Aos recén ascendidos cóstalle adaptarse a Terceira RFEF
O Rosalía, o Atlético San Pedro e o Victoria CF B intentan adaptarse na Terceira Federación feminina despois de conseguir o ascenso. Tras as primeiras xornadas non todos comezaron coa mesma sorte. Mentres o filial do Victoria CF conseguiu situarse na zona media da clasificación, o Rosalía e o Atlético San Pedro están a ter máis dificultades para sumar puntos.
O Victoria CF B é, polo momento, o equipo mellor situado dos tres. Con tres vitorias e dous empates, suma once puntos e ocupa a sexta posición. As cebras están respondendo ben neste primeiro tramo de competición e conseguiron situarse nunha posición máis cómoda ca dos outros dous equipos recentemente ascendidos.
A situación é máis complicada para o Atlético San Pedro. O equipo conseguiu unha vitoria ante o Tomiño e empatou fronte ao Bergantiños nas primeiras xornadas, pero desde entón acumula tres semanas consecutivas sen puntuar. As gañadoras da Copa Coruña e da Copa Deputación están a ter dificultades para manter a regularidade na que actualmente van onceavas.

No caso do Rosalía, o inicio tamén está a ser complicado. O conxunto ourensá, doceavo, non conseguiu puntuar nos encontros que disputou e conta con tres puntos correspondentes ao partido ante o Domaio, que non chegou a celebrarse tras a renuncia deste último da competición. Así, o equipo continúa á procura da súa primeira vitoria sobre o terreo de xogo.
Cadros continuístas con pequenos retoques
Os tres equipos manteñen boa parte dos cadros de xogadoras que lograron o ascenso, aínda que incorporaron algunhas futbolistas para reforzarse de cara ao novo reto na Terceira RFEF.
O Victoria CF B conta coas incorporacións de Lucía Conde (Sporting Cambre) e Candela Fernández (Orzán).

Pola súa banda, o Atlético San Pedro suma a Andrea Ansede e Nadia González, procedentes do Bergantiños, ademais de Adriana González (Victoria CF) e Andrea Pérez (Milagrosa)
O Rosalía, pola súa banda, recupera a Sara Bonjoch, que regresa tras unha temporada en As Celtas, e incorpora a Aida Landqvist, procedente do Tomiño, e a Andrea Calvo, do Cented.
Consolidarse na categoría como reto
O obxectivo dos tres recén ascendidos pasa por adaptarse á Terceira RFEF e conseguir a permanencia. Co descenso limitado a un único equipo, a loita por manter a categoría non se presenta tan esixente. Despois das primeiras xornadas, o Victoria CF B parte cunha situación máis favorable, mentres que o Atlético San Pedro e o Rosalía buscan darlle a volta aos seus inicios.
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































