fútbol español polo portugués e incorpórase ao Feirense, da Segunda División lusa, mentres que Brais Val tamén xogará en Portugal, no USC Paredes, da terceira categoría.
Chuca emprende unha nova aventura no fútbol bosníaco co Sloga Meridian, da máxima categoría do país, e Dani Romera fará o propio co Borac Banja Luka, na mesma competición.

Pola súa banda, Jaume Cuéllar pon rumbo a Asia para defender as cores do Visakha FC, da máxima categoría de Cambodia.
Fer Iglesias xogará no Pontevedra B, na 3ª RFEF, aínda que tamén poderá entrar nas dinámicas do primeiro equipo granate, que compite en Primeira Federación.
Aguza continuará no Hospitalet, onde xa xogaba despois de abandonar o Arenteiro durante a pasada temporada. O conxunto catalán competirá na 3ª RFEF, Grupo 5.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































