En FutbolinGalicia non nos olvidamos dos xogadores, adestradores, afeccionados, directivos, árbitros, equipos e demais membros do noso fútbol, é dicir, de todos aqueles que día a día aportaron o seu gran de area para que o fútbol galego sexa do mellor do fútbol español. O protagonista desta nova entrega de Os Vintage é a SD Dubra da tempada 2015/2016, que logrou o ascenso a Terceira División. Ata o día de hoxe continúa a ser o único ascenso da historia do club á actual quinta categoría do fútbol estatal.
Os futbolistas que lograron o histórico ascenso
Os gardametas Xosé Ramón Iglesias e Diego García; os defensas Álvaro Noya, Carlos García, Diego Gesto, Juan Luis Caneda, Manuel Eduardo Álvarez, Pablo Baleato e Roberto Domínguez; os centrocampistas José Antonio Casal, Sergio Lamas, Adrián Vázquez, Carlos López, Dani Ferreiro, Gonzalo Baleato, Gonzalo Suárez, Alejandro Cancela, Iván Facal, José Antonio Liñares, Martín Vieites, Iván Mariño, Adrián Pombo e Ángel Tarrío; e os dianteiros Dani Fraga, Eloy Díaz e Rubén Márquez tiveron minutos durante a Preferente Grupo Norte da campaña 2015/2016. O corpo técnico estaba formado por Chus Baleato, Barreiro, José Barca, Gonzalo Rey e Alberto Ríos.
A bagaxe dos nosos protagonistas durante a competición ligueira foi de vinte e dúas vitorias, dez empates e seis derrotas en trinta e oito partidos. Remataron o curso en segunda posición, obtendo setenta e seis puntos, só superados polo CD Castro, que logrou dous máis. A SD Dubra anotou setenta e nove goles, sendo o mellor equipo do grupo na faceta ofensiva, e recibiu corenta e catro. Eloy Díaz, con vinte e dous tantos, Gonzalo Súarez, con once, e Dani Ferreiro, tamén con once, foron os máximos goleadores do conxunto do Val do Dubra.

Actualidade da SD Dubra
Na actual tempada a SD Dubra está a competir no grupo 1 da Preferente Futgal. Leva tres empates e catro derrotas nas sete xornadas disputadas ata o de agora. Este domingo recibe á UD Carral no Juan Baleato dende as 12 horas co obxectivo de sumar unha vitoria que inicie un cambio de dinámica que o saque do descenso a Primeira Futgal.
Foto portada: Facebook SD Dubra























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































