# Hashtag

Volven os Diferenciais da Primeira Futgal! (P. II)

Botástelos de menos? Pois estades de sorte, porque xa non tedes que agardar máis! Afeccionados ao fútbol rexional galego, volveu a Primeira Futgal e con ela volveron os goles e a emoción! Transcorrido o primeiro asalto, é hora de debullar o que deixou a xornada, con especial atención ás exhibicións dos Diferenciais. Xa sabedes, eses futbolistas capaces de poñer en pé a toda a bancada e marabillala co seu xogo.

A vendima non lles afecta

Setembro é un mes complicado para as rexións vitivinícolas de Ourense, pois a vendima adoita interromper a dinámica dos equipos de fútbol. Así e todo, parece que a estes equipos do grupo 4 non lles afectou.

Tras quedar ás portas dun histórico ascenso á Preferente Futgal, o Córgomo quere volver loitar polos primeiros postos. Deixouno claro no Álex Blanco, onde goleou por un contundente 0 a 4 ao Lemos B. Os pupilos de Jorge Merayo, quen se estreaba no banco valdeorrés, saíron enchufadísimos ao terreo de xogo. Marcharon á caseta por diante e, á súa volta, David Álvarez anotou o seu primeiro tanto coa camiseta branca e verde. Chegado desde o Atlético Astorga e con pasado no Barco, o mediocentro está chamado a liderar e medular do Córgomo.



Peke (Córgomo) intenta regatear a Vila (Lemos B). FOTO: TORFY/CD CÓRGOMO VILAMARTÍN

Máis igualado foi o MonterreiLoñoá, resolto en favor dos primeiros (3-2). Rozavales non tardou en celebrar o primeiro da tarde, xusto cando se cumprían os cinco minutos no electrónico. Ao volver do reinicio ampliaron a súa vantaxe, aínda que os visitantes souberon reaccionar e aproveitaron a relaxación do cadro vermello para devolver os golpes. Xa na prolongación, Diego Paz púxose a capa de súper heroe e cun estupendo remate deulle a primeira vitoria do curso aos seus.

Por outra banda, o Francelos tirou de épica para remontar o seu partido e gañarlle ao Maside por dous goles a un. Os de Mindo Surribas foron os primeiros en golpear, tomando a iniciativa aos vinte minutos. Gele precisaba de solucións e atopounas cando deu entrada a Damián. Unha vez máis, o atacante de Celanova demostrou todo o seu talento no céspede da Valboa. Foi el quen puxo a igualada e, non contento con iso, asistiu ao seu compañeiro Hugo para culminar a remontada do Francelos.

Ninguén vai ceder

Co Ribadumia e o Marín en Preferente, ningún equipo do grupo 5 vai ceder á hora de acadar os seus obxectivos.



O Cordeiro levouse o duelo da xornada ao derrotar por dous goles a cero ao Unión. Pese a igualdade dos primeiros instantes, a entidade de Valga seguiu a insistir sobre a meta rival e atopou o seu merecido premio en forma de gol. Unha vez por diante, comezaron a facerse co dominio do esférico e ampliaron a súa renda por mediación de Moisés. Quen se non? O pichichi do pasado curso comeza este como rematou o anterior: vendo porta e liderando a ofensiva do Cordeiro nesta primeira xornada.

Chan da Barcia vibrou co triunfo do Pontecaldelas ante o Amanecer (3-2). Pouco antes de chegar á media hora, Raúl Garrido, Chuky, abriu a lata para o combinado branco e verde. E fíxoo, ademais, de maneira espectacular, rematando un centro lateral cunha chilena que se coou pola escuadra visitante. A tolemia desatouse nos seguintes 45 minutos, con varias idas e vidas por parte de ambos contrincantes. Ata que, co tempo regulamentario xa cumprido, Chuky volveu ver porta para asinar un dobrete na súa conta particular e poñer en pé a todos os seareiros do Pontecaldelas.

Atlético Cuntis e Monteporreiro firmaron táboas ao empatar a 3. Non foi un bo comezo para os homes de Tinto, posto que recibiron dous tantos en contra no primeiro cuarto de hora de partido. Foi entón cando apareceu en escena Iván Folgar, quen asinou un hat-trick para darlle a volta á situación e poñer por diante aos de amarelo e negro. O canteirán leva varios anos sendo un xogador moi importante na Ran e este ano quere volver a selo. Con todo, o seu triplete non serviu de nada xa que o Monteporreiro logrou o empate nos últimos instantes.



Unha de sorpresas

Se hai novidades, o fútbol sempre é máis divertido e diso saben moito no grupo 6.

Nesta primeira xornada houbo poucas sorpresas como a vivida en Angoares coa vitoria do Vila do Corpus ante o Tyde (3-2). Decididos a facerse cos tres puntos, os ponteareáns saltaron ao campo con intensidade e tomaron a iniciativa no encontro con dous goles. No reinicio, Varela ampliou a renda deixando tocado e case fundido a un indolente Tyde. Despois de anotar 8 dianas na campaña 2025/26, o atacante local probou unha vez máis a súa capacidade para enviar o balón ao fondo da rede. A reacción tudense chegou máis tarde, cando xa era demasiado tarde para a remonta.

Rápido de Bouzas e Progresista protagonizaron unha auténtica oda ao fútbol ao empatar a tres goles. O gran inicio dos olívicos permitiulle sacar unha vantaxe de dous tantos nos primeiros compases do choque. Pese a reducir a fenda antes do entretempo, a escuadra de Fornelos sucumbiu de novo ante o seu rival, afrontando o último treito cun 3 a 1 en contra. Non tiraron a toalla e volveron aproximarse no marcador para, finalmente, salvar un punto grazas ao bo facer do seu capitán, Borja Mera.

Finalmente, o Racing Castrelos impúxose ao Erizana por un axustado 1 a 2. A igualdade entre os dous equipos foi unha constante ata que Portas rachou con ela momentos antes de marchar aos vestiarios. Aos seus 43 anos, o central vigués segue a ofrecer un gran rendemento en calquera das dúas áreas, tal e como probou o pasado domingo. O golpe fíxolle dano aos de Baiona e o Racing Castrelos aproveitou para facer o segundo pouco despois.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Volven os Diferenciais da Primeira Futgal! (P. II)

Volven os Diferenciais da Primeira Futgal!

Volven os Diferenciais da Primeira Futgal! (P. II)

Os Vintage: SDC Galicia Mugardos 2014/2015