A perda da categoría pillou por sorpresa aos diferentes estamentos do club da Veiga. A situación viuse agravada coa tardía planificación da campaña 2024/2025. Na primeira data da presente tempada, o Riotorto contaba únicamente con 13 xogadores dispoñibles, polo que viaxou a Barreiros con únicamente dous cambios. Aínda así os de Omar Gómez, mozo técnico monterrosino que foi o elixido como novo inquilino do banco, leváronse a vitoria do campo do Cascabeiro por 2 a 4 ante o Celta Barreiros.
Dende o triunfo no Chao da Poza ante o Portomarín na xornada 25, alá pola metade do mes de marzo, o Riotorto sumiuse nunha negativa xeira de resultados que o levou ao descenso a Segunda Futgal. Nos últimos nove encontros da pasada tempada, o cadro dirixido por Manolo García non foi quen de sumar ningún punto, incluíndo derrotas ante rivais directos na loita pola permanencia como eran a SCD Milagrosa ou as ED Lourenzá.
Atopar adestrador e xogadores foi tarefa complicada durante todo o verán. Foron varios os técnicos e os futbolistas contactados e inclusive chegouse a temer con que o equipo non puidese saír a competir. Mais finalmente o desenlace tivo un final feliz.
Na tarde de hoxe o Riotorto enfréntase ao Iberia na xornada 2 da competición e de novo contará con poucos efectivos no banco. No tocante ao cadro de xogadores destaca Gerardo Carrera, fichaxe estrella. O asturiano, cunha amplia traxectoria por toda a xeografía nacional, está chamado a ser o referente do equipo. De feito portou o brazal de capitán ante o Celta Barreiros a fin de semana pasada.
Os irmáns Iván e Óscar López Cabo, que viven a súa segunda etapa no club, ou Mujib Olawumi, autor de dous goles no triunfo do domingo pasado, son outras das caras novas do proxecto. Dende o club esperan que nas próximas datas poidan contar con máis efectivos para que de esta maneira o equipo sexa o máis competitivo posible e poida facer un bo papel durante a competición.