# Hashtag

Marcos Blanco, Villalonga: «Estannos a penalizar os momentos de desconexión durante os partidos coma son os erros a balón parado»

Marcos Blanco é un dos dous máximos goleadores do grupo galego de Terceira RFEF grazas aos catro tantos que leva anotados nas seis xornadas celebradas ata o día de hoxe. Repasamos con el como foi a súa chegada ao club no que leva, con esta, sete campañas. Tamén falamos do seu gran inicio goleador, así como do que espera do partido desta tarde que enfronta ao seu Villalonga co Polvorín.

FutbolinGalicia (en adiante FIG): Ao remate da tempada 2018-2019 deixaches o Juventud Cambados e recalaches no Villalonga. Como se fraguou a fichaxe?

Marcos Blanco (en adiante MB): «A verdade é que foi sinxela. O certo é que eu viña dunha moi mala tempada en Cambados a nivel individual porque non contaba con minutos no equipo. Recordo que o Villalonga viñera a xogar ao Municipal de Burgáns e o entrenador era Ricardo, co que xa cadrara en Portonovo sendo eu xuvenil e el adestrador do primeiro equipo.»



«Ao rematar ese partido díxome que para o ano seguinte queriame no Villalonga e así foi. Rematou esa tempada, recibín a chamada do presidente do Villalonga e chegamos a un acordo rapidamente. Non dubidei nin un segundo en fichar. A día de hoxe creo que foi unha decisión moi acertada.»

FIG: A tempada pasada conseguistes o salto de categoría. Que recordos gardas do día no que se consumou o ascenso a Terceira RFEF?

MB: «Do día que conseguimos o ascenso o ano pasado gardo uns recordos que me acompañarán toda a vida. Foi un momento de moita ledicia e felicidade no que pensei en todo o tempo que levaba intentándoo e traballando para conseguilo. Acordeime moito do ano anterior, no que case descendemos de categoría.»



«Foi moi bonito e moi difícil de conseguir o que se fixo xa que aínda restaban cinco partidos de competición. Ver a todo o pobo de Villalonga, a familia e amigos que estaban alí no campo foi dos mellores recordos que gardo do fútbol; un momento único.»

Marcos Blanco a piques de dar un pase CEDIDA

FIG: Tras seis xornadas eres un dos dous máximos goleadores do grupo galego de Terceira RFEF. Cales están a ser as claves deste bo inicio a nivel individual?

MB: «De cara a gol as cousas estanme a saír ben. Creo que o traballo, crer nun mesmo e a confianza que me dan o míster e os meus compañeiros son as claves. É unha mágoa que os goles non axudaran a puntuar nalgúns partidos mais espero seguir con esta boa xeira e axudar ao equipo a sumar puntos, que ao final é o realmente importante.»



FIG: O equipo atópase último tras cinco derrotas e unha vitoria. Que cres que lle está faltando ao Villalonga para obter mellores resultados?

MB: «Considero que o equipo está competindo ben nos partidos. Estannos a penalizar os momentos de desconexión durante os partidos coma son os erros a balón parado. Creo que saber defender ese tipo de situación é o que nos está faltando. A Terceira RFEF é unha liga na que os erros penalizan moitísimo. Estamos traballando cada semana e confío moito no equipo. Seremos capaces de mellorar neses aspectos do xogo.»

FIG: Que esperas do partido de hoxe á tarde ante o filial do CD Lugo?

MB: «Xogamos ante un equipo xove con moi bos xogadores. Está claro que non será un partido fácil, de feito ningún o é, mais xogamos na nosa casa coa nosa xente e isto sempre nos dá un «plus». Creo que será un encontro bonito de ver con dous equipos aos que lle gusta xogar ao fútbol tendo o balón. Sabemos que temos que seguir esta liña de competir en cada partido. Confío en que os tres puntos quedarán en Villalonga.»

FIG: Cal é o obxectivo do Villalonga neste curso? E o de Marcos a nivel individual?



MB: «Está claro que o obxectivo principal do club é a salvación despois do ascenso da campaña pasada. Contando con practicamente o mesmo equipo que na tempada 23-24 creo que acadaremos a permanencia.»

«A nivel individual tentarei axudar ao equipo sempre, se pode ser con goles mellor que mellor! Ogallá que sexa así. Nada me faría máis feliz que poder axudar ao equipo a conseguir o obxectivo da salvación con goles.»

Marcos Blanco, Villalonga: «Estannos a penalizar os momentos de desconexión durante os partidos coma son os erros a balón parado»

A plataforma de televisión do deporte galego

Marcos Blanco, Villalonga: «Estannos a penalizar os momentos de desconexión durante os partidos coma son os erros a balón parado»

O terceiro tempo. Episodio 5

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *