Pasan os meses e cada vez fai máis frío nos campos de fútbol galegos. É normal. Atrás queda o verán, os partidos de pretemporada a máis de trinta graos e os primeiros tests serios do ano. A baixada das temperaturas nesta fin de semana foi unha evidencia, mais isto non repercutiu no xogo dos futbolistas. Houbo algúns, incluso, aos que lle sentou ben. Porque os Diferenciais da Primeira Futgal están preparados para realizar exhibicións sen importar as condicións meteorolóxicas…
Afiar para gañar
Ao igual que un afiador cos seus coitelos, os equipos do grupo 4 deben esforzarse ao máximo para acadar os mellores resultados.
Ao Raio 21 bastoulle unha única metade para derrotar á Peroxa por un gol a tres. O conxunto adestrado por Iván González saíu ao terreo de xogo coas ideas claras e adiantouse aos vinte minutos por mediación de Rucho. Unha ledicia ben efémera, pois os da Ribeira Sacra non tardaron en reequilibrar a balanza. Foi entón cando Rucho apareceu de novo para darlle a vantaxe aos seus e completar o seu dobrete particular. O Raio aproveitou o subidón do seu gol e anotou outro para pechar o encontro e asegurar así unha nova vitoria na súa casilla.

A pesar de levar unha boa xeira, a volta de Toño Rexá á Tella non lle saíu como esperaba ao técnico do Maceda. Caeron por 4 a 2 fronte a un Nogueira de Ramuín moi superior, especialmente nos primeiros compases de xogo. Nun abrir e pechar de ollos, Ander Ribao asinou unha dupla de anotacións para desnivelar o encontro. O atacante ourensán encargouse de abrir a lata e, non contento con iso, fixo aumentar a contía dos afiadores desde o punto fatídico. Pero a cousa non quedou aí e os de Luíntra sumaron un terceiro tanto para encarrilar as cousas. Con todo, tiveron complicacións para manter o resultado debido á boa, aínda que insuficiente, reacción macedá.
Pese a tomar a iniciativa, o Lamela caeu na relaxación e só puido sacar un punto ante o Monterrei (2-2). Conscientes da necesidade de sumar, o cadro de Mularedos saíu enchufado e desfixo a igualdade cun bo remate de David Iglesias. Os dezáns soltáronse unha vez estiveron por diante e, no reinicio, ampliaron a fenda cun novo gol obra de David. Trátase da súa cuarta diana neste arrinque de temporada, polo que xa supera as cifras do ano pasado. Así e todo, os visitantes non tiraron a toalla e devolveron os golpes para arrebatarlle un empate aos de Silleda.
Só foi unha fochanca
Non hai nada como sumar un +3 tras pasar por unha fochanca, como fixeron estes conxuntos no grupo 5.

Sorrí o Atlético Combarro e non é para menos, pois os ‘piratas’ golearon ao Soutomaior (4-1) e afiánzanse así nos postos de play-off. Inauguraron o marcador á media hora para, xusto antes do descanso, aumentar a diferenza grazas ao bo facer de Lucky. Poucas fichaxes están a contribuír tanto como o killer mariñán, quen asinou tamén o 3 a 0 na segunda metade. Tombados sobre a lona, os homes de Jaime Calvar tan só puideron resistir como puideron o vendaval celeste e branco.
Custou, pero o Sport Team Estrada xa pode desfrutar da súa primeira vitoria logo de gañarlle por un axustado 1 a 0 ao Flavia. Sen oportunidades claras na primeira metade, o encontro foi á pausa co ‘resultado gafas’ do inicio. Mais isto durou pouco. Juanín, home-gol dos estradenses, saíu ao rescate como se dun súper heroe se tratase. Foi el quen furou as redes rivais para converter o único tanto da tarde, celebrado por todos aqueles seareiros que se achegaron ao Municipal Manuel Regueiro.
E o Amenecer tamén venceu por cero goles a un ao seu rival, o Abanqueiro. Ambos equipos chegaron a Vista Alegre coa necesidade de puntuar e saír así da zona baixa da táboa clasificatoria. Pero os do Grove puxeron máis de si e, despois de intentalo en varias ocasións, lograron por fin ver porta. Unha diana de Brais Lago a dez minutos do final permitiulles sacar os tres puntos da súa visita ao Barbanza, achegándose aos postos da ansiada salvación.

Saír da queima
Se un quere saír da queima do descenso no grupo 6 debe subir as súas prestacións e dar o 100%.
Así fixo o Tyde. A mellora dos tudenses nestas últimas xornadas levounos a endosarlle un claro e contundente 7 a 0 aos seus veciños, o Sporting Guardés. Como na temporada, foron de menos a máis e conseguiron tomar vantaxe nunha acción culminada por Xián. Os homes de Hugo Sanmartín deran coa tecla correcta e non deixaron de atacar a meta rival liderados por Xián, quen completou o seu hat-trick na segunda manga. Chegado desde a canteira do Val Miñor, o mediocampista promete ser unha peza importante na escuadra do Álvarez Durán.

Non foi a única goleada da xornada xa que o Caselas bateu por un set a dous (6-2) ao Mosende. O dominio celeste púxose de manifesto desde o minuto un e, pouco despois, Hugo González encargouse de reflectilo no luminoso. Se hai un nome propio neste choque é o do killer dos salcedáns. Ademais do tanto inicial, viu porta tres veces máis acabando coas esperanzas dos porriñeses. A vitoria permitiulle ao Caselas abandonar os postos de descenso.
Pasan as xornadas e o Choco, lonxe de desfondarse, permanece imbatido. Iso si, os redondeláns sufriron desta vez e só venceron ao Erizana por un gol a dous. Kevin Castro non tardou en facer das súas, enviando o balón ao fondo das redes vermellas. Pero o cadro de Baiona non quedou de brazos cruzados e devolveu o golpe ao anotar unha pena máxima no reinicio. Foi entón cando un último esforzo do propio Kevin deu os seus froitos, desequilibrando a balanza a favor dos choqueiros xusto cando non había tempo para máis.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.





















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































