O noso fútbol está cheo de historias que emocionan, pero poucas o fan coa intensidade da do Club Atlético Huracán de Zamáns. Este club vigués deu os seus primeiros pasos nos anos trinta, impulsado por un grupo de emigrantes retornados dende Arxentina. Estiveran en Bos Aires, nun barrio onde todos animan ao Club Atlético Huracán, de aí que cando regresaron a Galicia e comezaron a darlle ao balón escollesen ese nome en homenaxe ao club do que eles tamén se sentiran parte a case 10.000 quilómetros da casa.
Aínda que disputaron con frecuencia partidos amigables dende a década dos trinta, o equipo sénior do Huracán de Zamáns —que é a parroquia máis pequena do concello de Vigo, cuns 1.000 habitantes— competiu de xeito oficial entre 1967 e 1989, converténdose no primeiro equipo de fútbol do lugar. O Huracán completou tempadas históricas, como a 1975/76 (na imaxe superior), cando remataron a liga como campións da segunda división comarcal sen perder un só partido.
Durante os seguintes dez anos, entre 1989 e 1999, o Huracán foi alternando tempadas de inactividade con outras nas que contou con equipos de base, pero a chama foi apagando aos poucos. Agora, case un século despois de que o fútbol chegase a Zamáns dende Arxentina, a ilusión e o Huracán están de volta con moita forza. Héctor Prado, fillo e neto de directivos do desaparecido equipo, impulsou o rexurdiu deste histórico do noso fútbol.
Todo Zamáns está pendente
En conversa con FutbolinGalicia, Prado explica que, aínda que naceu en 1997 e xa non puido ver en acción ao Huracán, “durante toda a miña vida escoitei historias do club que fixeron que lle collese moito cariño”. Toda a parroquia de Zamáns está pendente da súa iniciativa e foron moitos os veciños que decidiron sumarse ao proxecto, que sairá a competir esta tempada na Terceira Futgal. Xa teñen adestrador, cadro de xogadores listo e unha directiva formada por 19 persoas, entre as que se atopan cinco exxogadores do histórico Huracán.
Héctor Prado sinala entre risos que dende que deu a coñecer os seus plans para revivir o equipo “pasei a ser famoso en Zamáns! A xente, mesmo veciños que non coñezo, pregúntanme como vai o tema do fútbol!”. Lembra cunha mestura de emoción e tristura a visita que lle fixo hai 20 días a Rudesindo Alonso, que fora presidente do Huracán e faleceu a pasada semana. “Fun velo a casa porque xa estaba moi enfermo e o primeiro que me preguntou foi polo fútbol. A xente está ilusionada, é gratificante e un orgullo que algo que intentas levar a cabo xere sensacións tan positivas”, admite.
Un vídeo que emociona
O que acaban de ler é un breve resumo da historia deste club vigués. Pero non hai nada como escoitala na voz das persoas que o viviron en primeira persoa. Por iso, o vídeo de presentación do Huracán de Zamáns está protagonizado por catro mulleres que seguiron a evolución do equipo. Son Josefina, Cándida, Tila e Aida, agora viúvas.
Cándida é a avoa de Héctor Prado, a muller do seu avó, que fora directivo e cantineiro. Josefina, pola súa banda, é a viúva do avó paterno de Héctor, que tamén colaboraba co club. Tila e Aida casaran con outros dous directivos. “Estou seguro de que fixeron moito máis polo Huracán do que se cre”, asegura Héctor.
O vídeo, que se pode ver aquí, está preto das 40.000 visualizacións en Instagram e pon a pel de galiña. Nel, as catro mulleres contan que galegos e arxentinos xuntábanse nas rúas de Bos Aires «para xogar todos xuntos e dicían que eran o Huracán«. «Cando lles tocou volver a Galicia seguiron sendo ‘hinchas’ do Huracán e xogando ao fútbol xuntos«, explican no vídeo. No momento no que o club comezou a competir, din, «sempre esperabamos polo domingo para ver o Huracán, era a ilusión máis grande que tiñamos«.
Varios usuarios arxentinos comentaron o emotivo vídeo, que xa cruzou o charco. Héctor Prado asegura que a peza causou un grande impacto. Recoñece que lle gustaría que chegase ao propio Club Atlético Huracán arxentino, aínda que entende que non será doado.
Os plans do novo Huracán de Zamáns
En Zamáns hai tantas ganas de fútbol que o Club Atlético Huracán iniciará a pretempada este mesmo martes. Xa teñen todo listo para saír a competir na Terceira Futgal. “Queremos ver como se nos da, porque hai xente que leva tempo parada”, recoñece Prado.
Ao que está claro que ningún rival lles gañará é a ilusión. “O obxectivo é que o proxecto vaia para adiante, que os xogadores sexan comprometidos e poder competir pasándoo ben e facendo que os veciños o pasen ben e se sintan orgullosos”, explica o impulsor desta iniciativa que non persegue tanto obxectivos deportivos, senón sociais.
Ademais do equipo sénior, o regreso do Huracán de Zamáns irá da man dun equipo de veteranos. O CD Zamáns integrarase na estutura do novo club. Esta parroquia viguesa “pequena pero matona” está unida para volver gozar do fútbol.