A próxima fin de semana dá comezo a tempada 2024-2025 na Primeira División Galega Feminina Arzúa-Ulloa DOP. Cun total de 16 equipos en competición, xa coñecemos o calendario cos enfrontamentos. De xeito contrario, aínda non están especificadas as bases da competición que se verá afectada pola reestruturación da 3ª Federación.
Ao igual que nas entregas anteriores (3ª RFEF e 2ª RFEF) analizaremos o sendeiro a percorrer polos equipos na máxima categoría galega e revisaremos algunhas das renovacións sucedidas nos últimos días.
Un arranque de tempada con novas ilusións
Os 16 equipos que conforman a Primeira División Galega Feminina Liga Arzúa-Ulloa DOP comezarán a competición a fin de semana do 14-15 de setembro e rematarán o 10-11 de maio.
Como cada ano, a categoría presenta unha mestura de equipos consolidados e outros que veñen de ascender recentemente. A loita pola coroa de Galicia arranca esta fin de semana e dará lugar a trinta xornadas para gozar da liga da casa. Este ano percorrerá tan só as provincias da Coruña e Pontevedra ao non haber representantes lucenses nin ourensás.
O Orzán SD tentará revalidar o título de campioas cunha nova fornada de rapazas que intentan acadar o seu oco no filial deportivista. As de Coruña mediranse ao Umia CF que descendeu da categoría nacional e que afronta a liga cun renovado equipo de xogadoras moi novas.
Equipos como o propio Orzán, Lóstrego, O Val ou Tomiño parten como favoritos para liderar a táboa, aínda que terán que enfrontarse a conxuntos asentados como o Arousana ou os recén ascendidos que buscarán dar a sorpresa ao longo do ano.
A importancia do inicio de tempada
O arranque ligueiro será fundamental para intentar establecer a tónica o resto de ano. Un bo inicio non só pode proporcionarlles confianza aos equipos senón que tamén significa sumar puntos que poden marcar a diferencia na recta final.
Os tres recén ascendidos á categoría farán a súa estrea nos seus respectivos campos. O Atlético San Pedro xogará en Iñás o seu primeiro partido en primeira na súa historia. Non terán fácil acadar os tres puntos xa que se enfrontan ao filial do Sárdoma de Vigo CF, pero será un bo partido para comprobar o nivel de ambos clubs.
A EFM Concello de Boiro comeza a súa volta a Primeira ante a Escuela FB Amistade que acadou a permanencia in extremis a tempada pasada. A SR Calo enfrontarase ao Domaio FC que a anterior campaña rematou na metade alta da clasificación malia ser un dos ascendidos.
ORZAN S.D. | UMIA C.F. |
SPORTING CAMBRE | S.D. O VAL |
S.R. CALO | DOMAIO F.C. |
LÓSTREGO CLUB DE FÚTBOL «B» | VICTORIA C.F. «B» |
TOMIÑO F.C. FEMENINO | R.C. CELTA AS CELTAS «B» |
ATLETICO SAN PEDRO | SARDOMA DE VIGO C.F. «B» |
ATLETICO AROUSANA | VICTORIA F.C. «B» |
E.F.M CONCELLO DE BOIRO | ESCUELA F.B. AMISTADE |
Veñen moitos partidos de interese este ano e que debedes anotar na vosa axenda. Recomendámosvos algúns como a estrea oficial na Madroa do filial das Celtas que será na segunda xornada ante o Lóstrego CF B. Nunca defrauda o derbi entre os filiais do Victoria de Coruña e o Victoria de Santiago e que o ano pasado quedaron na 11ª e na 12ª posición respectivamente.
A tempada anterior o Tomiño FCF gañoulle a partida a SD O Val no playoff polo ascenso. Este ano veremos o seu primeiro enfrontamento na xornada 13 (8 de decembro) onde as valexas poderán tomar a revancha na casa.
Unha tempada longa e desafiante
Malia centrarnos no arranque, non é como se empeza senón como se remata e iso acentúase nunha campaña tan longa. Iso sábeno os clubs que buscaron construír equipos cun número amplo de xogadoras ou que poidan ser reforzardos cos filiais ou ca base.
Coñecemos que o Sporting Cambre fortaleceuse coas incorporacións de Eva, procedente da Unión Campestre, Ana, chegada do Tordoia ou Laura, que viña do Mos. O Atlético Arousana, que sempre loita polos postos altos, intentará seguir dando guerra tras moitas renovacións e coa fichaxe de David Llaveria como adestrador. Cabe resaltar a non renovación da súa mítica defensa Carla Falcón.
ESCUELA F.B. AMISTADE | VICTORIA F.C. «B» |
ATLETICO AROUSANA | SARDOMA DE VIGO C.F. «B» |
ATLETICO SAN PEDRO | R.C. CELTA AS CELTAS «B» |
TOMIÑO F.C. FEMENINO | VICTORIA C.F. «B» |
LÓSTREGO CLUB DE FÚTBOL «B» | DOMAIO F.C. |
S.R. CALO | S.D. O VAL |
SPORTING CAMBRE | UMIA C.F. |
E.F.M CONCELLO DE BOIRO | ORZAN S.D. |
Para a xornada final da competición aparecen encontros de gran nivel e onde o seu principal interese dependerá das bases da competición e da clasificación nesas alturas. O que si sabemos é que o espectáculo está servido e que a batalla polo título está a piques de comezar.