# Hashtag
#Categorías RFEF #Segunda RFEF

Os clubes de 2ª RFEF debuxan os seus obxectivos

A 2ª RFEF puxo fin á temporada 2023/2024 e, a expensas do que ocorra na eliminatoria entre Gran Peña e Salamanca UDS, o fútbol galego terá cinco representantes na cuarta categoría do fútbol nacional. Se o filial celeste acada o ascenso, serán seis: os vigueses sumaríanse a Pontevedra CF, SD Compostela, RCD Fabril, Coruxo FC e Bergantiños FC.

As pretemporadas comezarán en menos dun mes e as direccións deportivas traballan arreo para conformar cadros de xogadores competitivos, que permitan acadar os obxectivos de cada un dos conxuntos, desde o ascenso á 1ª RFEF ata a permanencia na categoría. Falamos cos clubes para coñecer as súas expectativas de cara á temporada 2024/2025.

Necesidade de voltar á 1ª RFEF

O Pontevedra CF quedou coa mel nos beizos este curso. Logo dunha loita moi intensa con Ourense CF e Zamora na liga regular, os da cidade das Burgas obtiveron o ascenso directo. Na promoción de ascenso, un Betis Deportivo con xogadores de enorme calidade foi o verdugo dos de Yago Iglesias. O club e o adestrador atópanse inmersos en negociacións, pero desde a entidade do Lérez afirmaron a Futbolingalicia que «volveremos loitar unha temporada máis por estar o máis arriba posible. Faremos de Pasarón un campo no que os rivais teñan moi complicado sacar puntos».



Consolidar a Canteira Picheleira

Un lance do último Coruxo-Compostela. Imaxe: Raúl Baquero (Facebook Mucha Calidad)

A SD Compostela viviu unha campaña turbulenta. Tres adestradores pasaron polo banquiño dun Vero Boquete que viu como o equipo non rendía de acordo coas expectativas. Porén, as boas novas chegaron desde abaixo. Antón Permuy e Dani Gesto —que comezaban a temporada no Xuvenil ‘A’ do club— seguirán á fronte dun proxecto que ilusiona en Santiago e que fixo debutar a 11 canteiráns no curso 2023/2024.

O director directivo do club, Víctor Pazos, afirmou para os nosos micros que «os obxectivos son facer un cadro de xogadores competitivo para estar o máis arriba posible. Imos facelo con fichaxes novas, xente de curta idade pero con moi bo nivel e gran proxección».

Medrar de forma paralela ao primeiro equipo

Son tempos novos na Coruña. Logo do ascenso do Dépor e a permanencia do Fabril, os seareiros coruñeses atópanse máis ilusionados que nunca. Óscar Gilsanz seguirá a fronte do filial branquiazul, logo de varias campañas de éxitos e dun gran traballo de toda a base en Abegondo. O proxecto do club é claro, continuar co crecemento e seguir sacando xogadores para o primeiro equipo, como é o caso de Mella, Yeremay ou, en última instancia, Rubén López.



Manterse como un (Rfef)erente para todo o fútbol galego

O Coruxo FC leva 14 anos facendo historia, como o propio Pitu Doncel recoñecía hai unhas semanas nunha entrevista con nós. Porén, desde o club do Vao son ambiciosos. David de Dios seguirá á fronte dun proxecto que mira cara arriba despois dun ano moi sufrido, sobre todo no comezo. Ante a marcha de xogadores importantes como Dani Vidal, os vigueses poñerán moito traballo para continuar sendo referentes na súa comarca e en toda a comunidade. O teito do Coruxo, tal e como o mediocentro Pitu sinalaba, está por alcanzarse.

As Eiroas quere consolidarse na 2ª RFEF

Un ano despois do seu descenso, o Bergantiños FC volverá competir na cuarta categoría do fútbol nacional. Será coa humildade propia dun equipo que está demostrando o seu bo traballo en todas as idades, desde o primeiro equipo ata todo o fútbol base, e cun adestrador que debutará na categoría. Jorge Cuesta colle os mandos dun conxunto recén ascendido cun obxectivo claro, que el mesmo detallou: «todo pasa por asentar ao club na categoría e, a partires de aí, seguir medrando». O preparador vigués chega desde a Sarriana para consolidar ao Bergan nunha 2ª RFEF que se antoxa moi dura, pero ao mesmo tempo moi ilusionante para todos os implicaos nela.

Imaxe de Portada: WEB RCDEPORTIVO



Os clubes de 2ª RFEF debuxan os seus obxectivos

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 4

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *