# Hashtag
#Segunda RFEF Feminina

Os equipos galegos comezan con bo pé na Segunda Federación

As Celtas, o Dépor B e o Victoria CF comezaron o pasado fin de semana a competición e os tres sumaron as súas primeiras vitorias nesta campaña da Segunda Federación.

As branquiazuis lideran a clasificación tras vencer por 0-5 ao Fundación Rayo Vallecano. O Deportivo abriu a lata desde o punto de penalti, encargado de transformar a pena máxima foi Marta Rico. Unha vez conseguido o primeiro, foron chegando os seguintes e as coruñesas marcharon ao descanso cun 0-3. Na segunda parte chegaron ata os cinco goles. Marcaron Daniela Valbuena, Sara Cercido, Elsa Ayats e Jenni Rodríguez, estas dúas últimas chegadas ao equipo coruñés no último curso.

O segundo equipo mellor situado é o Victoria CF, que está segundo tras impoñerse no seu debut na categoría por 1-4 ao CD Arratia. O primeiro tanto foi obra de Laura Izard. A futbolista, chegada ás cebras este verán procedente do Bergantiños, deixou o seu nome escrito na historia do club ao marcar o primeiro gol nesta nova etapa. Pero non construíu ela soa a vitoria. Candela Vázquez marcou o segundo e, aínda que as vascas lograron reducir a distancia, Candela volveu aparecer no desconto para poñer o terceiro. O broche final púxoo Lucía Mansilla no minuto 97. Lula tamén chegou este verán ao equipo.



O resultado máis axustado foi o do Celta, que lle gañou ao Real Avilés tras remontar nos últimos dez minutos de partido. As asturianas adiantáronse no minuto 59 e as de Vigo non foron capaces de meterse no partido ata o 82, cando Tati Cruz empatou o encontro. Sete minutos despois, unha das fichaxes das celestes, Andrea Albiol, puxo o segundo para asegurar os tres puntos.

Tres días despois volveron enfrontarse, pero esta vez non en liga, senón na Copa da Raíña. As Celtas volveron gañar na súa casa, pero os 90 minutos remataron sen goles, polo que tiveron que ir aos penaltis. As viguesas anotaron catro penaltis, mentres que as asturianas só dous. O equipo celeste coñecerá mañán o seu rival nos dezaseisavos da competición copeira.

Disparo de saída

Esta semana comeza a Terceira Federación, que finalmente contará con 13 equipos tras a retirada do Domaio. Nesta primeira xornada enfrontaranse Friol-Concello de Boiro, Orzán-Rosalía, Tomiño-As Celtas, Bergantiños-Victoria B, Atlético Villalonga-Atlético San Pedro e Lóstrego-Victoria.



Tamén comeza a Primeira Galicia, que, ao igual que a Segunda, este ano cambia o modo de competición. Primeiro xogarán unha primeira fase e, dependendo do posto no que queden, volverán ser reagrupados. Os tres mellores de cada grupo enfrontaranse para decidir cales ascenden, mentres que os tres últimos de cada un xogarán por non descender. No caso da Primeira, só hai dous grupos de dez equipos cada un.

En cambio, na Segunda, que comeza o fin de semana do 20 de setembro tras ser retrasada unha semana pola tardanza do calendario, hai catro grupos, dous de 10 e dous de 9, que despois formarán tres grupos de 12, entre os que sairán os ascensos; 16 equipos xogarán unha fase de prata e outros 12 xogarán por non descender. Nesta categoría hai finalmente 38 equipos.

O Valladares, campión da Copa Vigo

O Valladares proclamouse campión da 13ª Copa Vigo tras impoñerse por 2-4 ao Lóstrego nunha final con seis goles. As viguesas puxéronse por diante moi cedo, no minuto 3, cun tanto de Elva Collazo. O Lóstrego reaccionou e Adriana Remeseiro igualou no minuto 13.



Antes do descanso, Judith Vázquez volveu adiantar ao Valladares no minuto 43. Na segunda metade chegaron tres goles máis. Paula Ramos, no 60, e Sofía Molinero, no 62, ampliaron a vantaxe das viguesas. O Lóstrego recortou distancias cun gol de Candela Donato de Ochoa, na 89 pero non foi suficiente para cambiar o destino, o Valladares levantou o título que o ano pasado non poideron conseguir e sacar a espiña.

Os equipos galegos comezan con bo pé na Segunda Federación

Os Vintage: SDC Galicia Mugardos 2014/2015

Os equipos galegos comezan con bo pé na Segunda Federación

Os equipos galegos comezan con bo pé