O Bergantiños FC acadou a pasada tempada o tan desexado ascenso á Terceira RFEF. Tras 3 anos ás portas de subir á categoría nacional conseguían o seu premio ante o Tomiño FCF na final do playoff.
Malia a ilusión do desafío, o salto de competición está semellando máis difícil do agardado por todos. A piques de disputarse a oitava xornada, as de Bergantiños aínda non conseguiron puntuar en ningún dos encontros.
Un inicio complicado
A estrea nunha categoría de maior nivel adoita pór a proba a capacidade de adaptación dos equipos, e o Bergan está experimentando de primeira man o difícil que iso pode ser. Ao longo das primeiras sete xornadas, o equipo non foi capaz de imporse a rivais que, na súa maioría, contan con maior experiencia nesta división.
En varias ocasións o combinado vermello quedouse ás portas de acadar os puntos. Un tanto de Noelia Gómez ante o Victoria CF abría o contador histórico en categoría estatal. Ese gol non foi suficiente e o encontro pechouse cun 2-1 a favor das de Coruña.
No último encontro ante o filial do Oviedo tampouco conseguiron rascar puntos. Encaixaron o primeiro gol no minuto 7 e caeron finalmente derrotadas por 1-4.
O desafío: manter a moral alta
Este inicio non foi o desexado pero o Bergantiños ten por diante 23 xornadas para reverter a situación. O salto de categoría non só implica unha adaptación táctica, pois en momentos delicados como este o factor psicolóxico é chave.
As xogadoras enfróntanse á presión de non puntuar e, a ansiedade por facelo, aumenta a cada partido. O xogo e a cohesión do equipo dirixido por Pastoriza está sufrindo unha evidente melloría malia que os resultados non acompañen. O equipo continúa a traballar para atopar a fórmula que lles permita competir de maneira máis efectiva. Fortalecer a cohesión, tanto en ataque como en defensa, e conseguir pechar os encontros.
Un equipo con calidade dabondo
Nestes momentos, o traballo en equipo é crucial pero tamén é importante contar con nomes que destaquen individualmente e o Bergantiños os ten. Podemos falar da porteira Andrea Amil, con experiencia en categorías nacionais tras xogar en Segunda Federación co Interrías e en Terceira Federación co Victoria CF.
Amil xa militou no Bergantiños, onde conseguiu ser a porteira menos goleada da Primeira Galega. Incorporouse de novo este ano ao equipo carballés tras desfrutar da experiencia na Queens League no equipo do Rayo de Barcelona.
A portería está cuberta e para os goles teñen varios nomes. Esta tempada Noelia Gómez está sendo a máxima anotadora do equipo con 4 tantos. O pasado ano marcou 17 goles co Orzán e decidiu incorporarse ao proxecto do Bergan. Se falamos de goles non podemos non nomear a Cruz Sánchez, capitá e pichichi do equipo. Dende o ascenso do equipo á Primeira Galega na tempada 2020-2021 suma máis de 70 goles en liga.
No centro do campo a continuidade de xogadoras como Laura Caamaño e Alba Villar entre outras, poden dar ao equipo ese punto de estabilidade necesario.
Moitos partidos por disputar
O Bergantiños ten por diante unha serie de partidos tan importantes como complexos. Desprazamento a Toro esta fin de semana, encontro ante o pechacancelas da categoría e logo enfrontamento ante o líder. Deste xeito, a folla de ruta para puntuar nalgún partido das próximas tres xornadas pasa por Bovedana, Parquesol e Dépor B.
Cada xornada ofrece unha nova oportunidade, e malia que os resultados non acompañasen ata o de agora, o equipo ten as ferramentas para saír adiante. A experiencia das xogadoras máis veteranas e o talento das novas incorporacións serán chave para poder estrear o seu caixón de puntos.
O Lóstrego volve á senda da vitoria - FutbolinGalicia
01st Nov 2024[…] O Bergantiños segue sen puntuar en categoría nacional […]