Ao grito de «Xa están aquí”, o RC Celta facía oficial o nacemento do seu equipo feminino tras cen anos de historia. Dende a Cidade Deportiva da Madroa, que será terreo de xogo para as celestes, fíxose realidade a presentación do equipo que o celtismo viña reclamando ano tras ano.
Este conxunto contará con nome propio, “As Celtas”. Nace do acordo coa Unión Deportiva Mos, que será a semente desta fusión entre ambas entidades. O proxecto que comezará o seu camiño na próxima tempada, conta cun equipo en Terceira Federación, un filial en 1ª autonómica, un infantil e un cadete.
O comunicado colleu por sorpresa a moitos afeccionados pero non tardou en facerse tendencia nas redes. «Ía tocando» ou «non podía facerse esperar máis» foron algúns dos chíos máis repetidos na noite do sábado 4 de maio cando saía á luz a noticia nas contas oficiais do Celta.
Este acontecemento, non só engade un novo capítulo á historia do club olívico, senón que tamén ofrece unha nova plataforma para a proxección deportiva das xogadoras galegas. A presidenta da entidade, Marián Mouriño, a través dun vídeo nas redes sociais do club fala de ser un dos «fitos máis importantes da nosa historia recente».
Boas reaccións dende a comunidade futbolística
Malia que o RC Celta comeza na categoría máis baixa do ámbito nacional feminino, a ilusión por poder xogar algún día en Balaídos comeza a espallarse nas cabezas das nenas galegas. Así nolo comentaba María Almeida, xogadora da UD Mos esta tempada, que afirma que poder desputar un derbi feminino en Primeira División é o «soño de toda futbolista galega».
A ata agora futbolista do cadro de xogadoras das ‘abellas’ conta que foi «todo moi de sorpresa» cando souberon da noticia. Os rumores falaban de negociacións co equipo de Sanxenxo, Viajes Interrías FF, que milita unha categoría por enriba da UD Mos, pero que finalmente non remataron en acordo entre ambos clubs.
María conta que as xogadoras das Baloutas están moi ilusionadas por este acontecemento, xa que «beneficiará a todas as nenas galegas», pero tamén espera que non supoña unha «perda de diversidade de equipos da comarca».
Este novo reto xera tamén ilusión entre as entidades deportivas de Vigo e arredores, que se reuniron no espazo ‘A Sede Rc Celta’ este luns. Agustín Rodríguez, presidente do Tomiño FC Feminino, confirma que «dende o club poremos todo da nosa parte para que as nenas cumplan o seu soño». Recalcando a necesidade dunha «boa comunicación con todos os clubs para poder facer un bo traballo».
Tamén resalta que é unha oportunidade de ouro porque «os medios e os recursos dos que dispón o Celta non os teñen os clubs máis pequenos» e así parecía ser consciente Marián en redes sociais, dicindo que o proxecto ten que ser «fonte de inspiración para os centos de nenas que terán agora a oportunidade, os recursos e o apoio suficientes para perseguir os seus soños no mundo do fútbol».
O tempo dirá se poderemos desfrutar dun derbi galego na máxima categoría, pero polo de agora, podemos ilusionarnos con pensar que está algo máis preto de facerse realidade.
IMAXE DE PORTADA: WEB RC CELTA
Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente que non podía estar no campo e dabas un pouquiño máis tamén por elas» - FutbolinGalicia
27th Jun 2024[…] Fito histórico do RC Celta coa creación da […]
Vicky Vázquez, As Celtas: «Só me queda currar a tope para devolver esa confianza» - FutbolinGalicia
04th Jul 2024[…] Fito histórico do RC Celta coa creación da […]
Arlene.V
10th Ago 2024Very interesting subject, appreciate it for putting up.Raise your business