O curso pasado foi espectacular para os vigueses. O Valladares volvía a Terceira despois de 37 anos e conseguíao no seu centenario. Case nada!
A campaña 24-25 non puido empezar de mellor maneira. O primeiro partido acabou e os tres puntos quedaron na Gándara tras vencer por 2 a 0 ao Alondras diante da súa afección. Mais a primeira viaxe trouxo consigo un duro resultado para os pupilos dirixidos por José Carlos Italiani. A visita a Sarria saldouse cun resultado de 3 a 0 favorable para os locais, que son un dos grandes candidatos ao salto de categoría ao termo da campaña.
Unha serie de catro empates consecutivos para volver a gañar
Nas catro seguintes xornadas o Valladares empatou todos e cada un dos encontros que disputou. Non houbo goles nos duelos ante Viveiro e Noia. Por outra banda ante Villalbés e Polvorín o resultado foi de 1-1.
O Valladares volveu á senda da vitoria hai dúas fin de semanas tras impoñerse ao Betanzos por 1 a 0. Mais na seguinte data a UD Ourense asestoulles a segunda derrota no que vai de tempada.
O triunfo diante do Arteixo o venres por 1 a 0 deixa ao Valladares situado na parte media da táboa clasificatoria e cos mesmos puntos que o quinto clasificado. Cabe recordar que esta posición dá acceso ao play-off de ascenso a Segunda RFEF. Eso si, aínda quedan cinco partidos por disputarse desta novena xornada do grupo galego de Terceira RFEF.
Grandes números defensivos mais pouco gol a favor
O Valladares é o cuarto equipo que menos goles encaixa (8), unicamente superado nesta faceta por Villalbés (4), UD Ourense (5), Noia (7) e empatado co líder Estradense (8). En canto a goles a favor, os da Gándara anotaron 7 goles ata o día de hoxe, empatados coma os menos produtivos con equipos coma o Noia, Alondras, Boiro e Betanzos.