Abrimos repaso aos Diferenciais da Primeira Futgal tras unha xornada marcada pola ponte festiva e, en moitos casos, pola disputa tamén de partidos de Copa. Algúns encontros disputáronse xa o mércores e para outros tivemos que agardar ata o domingo.
No grupo 6, Joel fixo o segundo do Progresista na vitoria 2-0 dos de Salvaterra ante o Vila do Corpus. É o gol da xornada no fútbol galego e pódelo ver aquí. Non faltou á súa cita co gol Carlos Cora, o futbolista da UD Mos suma a décima diana cun tanto no triunfo dos seus 0-3 en Tomiño.
O Domaio deixo a posición de pechacancelas tras superar a todo un Val Miñor, grazas a un gol de Ángel Menduiña. Volveu sumar de tres o Goián, que se impuxo 4-3 ao Santa Mariña con golazos como o de Álex, de falta directa.
Tamén cun lanzamento de falta –neste caso no grupo 5– levou a vitoria o Arcade. Lucas Rodríguez golpeou dende a media lúa para poñer o 1-2 definitivo ante o Valiño. Nicolás Iglesias fixo o gol do Marcón no triunfo dos seus ante o San Martín. E para goles, os que vimos nas Cachizas, onde o Unión levou os puntos ao vencer 3-6 ao Dena. Chuso foi o autor de catro goles para o equipo de Asados.
Vitoria contundente a domicilio tamén do Caldas, que superou 0-4 ao San Adrián cun dobrete de Carlos González e outro de Jose Pérez.
Así foron os grupos 1 e 2 na ponte festiva
Sorprendente derrota da Cultural Maniños –a segunda consecutiva– no grupo 1. O equipo do Pote caeu goleado 6-0 polo Orillamar. Lucas Novo e Diego Roibas anotaron cadanseu dobrete. Malia todo, o equipo de Maniños segue na primeira posición despois de que o Eume Deportivo impediu nos minutos finais que o Victoria CF se fixese co liderado. Foi cun gol de Ángel Miser no minuto 86 co que os de Pontedeume salvaron un punto.
O Valdoviño escala posicións tras acadar unha importante vitoria ante o Cambre. Seny anotou o 2-1 definitivo. Mentres, o Olímpico impúxose por 4-1 ao Perlío cun hat-trick de Ray e o Galicia de Caranza levou os puntos da Grela ao vencer 0-3 ao Ural. Pablo Martínez anotou dous goles.
O partido destacado do grupo 2, entre o Dumbría e o Club do Mar, rematou con táboas (0-0). O Carral aproveitou para achegarse ao líder Club do Mar cunha vitoria ante o Muxía 3-1, á que Jacobo González contribuíu con dous goles.
Intenta achegarse ao grupo de cabeza o Calo, que venceu ao Castriz tamén cun dobrete, neste caso asinado por Adrián García, que xa suma 13 días, que se lle serven para colocarse como segundo máximo goleador do grupo. Retén o título de pichichi Isaac, do Fisterra, que fixo dous tantos no triunfo dos seus 0-5 ante o Tordoia.
Pola parte baixa, o Agolada acadou unha vitoria importante de cara a intentar saír do descenso. O equipo do Hospitalillo venceu 2-1 ao Bastavales. Victor Vilariño anotou o segundo dende os once metros.
Grupos de Ourense e Lugo
O Antela afianza o liderado no grupo 4. Venceu 2-0 ao terceiro clasificado, o Muíños, e xa lle saca dez puntos a este equipo. Cole anotou o primeiro tanto, cun potente disparo cruzado. En Luintra, o Nogueira deu un golpe sobre a mesa ao vencer ao Celanova cun gol de Isi, quen precisamente xogara no cadro celanovés a pasada tempada.
Carlos Figo estreouse en liga como adestrador do Melias e o equipo verde e branco salvou un punto no minuto 87 ante o Polígono con gol de Nogueiras. Tamén no último suspiro acadou o empate e suma un novo punto o Seixalbo que, con todo, non é quen de deixar a penúltima posición. Añel fixo o 4-4 no partido ante o Viana.
En Lugo, a Residencia leva o gato á auga en Castro e faise coa segunda posición ao vencer 1-2, con protagonismo para Pereira, autor do primeiro tanto. Ademais, o Foz venceu 3-1 ao Racing Villalbés ‘B con dobrete de Álvaro Moreda. Mentres, o Monterroso, que xogara o mércores á tardiña, superou 4-2 ao Outeiro de Rei nun partido no que destacou Raulito.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.
Mila
13th Dic 2024Grande Cole 👏🏻👏🏻👏🏻👏🏻👏🏻👏🏻
Mila
13th Dic 2024Grande Cole!! 👏👏👏 Forza Antela